Joan Coscubiela: a soidade lúcida do corredor de fondo. III. Cando a vitoria non é a solución

© Parlament

As eivas do independentismo

Coscubiela non ten dúbida ningunha de que o independentismo é lexítimo. Pero tamén pensa que comete dous erros: o de entender o debate sobre a soberanía como un conflito entre Cataluña e España, como se non existisen nin a Unión Europea nin os mercados globais; e o de pensar que recuperar soberanía nun contexto globalizado precisa de máis fronteiras. Ademais, e malia ser un movemento pacífico, implementa unha estratexia de asfixia ambiental e de intimidación emocional dos dubitativos, dos equidistantes e dos discrepantes. E tamén é excluínte: quen non acepta o marco mental independentista resulta ser un traidor.

A vía unilateral cara a unha independencia low cost constitúe unha frivolidade e un grande autoengano colectivo

A maiores, o secesionismo alberga, por unha banda, actitudes supremacistas, xenófobas e clasistas, que se substancian na idea de Cataluña como pobo elixido; e, por outra, un certo neocarlismo, que se manifesta na sublimación do pasado, no rexeitamento das novas realidades sociais e económicas, na defensa tradicionalista das estruturas comunitarias e políticas coñecidas. Amosa desprezo cara a España, un país disque sen remedio; cara ás leis, o cal fai que subestime a capacidade de reacción do Estado (que, como todos, se dota dun sistema xurídico para regular a convivencia e garantir o respecto ás formas democráticas); e tamén cara a Europa, con manifestacións euroescépticas e mesmo eurofóbicas.

Finalmente, a vía unilateral cara a unha independencia low cost constitúe unha frivolidade e un grande autoengano colectivo fomentado irresponsabelmente polos medios de comunicación procesistas e sobre todo polos poderes públicos, que en Cataluña pretenden ter dereito á insubmisión, como se non estivesen suxeitos á lei e como se a insubmisión non fose privativa da sociedade civil.
 

Un país fracturado

É posíbel que a ingobernabilidade de Cataluña, con consecuencias en España, se volva crónica

Chegamos así, segundo Coscubiela, á actual situación de bloqueo. O independentismo, con toda a forza mobilizadora –moi ben organizada– dun ilusionante imaxinario utópico, está consolidado e vai condicionar a longo prazo a política catalá e española. Esta grande ilusión, porén, deu lugar a unha ficción onde é difícil introducir a racionalidade. O conflito segue formulado en termos binarios: independencia si, independencia non. Cataluña está social e politicamente polarizada, economicamente debilitada e institucionalmente paralizada. As ideas articúlanse en dicotomías maniqueas das cales non é fácil fuxir e que xeran un aumento da intolerancia.

En España ten lugar, en paralelo, unha dereitización do electorado. Mentres as forzas proclives a recoñecer o carácter plurinacional do país son castigadas, xorden expresións de extrema dereita. Pero o desenlace de vencedores e vencidos, que buscaron uns e outros, non tivo lugar. Cada unha das partes humilla a outra impondo condicións de rendición que só xeran resentimento. É posíbel que a ingobernabilidade de Cataluña, con consecuencias en España, se volva crónica.
 

Hai unha saída?

As vías de solución que albisca Coscubiela pasan pola necesidade de que, a curto prazo, a independencia deixe de ser o eixe da política catalá. É prioritaria unha resposta aos problemas –particularmente aos relacionados coa desigualdade– causados pola globalización. Debe ser o conflito socioeconómico o que canalice, no canto do independentismo, a necesidade de resposta da sociedade catalá.

Debe ser o conflito socioeconómico o que canalice, no canto do independentismo, a necesidade de resposta da sociedade catalá

A solución non está na vitoria. Cataluña xa non encaixa no Estado autonómico, conque cómpre dotala de máis poder fiscal, construír un Estado federal materialmente asimétrico –que reparta o poder político territorial con distintos niveis competenciais, blinde determinadas competencias das nacións e garanta á vez a igualdade no exercicio dos dereitos sociais e no acceso aos servizos básicos–, outorgarlle un maior protagonismo ao conflito social e apostar pola Unión Europea como espazo de reconstrución da soberanía cidadá fronte aos mercados.

Obviamente, unha consulta pactada en Cataluña e con España é desexábel. Pero a dereita española non a vai aceptar. No seu lugar cabería quizais unha reforma constitucional sometida a referendo para a instauración dun Estado federal.
 

Unha análise nos antípodas do populismo

Tanto para os secesionistas como para os unionistas, a reflexión de Joan Coscubiela é imposíbel de dixerir. O estilo claro e transparente de quen foi avogado laboralista, secretario xeral de Comisións Obreiras de Cataluña e deputado no Congreso e no Parlament é o dunha persoa afeita a despexar a cabeza durante longas e solitarias carreiras de fondo, ben lonxe do ruído e da furia que confunden o entendemento. Lean con calma e atención Empantanados. Una alternativa federal al sóviet carlista e xulguen vostedes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.