Código Uno
Hai xa uns anos, saíndo do choio en Madrid, tomei a lanzadeira errada. Cousas que pasan, nada grave. Era unha desas que poñen as empresas para comunicaren os polígonos do extrarradio co centro da cidade, e ninguén se preocupa de controlar quen usa o servizo. Todos queren escapar de alí canto antes. Nada máis subir, de súpeto, oio unhas verbas familiares:
Mecharon drogha en el ColaCao! - di unha voz ao fondo.
Que yo nunca dormí tanto! - resposta outro máis adiante.
Estamos claramente ante un antecesor en toda regra dos actuais YouTubers
Eran un grupo de desenvolvedores de software que foron discutindo durante todo o camiño os pormenores do caso acontecido a José Tojeiro1, emigrante retornado de Suíza a Cariño a comezos dos anos noventa. Para os que non o coñezan, aquí o documento completo2, aparecido no programa de TVE Código Uno por aquelas datas, en horario de máxima audiencia:
Resulta ser un suceso tremendamente popular, especialmente entre o gremio informático, e as súas frases especialmente celebradas e repetidas ininterrumpidamente. Sei de colegas meus de profesión que recoñecen telo reproducido a diario durante semanas ou incluso meses enteiros e, coñecedores de que eu fora paisano del, interesárense no seu día pola súa saúde. A súa popularidade foi (e segue a ser) tan grande que aínda hoxe é referenciado nalgúns medios cando se descubre algún alixo de droga inesperado.
Despois de tratalo en vida, estou certo que el nunca pretendeu lograr esa fama e desde logo nunca lle sacou ningún rendemento. Aínda que se o evento chega a suceder un pouco máis tarde, se cadra puidera telo feito. Estamos claramente ante un antecesor en toda regra dos actuais YouTubers.
Wismichu
Wismichu na actualidade conta nada máis e nada menos que con sete millóns de suscriptores no seu canal
Éste coruñés é un dos YouTubers máis populares en España e seguramente en todo o mundo castelánfalante. Sen entrar en xulgar a calidade dos seus contidos (nada máis lonxe da miña intención), na actualidade conta nada máis e nada menos que con sete millóns de suscriptores no seu canal. Abondo como para vivir dese traballo, aínda que, polo que el conta, non como para retirarse mañá do negocio. Aquí un dos seus vídeos:
Vendo que non se trata de ningunha proeza insuperábel, e que non se precisa ningún talento fóra do normal, o lector pode perguntarse: Paga a pena entón meterse a YouTuber?
O feito de gañar popularidade nas redes é un fenómeno extraordinario. É tan difícil lograr conseguir esa tan ansiada fama que tantos cobizan, que a inmensa maioría fracasan no seu intento
Non vou ser eu quen resposte a esa pergunta. O que está claro é que o feito de gañar popularidade nas redes é un fenómeno extraordinario. É tan difícil lograr conseguir esa tan ansiada fama que tantos cobizan, que a inmensa maioría fracasan no seu intento. Por cada YouTuber profesional, hai miles afeccionados. Iso dá aínda máis valor aos que xa o lograron, facendo que unha mínima diferenza entre un YouTuber que apareceu nun momento e lugar xustos e outro que non tivo esa sorte, se convirta nun salto de millóns de visitas entre os dous canais.
O Cisne Negro
Os fenómenos fóra do común, coma os de Wismichu ou José Tojeiro, foron estudados polo filósofo e especulador en bolsa Nassib Nicholas Taleb, quen enunciou a súa famosa Teoría do Cisne Negro. Dita teoría ten moitas ramificacións, entre elas a tendencia do ser humano a “racionalizar” eses eventos despois de que se produzan.
Tendemos a buscar explicacións aínda que en moitos casos non existan. E cando non as encontramos, fabricámolas. Chegaron Tojeiro e Wismichu a seren famosos por unha serie de razóns obxetivas ou por mero azar? Que teñen eles que non teñen ou tiveran outros? Perguntando a diferentes persoas coñecedoras dos medios, cada unha dará diferentes respostas. O mesmo sucede no campo das empresas. Facebook, Google, cantos competidores tiñan? Como chegaron á súa posición de monopolio no mercado? Pode ser que unha decisión insignificante no pasado (p.ex. Yahoo comprando Google por un millón de dólares ou Zuckerberg tengo un compañeiro de habitación un pouco menos opulento), alteraran o futuro que temos hoxe?
Fabricamos as nosas ideas sobre o funcionamento do mundo e, cando fallan, inventamos escusas para seguirmos adiante. O noso cerebro non está preparado para estar errado
Di tamén Taleb que nesa tendencia do xénero humano a fabricar relatos e a perder de vista o mundo real é unha das causas dos males das sociedades, non só agora senón en toda a historia da humanidade. Fabricamos as nosas ideas sobre o funcionamento do mundo e, cando fallan, inventamos escusas para seguirmos adiante. O noso cerebro non está preparado para estar errado.
Nesa ausencia de evidencia empírica das nosas asuncións estaría a orixe de decisións que deron lugar a moitas traxedias, como por exemplo, pensar que o mundo estaría mellor habitado por unha soa raza superior, que a economía sería perfecta controlada íntegramente polo estado ou que suprimir unha língua no ensino melloraría a súa calidade. A realidade choca de fronte contra esas crenzas, aínda que os seus detractores se aferren a outros relatos (negacionismo do holocausto, factores externos que desestabilizaron a economía soviética, suposta discriminación aos falantes da lingua maioritaria…3).
Ao final, un dos relatos impónse sobre o resto. Iso non quere dicir que sexa verídico, abonda con que a maioría estea dacordo con que o sexa
Por suposto, esas historias, contos máis ben, son respostadas por outra serie de relatos, polos partidarios da opción contraria, na súa maioría baseados na ficción tamén. A maior sentimentalismo e irracionalidade, máis credibilidade. E é así como ao final, un dos relatos impónse sobre o resto. Iso non quere dicir que sexa verídico, abonda con que a maioría estea dacordo con que o sexa4.
Ti tamén podes ser Tojeiro
Non vou ser eu quen desanime ao lector de tentar buscar a fama nas redes sociais. Non é esa a miña intención, senón todo o contrario. O mesmo Taleb afirma que, así que como existen os cisnes negros “positivos”, tamén por desgraza existen os negativos: aqueles eventos inesperados que fan a nosa vida miserábel ou até acaban con ela. É por iso que afirma que debemos minimizar á exposición aos negativos e maximizar a nosa exposición aos cisnes negros “positivos”. Para o primeiro, no mundo actual pódese encamiñar en parte usando seguros propiamente ou evitando poñer “todos os ovos no mesmo cesto”5. Para o segundo, non é tan doado.
Nunha época de Fake News e trolas continuas nos medios, é especialmente importante ser escéptico
Tampouco quero ir totalmente en contra dos relatos. O ser humano precisa historias, tanto que non pode vivir sen elas. A mesma teoría do Cisne negro é un relato. Porén, o que creo que é importante é desconfiar dos relatos cando se presentan como verdades absolutas. Nunha época de Fake News, e trolas continuas nos medios, é especialmente importante ser escéptico.
É por iso que unha nova sobre o tren entre Ferrol e Ribadeo me parece moito máis informativa que outra sobre un bombardeo da oposición en Siria
É por iso que unha nova sobre o tren entre Ferrol e Ribadeo me parece moito máis informativa que outra sobre un bombardeo da oposición en Siria. É moito máis doado de comprobar unha noticia local que unha que sucede a miles de kilómetros de distancia, por moi tráxica que sexa. Claro que non quita que talvez, para a maioría da poboación da Mariña e Ortegal, ter unha boa conexión por estrada sexa máis relevante que un ferrocarril en funcionamento. Unha vez máis, cadaquén escolle o relato no que quere crer.
Notas
- Escrito respectando a grafía orixinal, aínda que Tojeiro foi sempre pronunciado no Ortegal con 'x'. Sendo lexítimos, os seus viciños sempre se referiron a el como “Husé do Maculeirón”, pronunciado con 'o' fechada e gheada aspirada.
- Realmente, o vídeo que fixo famoso ao noso héroe é un extracto, creado por un admirador, no que só aparecen as súas frases e que ten máis dun millón de visitas.
- Só por propor uns exemplos. Hai moitos máis, como buscar armas de destrucción masiva en Irak, por exemplo.
- A Segunda Guerra Mundial dos occidentais é a Gran Guerra Patriótica para os rusos. Dous relatos diferentes, con puntos en común.
- Exemplos prácticos: meter todos os cartos en preferentes ou facer todos os investimentos na construcción.
Publicidade
{C}{C}{C}{C}