Nos últimos anos, a raíz de que o hispanista estadounidense Richard Herr publicase en 1984 as súas memorias, a figura do crego ilustrado e liberal don Juan Antonio Posse (Soesto-Laxe, 1766) foi cobrando importancia. Escritas en 1834 na súa parroquia de San Andrés de Rabanedo (León), o cura Posse lembra nelas a súa infancia en Galicia (ata os 12 anos) e mocidade, así como transcorrera a súa vida de párroco en tres freguesías leonesas, a última a de Rabanedo, daquela un arrabalde da capital e hoxe a terceira cidade da provincia, con 30.000 hab.
Na edición de Herr tamén se publica o seu famoso Discurso sobre la Constitución [de 1812] pronunciado ante os seus fregueses de San Andrés o 29 de novembro desde mesmo ano, coincidindo coa festa patronal. Eses sermón ou discurso de eloxio á Constitución publicaríase de inmediato en León e na Coruña ó ano seguinte ás expensas dos liberais coruñeses.
Esta defensa da Constitución viría motivada principalmente porque ela promovía a igualdade entre todos os cidadáns fronte ós estamentos do Antigo Réxime, deixando así de seren súbditos sen dereitos: “Ya no somos esclavos de los reyes: ya somos hombres libres”, frase que non disimula para nada o seu republicanismo. O poder arbitrario dos monarcas critícao en varias ocasións, manifestando tamén a súa aversión natural “á la servidumbre, al despotismo e aún a los reyes”. Non atopa contradición entre a obra lexislativa de Cádiz e a relixión: a Constitución dáballe a posibilidade de volver á relixión santa dos primeiros séculos do cristianismo (o que reflicte a influencia das lecturas xansenistas no seu pensamento). Isto implica a abolición da Inquisición. Felicita os lexisladores por garantiren a práctica exclusiva da relixión católica en España (o polémico artigo 12, concesión ós deputados conservadores de Cádiz que claramente contradi a liberdade relixiosa).
Esta entusiástica defensa do primeiro texto constitucional español vai ser a principal das causas polas que será procesado e condenado durante o primeiro período absolutista de Fernando VII (1814-1820). Non fora este o único delito que se lle imputaba: tamén se lle acusaba de ser desafecto ó Sumo Pontífice e de pedir a abolición da Inquisición; o delator será o seu propio bispo. Todos estes procesos acrecentarán a súa xenreira e desprezo contra o propio estamento ó que pertencía (“En mis desahogos solía decir: que los más malos de los hombres eran los inquisidores; después los frailes; después los clérigos, y los últimos, los militares”).
Non foi este o único escrito de carácter político e constitucionalista de Posse, pois en 1813 escribiría varios artigos para a publicación dos liberais coruñeses El Ciudadano por la Constitución; en 1820, desencantado do goberno dos liberais do Trienio, enviaría unha carta ó grupo liberal da Coruña propoñendo a independencia de Galicia e unha confederación cos demais españois, e, en xaneiro de 1838 daría ó prelo a chamada Plática Tercera, opúsculo crítico da Constitución de 1837, sobre todo polas excesivas prerrogativas que se lle dan ó monarca na Constitución, polo cal é lóxico que volva aflorar o seu republicanismo nunca esquecido.
Con tales prerrogativas, aventura un intervencionismo real que non tardará en verse cumprido no mesmo reinado de Isabel II. Nesta análise do texto constitucional tamén defende a participación do clero na política e, polo tanto, nas Cortes, e volve loar o colectivismo agrario de Llánaves (“por esta razón alli no hay ricos ni pobres, no hay vicios ni escándalos, de manera que en cuatro años que allí he vivido de cura, ninguno del pueblo me pidió limosna”). Nus días publicaremos na Galipedia unha biografía máis extensa.