Kobanê como símbolo

Tras catro meses de resistencia e combates contra as milicias do Estado Islámico (EI), a recuperación esta semana por parte das forzas peshmergas curdas do control da estratéxica cidade de Kobanê, ao norte de Siria e fronteiriza con Turquía, recrea as potencialidades de concreción dun corredor territorial plenamente curdo no corazón de Oriente Próximo, fortalecendo ao mesmo tempo as demandas soberanistas dun Curdistán politicamente cada vez mais afianzado pero contrastado polas ambigüidades e os intereses xeopolíticos que actualmente están remodelando Oriente Próximo.

A primeira gran derrota militar de carácter estratéxico do EI erixe ao YPG curdo como o seu principal contrincante dentro dun conflito sirio cuxo radio de influencia é cada vez mais rexional

O asedio de Kobanê (Rojavá en curdo) por parte das forzas do EI desde mediados de setembro de 2014 foi repelido a través dunha progresiva resistencia por parte das milicias peshmergas enroladas no YPG (Unidade de Defensa do Pobo Curdo), a facción do PKK curdo en Siria, con axuda aérea da coalición internacional que Washington mantén contra as forzas ŷihādistas. Neste sentido, a primeira gran derrota militar de carácter estratéxico do EI erixe ao YPG curdo como o seu principal contrincante dentro dun conflito sirio cuxo radio de influencia é cada vez mais rexional.

Desde setembro, os combates deixaron aproximadamente 1.600 mortes, segundo diversas ONGs sirias e internacionais. Con todo, a resistencia popular e a recuperación dunha localidade cun 90% de poboación curda, pode implicar outras variables de carácter xeopolítico que fortalezan (ou incluso contrasten) as demandas curdas de procrear unha entidade estatal autónoma en pleno corazón de Oriente Próximo.

 

Resistencia e revolución

Mentres resistían o asedio do EI, os milicianos pershmergas e as forzas políticas curdas de Kobanê/Rojavá instauraban un modelo político de carácter autoxestionario, pluralista e asembleario, en gran medida inspirado no ideario do PKK pero adaptado á realidade étnica e relixiosa existente na rexión, tomando en conta a presenza de comunidades árabes, asirias, armenias e turcománs.

Neste escenario político, destaca a presenza da milicia feminista Estrela YJA, literalmente “Unión de Mulleres Libres”, así como da YPJ (Unidade de Defensa das Mulleres), sumamente importantes na loita contra as tropas ŷihādistas do EI. Destaca esta variable política tomando en conta a configuración dun modelo político de democracia directa practicamente inexistente na rexión, así como a efectiva loita dunha milicia feminista contra as pretensións de instauración dun Califato rigorista e represor encarnado na esencia do EI, un aspecto que igualmente suxire unha emancipación política orientada á avanzar nos dereitos da muller como actor relevante no só dentro do contexto curdo senón a nivel rexional1.

Destaca a presenza da milicia feminista Estrela YJA, literalmente “Unión de Mulleres Libres”, así como da YPJ (Unidade de Defensa das Mulleres), sumamente importantes na loita contra as tropas ŷihādistas do EI

Con todo, o simbolismo que pode imprimir a liberación de Kobanê/Rojavá abarca outras variables, esencialmente de carácter xeopolítico, na que se contrastan as pretensións independentistas curdas, a eventual potenciación dun novo modelo político “revolucionario” nunha post-Primavera árabe atomizada, e a (re) configuración de diversos (e moitas veces disímiles) intereses estratéxicos.

A resistencia das milicias peshmergas do YPG e, particularmente, da Estrela YJA, así como a credibilidade do seu modelo político autoxestionario, poden implicar un efecto propagandístico sumamente relevante dentro do tradicionalmente polarizado escenario político curdo, particularmente co respecto á hexemonía establecida polo PKK no Curdistán turco e, principalmente, de cara aos manexos xeopolíticos do Goberno Rexional do Curdistán (KRG) establecido ao norte iraquí, con autonomía política desde 1991, reforzada trala caída do réxime de Saddam Hussein (2003), con capital en Erbil e presidida por Masud Barzani (Partido Democrático do Curdistán, PDK).

Neste sentido, e a pesares da súa notoria polarización política, desde a ofensiva do EI en Kobanê apreciouse unha notoria unidade política curda, aspecto que reforza a lexitimidade e popularidade da YPG/Estrela YJA. Esta variable contrastou coa primaria ambigüidade da KRG co respecto á ofensiva do EI entre Siria e Iraq acaecida a comezos de 2014, un aspecto que cambiou radicalmente unha vez as milicias ŷihādistas ocuparon a cidade de Mosul en xullo pasado, un aspecto neurálxico que reforzou a condición de ameaza encarnada no EI.

Esta ambigüidade inicial do KRG tivo similitudes co distanciamento outorgado por Turquía unha vez o EI fortalecía o seu avance entre Siria e Iraq. Como efecto colateral, Ankara, temeroso de observar a potenciación dun Estado curdo en Oriente Próximo que implicara unha eventual escenario de inestabilidade no sueste turco onde habita a maior parte da poboación curda a nivel rexional, interpretou a ofensiva do EI como a posibilidade de conter ou ben repeler a eventual concreción dun corredor territorial próximo ás fronteiras turcas, que potenciara o soberanismo curdo.

Paralelamente, o KRG semellaba observar un tácito “pacto de non agresión” contra o EI na pretensión de non atacar o seu territorio nin afectara o seu radio de influencia política, aspecto que mudou coa toma de Mosul por parte dos ŷihādistas.

O KRG semellaba observar un tácito “pacto de non agresión” contra o EI na pretensión de non atacar o seu territorio nin afectara o seu radio de influencia política, aspecto que mudou coa toma de Mosul por parte dos ŷihādistas

Con todo, os avances do EI na porosa fronteira entre Siria e Iraq e os masacres realizados polos seus milicianos, afectaron seriamente ás comunidades curdas, asirias, árabes e turcománs existentes, un aspecto que fortaleceu a popularidade das milicias pershmergas curdas resistentes en Kobanê/Rojavá. Velaí que un factor a tomar en conta será observar en que medida as demais forzas políticas curdas (e particularmente a súa crónica polarización) lograrán manexar a crecente popularidade dos peshmergas da YPG/YJA de Kobane, así como das potencialidades do seu modelo político autoxestionario.

 

A causa curda e os intereses xeopolíticos

Aparentemente consolidado o control curdo en Kobanê/Rojavá, a perspectiva de concreción dun corredor estratéxico curdo entre o Norte de Siria, o Sueste turco e o Norte de Iraq, recrea as potencialidades do soño curdo de proverse dun Estado autónomo independente, sexa ou non recoñecido pola comunidade internacional.

Recrea as potencialidades do soño curdo de proverse dun Estado autónomo independente, sexa ou non recoñecido pola comunidade internacional

Con esta perspectiva, Turquía ven fortalecendo os seus contactos coa KRG, particularmente e carácter enerxético. En novembro de 2013, Ankara asinou un acordo coa KRG para asegurar a viabilidade de transporte dun oleoduto desde o Curdistán iraquí ata o porto turco mediterráneo de Ceyhan, todo isto ilustrado dentro dunha xeopolítica enerxética onde a causa curda xoga igualmente as súas cartas. Esta concreción de intereses entre Ankara e Erbil causou irritación en Bagdad, o que motivou ao goberno de Barzani a adoptar un novo acordo coas novas autoridades iraquís a mediados de 2014.

O KRG xoga a carta enerxética a fin de fortalecer a súa posición dentro do escenario político curdo. Así, Erbil observa un apoio tácito por parte doutros aliados, como EUA e Israel, cos que xa mantén relacións informais desde 2004, pouco despois da caída do réxime de Hussein en Bagdad. Con todo, a concreción de intereses para acabar ou ben conter ao EI, os plans enerxéticos en curso e a política activa do KRG para erixirse como eventual voceiro da causa curda poden verse contrastados pola popularidade que está cobrando o YPG/YJA trala recuperación de Kobanê, impulsándose como portadores dun novo modelo político alleo aos intereses occidentais.

Por outra banda, está por ver cal será a reacción doutros actores como  Arabia Saudita (actualmente en fase estacionaria de transición política trala morte do rei Abdulá), Catar e Emiratos Árabes Unidos, os cales fan causa común coa ofensiva da coalición internacional contra o EI liderada por Washington pero observan con receo os contactos enerxéticos entre Turquía, EUA e o KRG.

Outro actor é Irán, implicado desde 2013 nunha estratexia aperturista con Occidente. Cunha numerosa comunidade curda no norte iraniano, Teherán igualmente recea da eventual configuración dun corredor curdo entre Siria, Turquía e Iraq trala derrota do EI en Kobanê, así como dos intereses xeopolíticos e enerxéticos existentes en torno ao oleoduto que transitará dente o Curdistán iraquí ata Ceyhan.

Catar e Emiratos Árabes Unidos, os cales fan causa común coa ofensiva da coalición internacional contra o EI liderada por Washington pero observan con receo os contactos enerxéticos entre Turquía, EUA e o KRG

Dentro destes contrastes, a recuperación do control curdo de Kobanê/Rojavá e a expulsión dos milicianos ŷihādistas do EI implica unha alteración, se ben previsible, dentro da confusa e complexa xeopolítica que está actualmente remodelando a configuración política e territorial de Oriente Próximo. Así e todo, Kobanê será agora un símbolo histórico da resistencia e das pretensións curdas por alcanzar un Estado nacional independente.

 

Notas

  1. Segundo Leyla Agiri, membro da Comisión Executiva da Unión de Mulleres do Curdistán (KJK), o labor da YJA e da YPJ, así como das mulleres curdas na defensa de Kobanê, define un novo momento político para o “renacemento das mulleres en Oriente Medio”, dirixido polo Partido das Mulleres do Curdistán (PAJK). Para maior información, consultar: “Kurdistán: la revolución es femenina”, http://elirreverente.cl/index.php/es/unica/internacional/56-elba-lazo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.