Lalín: Asuntos de Familia

Os guerreiros cristiáns berraban na Reconquista “Santiago y cierra España”, “Tierra y Libertad” berraban os revolucionarios mexicanos de Zapata, “Que nunca por vencidos se conheçam” clamaban os paracaidistas portugueses, e os seareiros do Liverpool cantan aquilo de “You´ll never walk alone”. Os lalineses, cando o alcol lles dispara as hormonas tribais, berran “A min plin que son de Lalín” ou o mais famoso “Viva Lalín con razón ou sen ela”. Calquera puidera un pensar que os Lalineses son xente de armas tomar, pero nada mais lonxe. As súas ínfulas guerreiras morren en pelexas de romaría cos pobos estremeiros: que se os cambotes de Rodeiro, que se os agolenses de Agolada, que se os de Carbia de Cruces, que se os do Carballiño, ...

Lalín é un pobo ben guiado e afecto ao réxime mandarín, sexa este cal sexa. Supoño que sería republicano na República, foi franquista con Franco e democrático na Democracia. Como lle aconteceu a tantos outros pobos rurais, os principios do Movemento Nacional prenderon ben na terra traballada e, a finais dos 70, Lalín era socioloxicamente franquista, católica e sentimental. Por iso resulta lóxico que a UCD e logo o AP-PP, os herdeiros naturais do Antigo Réxime, trunfaran por goleada nos primeiros comicios democráticos, e nos segundos e, se me apuras, ata nos terceiros. O que xa non resulta tan natural é que seguiran e seguiran vencendo, votos Deus mediante, alongando eternamente o período de transición entre o Antigo e Novo Réxime.

A Transición, a nivel macro, rematou en 1982, cando o PSOE -que non eran herdeiros do Antigo Réxime, gañou as eleccións xerais. Pero a nivel micro hai moitas fabas que debullar. Na Comunidade Autónoma Galega tivemos que agardar ao 2005 para dar por rematado o trasfego democrático, e nos 315 concellos hai de todo, pero aínda son moitos nos que seguen a mandar os herdeiros da Gloriosa Cruzada (nalgúns incluso o alcalde actual xa o era tamén na Ditadura). Un destes casos era Lalín, e xa estabamos afeitos e resignados a transitar de vagar unha Transición eterna; e por iso, as aínda recentes eleccións municipais non me quitaban o sono, e apostaría o que non tiña por unha perpetuación da maioría absoluta do Partido Popular e do seu alcalde José Crespo.

Por iso, cando a iso das 10 da noitiña do 24, baixou a señora das estancias superiores, toda alporizada e berrando fóra de si “LALÍN TAMÉN CAEU”, pensei que lle dera un mal e perdera a cabeza, miña pobre. “Pero ti que dis? Seica toleaches?”, interrompina eu, coa miña delicadeza e saber estar. Aquilo era imposible e non podía ser certo. “Que si, que o di na tele ... o PP perdeu a maioría na Coruña, en Santiago, en Vilagarcía ... e tamén en Lalín”, porfiaba a pobre, case con bágoas nos ollos. Sintonicei a TVG e, Deus Santo!, o rótulo do fondo da pantalla confirmaba as palabras da que eu daba por tola. Daquela imaxinei que unha marea azul xigante remontara o Ulla e logo o Arnego ata asolagar as verdes ribeiras de Cadrón. En Lalín, a cousa mais parecida a unha marea chamábase Plataforma Aberta Cidadá, PAC para os amigos. Nunca dei un peso polo seu éxito electoral, pero ás veces dánse casos inexplicables e inauditos, e se cadra acontecera desta vez.

Nada que vai a ningures! Antes de que deran as doce, polo circuíto pechado de Radio Lalín Pirenaica, escoitei o parte de guerra lido con voz trémula polo xornalista Gúmer Portas:

Na medianoite de hoxe, sendo as 23 horas e 45 minutos, cativa e desarmada a Bandada das Gaivotas, acadaron as Forzas Rebeldes un dos seus últimos obxectivos militares e a bandeira da Liberdade ondea xa na cima do Castro Tecnolóxico do Regueiriño. Lalín foi liberada. A Transición por fin rematou.
Rafael Cuíña Aparicio, Comandante en Xefe.
En Lalín, a 24 de Maio de 2015

Recoiro! Con isto tampouco contaba eu! Ou sexa, que Cuíña era a marea que derrubara as torres populares? Porque ademais do PP, tamén perderan votos o PSOE, o BNG e mailo PGD (o Sistema, nunha palabra). E como os apoios que gañou a PAC case cadraban cos que perdeu o BNG (trasfego esperado), a única e verdadeira marea triunfadora fora Cuíña. Iso si, nada que ver coas mareas cidadás de Compostela ou A Coruña. A de Lalín semella mais ben unha marea de río, verde e rural, cun recendo a axuste de contas na Famiglia Popolari. Días atrás no feisbu, Ramiro Ruibal, un dos soldados pretorianos de Crespo, adicáballe a Rafa Cuíña estas fermosas palabras: “delirios de grandeza de un niño que quiere pero no puede porque no vale”. Que queres que che diga, Ramiro, foi ese cativo delirante, netorreiro e inválido quen rematou coa vosa soberbia centenaria, agrandando a lenda de Cuíña Pai ata o nivel do mesmo Cid Campeador, que tamén gañaba batallas despois de morto. É que non hai cuña mais amarga e dolorosa ca do propio pau.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.