Chama a atención estes días en Galicia, o empuxe filantrópico que está amosando a recente Fundación Amancio Ortega. Se hai varias semanas coñecíamos a inauguración da nova sede do Proxecto Home en Santiago, financiada con 7 millóns de euros, máis recentemente a noticia era a achega de 11 millóns para construír nove escolas infantís para a Xunta de Galicia. Por último, a nova máis próxima da conta do investimento máis voluminoso: 25 millóns para a construción dunha nova Residencia da institución benéfica Padre Rubiños, na Coruña
Máis alá do pasmo que nos provoca de que a Xunta de Galicia resulte agraciada, como unha entidade sen recursos máis, con 11 millóns de euros, e que nenos de diversas vilas e cidades de Galicia poidan asistir ás escolas infantís grazas á caridade de Amancio Ortega, a enxurrada de cartos merece unha reflexión: que está sucedendo?
A enxurrada de cartos merece unha reflexión: que está sucedendo?
Porque non estamos afeitos a tanta xenerosidade. Cabe lembrar que a fundación do dono de Inditex data de 2001, pero xa desde os seus inicios marcara distancias: non ía ser unha obra social bis, unha porta á que chamar para facer as festas do barrio, editar unha revista de poesía ou pintar a fachada dun asilo municipal, todo repartido de forma proporcional ao número de oficinas da caixa na bisbarra. Tampouco ía ser unha Barrié bis, que ademais das prestixiosas bolsas para estudar no estranxeiro, financiaba no pasado -hoxe o estilo é diferente- cousas tan reclamadas pola opinión pública como a construción dos instrumentos musicais que portaban as esculturas do Pórtico da Gloria.
O que sorprendeu desde entón foi o cicateira que resultou; se ben o custo de varios centos de computadoras portátiles a principios da década dos 2000 non era desprezable, o gasto era unha migalla comparado coa riqueza que atesouraba o patrón do imperio Zara.
Non, ía ser algo diferente: proxectos propios, adicados a premiar a excelencia e a eficiencia; en certo modo, a seguir o ronsel do seu creador, exitoso exemplo empresarial no ámbito da roupa low cost. Con todo, o que sorprendeu desde entón, foi o cicateira que resultou; se ben o custo de varios centos de computadoras portátiles a principios da década dos 2000 non era desprezable, o gasto era unha migalla comparado coa riqueza que atesouraba o patrón do imperio Zara. Porque así se deu a coñecer a fundación: mediante a doazón de ordenadores portátiles a varios colexios e institutos de Arteixo (onde radica a sede central de Inditex) e da Coruña, dentro dun proxecto de promoción das novas tecnoloxías no ensino.
Como indica nos seus documentos, os recursos da Fundación Amancio Ortega son achegados polo fundador, o que fai da entidade un proxecto persoal, non de empresa. Por este motivo, as diferentes iniciativas, non deberían ser interpretadas como accións en favor da imaxe do grupo téxtil, senón como expresión da vocación de mecenado e filantropía do fundador.
As diferentes iniciativas, non deberían ser interpretadas como accións en favor da imaxe do grupo téxtil, senón como expresión da vocación de mecenado e filantropía do fundador
Porén, é difícil diferenciar a fundación da propia empresa Inditex, que tamén ten un departamento de RSC e promove una curso de posgrao nesta materia na universidade da Coruña, onde sufraga unha cátedra, se ben se ten amosado así mesmo moi cicateira na súa faciana de acción social: apenas se lle coñece a concesión anual de un millón de euros para Médicos Sen Fronteiras e pouco máis.
Como contrapunto cabe traer a colación á Fundación Paideia, establecida na Coruña por Rosalía Mera, a muller máis rica de España e primeira esposa de Amancio Ortega, en lembranza do único fillo varón de ambos, que padece unha grave discapacidade de nacemento. Pero trátase dunha fundación diferente: un estilo de acción social máis claro e clásico, que conta ademais cunha sección de apoio a iniciativas empresarias novidosas, un departamento de capital-risco que merece non poucas louvanzas.
Que cambiou agora para esta aparición millonaria do dono de Inditex? A verdade é que no sistema capitalista arquetípico –hai que mirar para Estados Unidos- a devolución á sociedade de parte das ganancias obtidas por un empresario exitoso forma parte da tradición desde finais do século XIX: aí están o Instituto Carnegie, creado en 1902 ou a Fundación Rockefeller, que data de 1913, e tantas outras.
Unha última razón, que o lector atento descubriría estes días é o papel central de Flora Marcote, a actual muller de Amancio Ortega, na presentación pública destas iniciativas. Unha figura emerxente?
Unha segunda causa no mundo cristiá son os habituais xestos caritativos cando un potentado enfía a época de madurez ou ancianidade da súa vida. Non sabemos se esas dúas razóns son aplicables ao caso de Ortega, un home adusto, case espartano e pouco amigo de estridencias mediáticas. Unha última razón, que o lector atento descubriría estes días é o papel central de Flora Marcote, a actual muller de Amancio Ortega, na presentación pública destas iniciativas. Unha figura emerxente?
É inevitable pensar no exemplo doutro dos homes máis ricos do planeta, moito máis novo que o emperador de Zara: Bill Gates, fundador de Microsoft, pero xa retirado da xestión da empresa, e a súa fundación Bill e Melinda Gates. Gates, agora convertido en apóstolo da filantropía, á que se dedica en corpo e alma, representou durante anos o capitalismo máis xenuíno, non en van reuniu o seu inxente patrimonio co monopolio mundial de facto dos seus programas de computador. Por iso a súa presenza nos círculos solidarios desata polémicas, como a ocorrida con motivo da concesión do premio Príncipe de Asturias de Cooperación Internacional en 2006, ante o que moitas persoas de boa fe proclamaban: así non!
Pero Gates e Ortega están aquí para quedar. No caso de Bill Gates é claro: desde o ano 2000 ten destinado, por exemplo, mil millóns de euros ás investigacións sobre a vacina da malaria que dirixe Pedro Alonso desde Mozambique. Non se trata de aplicar o proverbio cínico de pecunia non olet, senón de recoñecer, sen adoracións beatas, o seu labor. E o mesmo no caso de Amancio Ortega, iso si, cando rasque algo máis o seu peto. De momento… imos deixalo no purgatorio, antes de abrirlle as portas do ceo solidario.
Daquela darémoslle a benvida á Fundación Amancio Ortega; ata entón, que saiba que ten moito que mellorar: definir a que se vai dedicar (e discutilo coa sociedade!)
Daquela darémoslle a benvida á Fundación Amancio Ortega; ata entón, que saiba que ten moito que mellorar: definir a que se vai dedicar (e discutilo coa sociedade!), informar dos recursos e as zonas en que os vai investir. E lembrar que ademais da información tamén se require transparencia: do seu patronato, do que na web unicamente figuran os nomes que o conforman, pero ningún dato biográfico-profesional; do equipo técnico que poida ter, do que non se da ningún dato; e similar escuridade alcanza aos resultados económicos ou memorias anuais, que brillan pola súa ausencia.
Veremos se todo isto se corrixe, ou se todos estes cartos son só flor dun día. Ogallá que non!