Hai cousa de medio ano, tiña a oportunidade de publicar nesta sección unhas liñas a propósito daquela polémica ferida na cella á deputada De Meer durante un mitin de Vox en Sestao («Apoloxía dunha pedrada» 13/7/20), contextualizando a xusta reacción popular e criticando o relato liberal da esquerda parlamentaria coa súa condena da violencia “veña de onde veña”. A pasada semana repetíase a escena en Vic, Salt e Valls, cos de Abascal sendo expulsados de barrios que se negaron a soportar as súas prédicas racistas e españolistas, mentras a policía autonómica catalá cargaba contra as manifestantes antifascistas. Nulo (e previsible) interese mediático no feito de que durante a retirada, unha das furgonetas que transportaba aos líderes fascistas atropelara a varias manifestantes con perigo de morte: a noticia volvía ser o “terrorismo antifa” coa correspondente reprobación do establishment político de dereita a esquerda, centrada nas eleccións do vindeiro domingo.
Alberto Garzón, ministro con carné de comunista, apresurábase ante o acontecido en condenar “todo tipo de política que non se exerza coa palabra”, defendendo o dereito do fascismo a “expresarse e convencer de que os voten”; e é idea asentada entre a militancia dos partidos de esquerda parlamentaria, a de que este tipo de respostas populares non fan se non incrementar os votos de Vox a costa de reducir os seus como antifascistas. O xogo de trilero socialdemócrata pretende aquí recoller o voto do medo ao fascismo ao tempo que se escandaliza de quen se toma en serio o perigo fascista (e que esquece, non lle pediu permiso en ningún momento para darlle cun croio á furgoneta de Vox), mesmo se no camiño ten que equiparar a violencia fascista coa da antifascista alegando “sentido común democrático e pacifista”.
Venme á cabeza unha entrevista ao intelectual maoísta indio K. Murali recollida no seu último libro de ensaios. Nela, cando o xornalista lle pregunta sobre a pertinencia da violencia nunha política de liberación (como a que enfronta ao fascismo brahmánico hindú), Murali lembra que “vivimos en medio da violencia. As clases dominantes que existen aquí, a súa explotación, a opresión das mulleres, o machismo... no son todas elas manifestacións da violencia? (…) Debemos enfrontarnos a ela e tentar eliminala, ou debemos procurar vivir conformándonos con ela? Esa é a cuestión que se nos plantexa. Cando se di que se está introducindo unha política da violencia aquí, que non é o que cómpre etc., encúbrese a violencia que verdadeiramente está presente aquí”.
O discurso lacaio co que non comulgamos as antifascistas das pedradas, é no mellor dos casos terriblemente inxenuo no seu antifascismo “civilizado”: que se pode agardar do diálogo con quen defende a expulsión de menores estranxeiros, a persecución de musulmás, o afogamento de inmigrantes nas costas españolas, ou o encarceramento de independentistas e marxistas? Antifascismo, abofé, cómodo e burgués, que se limita á análise de contidos e estruturas discursivos que, non por machacóns e recurrentes á mentira máis absurda, deixan de ter o seu propio sentido. Quen opta por esta vía, atoparase irremediablemente estancado na derrota ante a idea racista/fascista que pretende impugnar, ao ter que asumir o seu marco de referencia cos seus falsos principios interesados.
Non podemos obviar que o axitador fascista non busca discusións teóricas das súas ideas: pola contra, interpela á súa audiencia con “ideas claras” de “sentido común”, “verdades politicamente incorrectas” que buscan excitar certo perfil sociolóxico. Non se lle pode pretender refutar un discurso que está articulado para evitar calquer debate sobre a súa consistencia. Si podemos impedirlle que berre ante persoas negras que teñen que marchar cos fillos do país, ou que lle chame a unha muller “feminazi” un nazi; mais claro, con pedras a falta de porras.