Lareira de soños: as voces silenciadas do rural

©

Pastora Veres (Pas) é dos Vilares (Guitiriz) e vive en Betanzos, vila á que a une a beleza e o simbolismo que para ela representa, por ter vivido alí un tempo a súa querida e admirada avoa Ana María, antes de emigrar a Cuba. Traballadora Social de profesión, cun longo percorrido laboral pola xeografía galega, actualmente traballa na Consellería de Política Social da Coruña. Moi vinculada á tradición do noso rural, participou dende moi nova en movementos asociativos e comunitarios, como a Asociación dos Veciños dos Vilares, a Romaría Labrega da Chaira, O proxecto Os Vilares Lareira de soños ou a NPG. 

Lareira de soños, de Pastora Veres Rosende, constitúe un libro etnográfico, coma se dunha especie de (auto)biografía colectiva se tratase

Lareira de Soños é o seu primeiro libro que sae a luz, da man de Edicións Fervenza, e podemos dicir que máis que un libro, é unha iniciativa comunitaria. A súa longa raiceira vai dende Alfonso Blanco e a labor que inicia Xermolos aló a finais dos 70, seguido do encargo que lle fai o poeta da Terra Chá, Manuel María no ano 1993, logo outro momento decisivo foi o ano 2014 coa dedicación do Día das Letras Galegas ao poeta, tamén vilarego, Xosé María Díaz-Castro, até o apoio incondicional do seu home, o activista e dinamizador cultural Antón de Guizán, que se sumou a este proxecto dende o ano 2013-2014. Dende entón artellan o Facebook de Lareira de soños, como unha rede social vinculada aos Vilares, parroquia onde se desenvolve o libro, onde se comparten as novas, se felicitan os aniversarios e se convoca á xente para acompañar e despedir aos que se van. Aí tamén naceu a agrupación da NPG (Nova Poesía Guitirica), que dende entón non fixo mais que medrar e cuxa mostra da obra das persoas que a compoñen, queda reflectida ao longo deste libro. Así como, o documental audiovisual “Entrar nos Vilares” de Cibrán Tenreiro, que xa se deu a coñecer hai un tempo e que tamén vai incluído no libro.

Como herdeira de vilaregos, polos meus avós, Culás (O Feliso) e María, ámbolos dous de Drada, e como bisneta de trapeira, pola bisavoa Felisa, nai de meu avó e muller que deu nome a casa do Feliso, tamén de Drada, vivín dende pequena esa cultura da pertenza e raigame Vilarega, que se encargou de achegarme a miña avoa-madriña a través dos contos e das referencias do seu mundo de nova, cun feixe de nomes e lugares ao lombo, onde todos eran familia en diferentes graos de parentela, e que me vinculan a Pastora como curmáns segundas, netas de Emilia e María Freire Cancelo da “casa das Delgadas”, fillas de Maripepa (a nosa bisavoa), e con quen durmía Avelina, que en paz estea, e nai de Pastora, cando era pequena, a avoa que a aloumiñaba con palabras de mel, como fixo comigo a súa filla e avoa miña, ese amor imprescindible na infancia das nenas e nenos. 

Amais disto, Pastora é a miña amiga de vida, e coma se fósemos almas xemelgas até nacemos case o mesmo día do mesmo ano. Coñecémonos no colexio de Guitiriz, coa agrupación escolar, cando eramos unhas rapazolas. se ben como refire no libro, a distribución por apelidos (ela Veres con V ao final case do abecedario e eu Campello, case ao principio) fixo que non coincidiramos na mesma clase e polo mesmo tampouco na amizade, até bastante anos despois. Pero foi entón cando nos demos a coñecer as curmáns no autobús da escola, Pastora dos Ramos e Mercedes das Reixas, coma unha marca de contorna e de familia que nos unía. 

A autora, que forma parte da contorna e do grupo social que relata, quere deixarnos un legado cultural e antropolóxico cunha intención consciente de evitar a súa extinción, burlando así o que parecía ser unha morte anunciada

Despois como ben refire no libro Pastora, por un ano non puidemos estudar o bacharelato en Guitiriz, tendo que saír a estudar fora, Pastora en Vilalba e eu en Ferrol, onde cada unha tiñamos familia coa que quedarnos. Acabamos o instituto e estudamos a mesma carreira e gran descoñecida do Traballo Social, Pastora na Universidade dos xesuítas de Santiago de Compostela, onde conta que o profesor Urruti lles chamaba “las gallegas” por falaren galego e eu en Madrid por outras razóns. E sen saber unha da outra, atopámonos en Ferrol sendo as dúas colegas traballadoras Sociais, no comezo da nosa andaina laboral, tanto contento nos deu, que deseguida me invitou Pastora a irme a vivir á súa casa, aínda que xa estaba ela casada. Así foi como deixei o meu piso da Praza de Armas para irme a vivir con eles a Rúa Velázquez, perto da Praza de España, e alí compartillamos vida e prolongamos as noites na conversa, falando sobre a profesión, os problemas sociais e sobre como cambiar o mundo, coa emoción de dúas mozas inquedas, que saíran en por si da aldea, grazas aos estudos e ao desenvolvemento que se estaba a dar a comenzos dos 80 do século XX no noso país. Amizade e admiración mutua, que non fixo máis que medrar ao longo dos anos, achegándonos as dúas á escrita por rueiros diferentes aínda que ben próximos. 

Poderíamos dicir que a Lareira de soños é froito dun laborioso traballo de campo e da súa forma de percibir o mundo, un libro de autora que parece buscar a memoria e as testemuñas de toda a polifonía de voces que coroan a súa infancia, para dar fe para sempre da súa identidade, voces que configuran o seu universo dos Vilares como o centro do mundo, ao xeito do Macondo de García Márquez, Onde o mundo se chama Celanova de Celso Emilio Ferreiro ou o Banato de Herta Müller.

A escrita de “Lareira de soños” semella os traballos comunais, tipo a malla, a esfolla ou a colleita das patacas, onde un pobo enteiro e a súa diáspora, confíalle a súa historia a través da oralidade á narradora. Dende unha visión etnocéntrica, non hexemónica, logra poñer no centro á periferia que representa o rural do interior de Galicia, como é a Chaira, que mediante un proceso de investigación–acción que a xeito de tecelá, vai artellando o decorrer da vida das persoas, coma un proxecto comunitario de trapeiras e trapeiros, profesión específica desta zona como recolle no libro, dirixido e liderado pola autora. Contando así, a historia dos Vilares coma unha aldea de aldeas, mediante a historia das persoas que alí viviron e das que viven, e o significado das casas e da contorna social como elementos de análise cultural con vida e con voz propia, acorde a esa ollada telúrica tan característica nos autores e nas autoras da Terra Chá. 

É unha obra de moito interese en sí mesma e cunha orixinalidade sen precedentes na literatura galega dos últimos tempos, que nos apodera como pobo e como ruralidade

Entendendo por casa máis aló da súa configuración física, do lugar xeográfico e incluso do fogar propiamente dito. Deste xeito, a casa-lugar-familia tipo a “Domus” romana abrangue todo o legado cultural de pertenza a nosa tribo, que ven identificada polas costumes, oficios e tradicións; e polo nome ou alcume de cada casa-familia, ao xeito das casas patricias de Roma “Os Julios”, ”Casa Flavia”, que nos Vilares veñen sendo casas coma “Os Manchás” ou “Casa de Guinea”. Esta liñaxe podería responder á pregunta filosófica identitaria do eu, e ti, de quén ves sendo? coa que Pastora Veres nos abre as portas do libro, postulada intencionadamente en plural DE QUEN VIMOS SENDO? Como querendo subliñar o carácter de relato colectivo da obra. Mais a casa tamén contempla a estirpe biolóxica, esa raizame xenética que nos precede e a que quedamos cinguidos/as polos apelidos da consanguinidade; recollendo así todas as facianas que contemplan o ser humano/a como un “ente social”, que abarcan a dimensión cultural e de adaptación das persoas á contorna histórica que lles toca vivir, e a perspectiva subxectiva ou psicolóxica de como se perciben. 

Pastora Veres dá voz e visibilidade ao que non se oe porque nin sequera existe, a realidade silenciada do interior galego, onde non transcende nada, porque nada parece importante nun rural empobrecido e que sofre un baleiramento físico e emocional por parte das políticas públicas, que miran á globalización e a urbanización como modelo consumidor máis produtivo para os intereses do mercado neoliberal. Fronte a esto, Lareira de soños, sitúa ás persoas do común no centro, entendidas como seres únicos e irrepetibles, todas con valor, e co mesmo valor intrínseco, pero con esa unicidade que as fai por tanto, diferentes das outras casas e familias. Ao mesmo tempo preséntanos a persoa como un “ser social” sempre en relación cos demais, o “ser con” que definiu Martin Heidegger, e no marco de grupos sociais máis amplos, como as familias, a aldeas, as vilas, as parroquias, as comarcas... enxergando á súa vez unha voz colectiva propia, expresada a través da linguaxe, valores, costumes, crenzas... é dicir, unha cultura propia que tamén a diferencian das voces de outros pobos. O libro incorpora esa dimensión social do ser humano, e do papel que cada quen ten nese escenario territorial dos Vilares, presentándonos unha exaltación de vida, de casas e persoas con nome propio, cheas de historias épicas e relatos cotiás que fan volver os ollos á aldea de aldeas, para presentarnos toda a vida que alí abrolla, acorde a un conxunto de normas e xeitos de facer arredor dos que se organizan e que eles mesmos construíron e interiorizaron emocional e intelectualmente. Estas formas de vida fálannos, dende as condicións de miseria na que se vivía, até a supervivencia e a innovción a través do pequeno comercio, como o oficio de trapeiros e trapeiras; amosándonos tamén a evolución social e o progreso coas súas consecuencias. Por outra banda ábrenos o horizonte a contornas máis amplas, coma as da emigración as Américas, sobor de todo a Cuba e a Arxentina, e como influíu na contorna a xente que viña de volta e a que se quedou, a dura emigración temporeira a Castela, o impacto da Guerra Civil con Madrid, o interior de España, o Ebro como escenario e Francia como exilio, logo da fame da posguerra a emigración nos anos 60 ao País Vasco, Barcelona, Ferrol, A Coruña, todo isto ao longo de máis dun século, o século XX principalmente. 

Pastora Veres dá voz e visibilidade ao que non se oe porque nin sequera existe, a realidade silenciada do interior galego, onde non transcende nada, porque nada parece importante nun rural empobrecido e que sofre un baleiramento físico e emocional por parte das políticas públicas

Esto en canto a contido, pero tamén quero referir a innovación e riqueza metodolóxica que condensa este libro, que ademais da Lareira coa que se criou a autora no medio da aldea dos Ramos, onde as portas estaban abertas e a xuntanza e a oralidade era o fío condutor de todas as relacións veciñais, Pastora Veres utiliza unha “forma de facer” para darlle corpo ao contido do libro que ten moito que ver coa profesión que desempeña, o Traballo Social, facendo uso dun abano de técnicas cualitativas para pescudar a realidade social. Algunhas delas son a observación e o estudo de campo, coma medios que axudan a entender e comprender, a entrevista nas súas diferentes modalidades (non estruturada, focalizadas, grupais, entrevistas en profundidade...), para a recollida de información, técnicas que a autora manexa con moita habilidade, ao ser un instrumento cotiá no seu día a día profesional no Traballo Social, e que permiten a comprensión das perspectivas que teñen as persoas sobre as súas propias vidas e os acontecementos que vivenciaron. Tamén recorre ás historias de vida, metodoloxía moi usada nas ciencias sociais e que permite centrarse no individual e colectivo, moi útil para incorporar a perspectiva subxectiva da outra/s persoa/s, entendidas como un xeito de recoller a voz en singular e plural, ao xeito de Oscar Lewis na súa magnífica obra “Los hijos de Sánchez”, que lle axudan a comprender mellor os procesos sociais e culturais. As historias de vida recollen pois, as experiencias e acontecementos máis significativos da persoa e o seu xeito de ver e concibir o mundo, etapas e períodos difíciles e outros máis favorables, que refiren en perspectiva e que no seu conxunto permiten reconstruir os marcos sociais e o contexto histórico dunha época; así como coñecer o impacto que as decisións persoais supoñen na organización social rural. 

Non ben, para conseguir esta voz colectiva, é necesaria ter habilidade e empatía por parte da investigadora para levar a entrevista aos aspectos que lle interesan salientar, e capacidade de interpretar os relatos das persoas e compoñelos no texto adaptados dende a súa voz, condición que sabemos Pastora manexa con moita fluidez e cuxo resultado se reflicte no texto. Así podemos coñecer como foi a súa infancia, como eran as relacións entre o pobo e a igrexa, a estruturación social, o papel do Estado, o impacto da política na xente, ou os elementos que configuraron o progreso e o desenvolvemento da zona, como a carreteira, a luz de Antonio Castro, a importancia da traída da auga, o comercio, o lecer, o impacto da emigración, o pequeno emprendemento local, etc. 

Pastora utiliza pois, o relato en primeira persoa para integrar as voces narrativas de cada persoa, das casas como organización social intermedia e dunha colectividade como é a contorna social e cultural dos Vilares, a través das historias de vida, das traxectorias persoais, familiares, de temática grupal ou autobiográfica, que foron elaboradas a partir de máis de cen entrevistas individuais, anotacións, gravacións, rexistros e arquivos oficiais, como fontes secundarias, ás que recorre a autora para documentar moita da información e contrastar outras veces, as historias das persoas que aquí cobran vida. 

É de destacar igualmente, o papel das fotografías da xente protagonista e que acompañan o texto, así como a importante labor do Armeiro como primeiro fotografo da contorna, e do que se puideron recuperar bastante material documental gráfico, constituíndo unha fonte de información e testemuñas cun gran valor, pola capacidade persuasiva que ten a imaxe, cun gran poder de representación e unha linguaxe universal que non nos exixe un coñecemento previo, como ocorre coa lectura ou coa escrita. E a nivel pragmático, as fotografías son documentos que dan fe da expresión social dunha sociedade, constituíse en parte importante da súa memoria e da riqueza histórica-cultural. 

Para rematar poderíamos dicir que Lareira de soños de Pastora Veres Rosende, constitúe un libro etnográfico, coma se dunha especie de (auto)biografía colectiva se tratase. Onde a autora, que forma parte da contorna e do grupo social que relata, quere deixarnos un legado cultural e antropolóxico cunha intención consciente de evitar a súa extinción, burlando así o que parecía ser unha morte anunciada. Unha obra de moito interese en sí mesma e cunha orixinalidade sen precedentes na literatura galega dos últimos tempos, que nos apodera como pobo e como ruralidade. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.