Parece unha brincadeira dos Monty Python, non o é. Preséntase a Asociación Gallega de Escritores (AGE). Faise en Marineda City, n’A Coruña, toda unha declaración de intencións
Parece unha brincadeira dos Monty Python, non o é. Preséntase a Asociación Gallega de Escritores (AGE). Faise en Marineda City, n’A Coruña, toda unha declaración de intencións. A xustificación do nacemento propón a necesidade de unir esforzos, enerxías, de tod@s aqueles que se dediquen profesionalmente a escribir, sen importar o xénero, vaia, o soporte, pois é un elemento democratizador, contan por aí sen parar, nin a lingua. Nin a lingua.
Analicemos só un par de trazos: por unha banda, resulta curioso que á mínima oportunidade apareza alguén liderando unha unidade fundada, dirixida, controlada por el mesmo. Por outra, insistir na unión como elemento de forza trasládanos aos clixés da homoxeneización e mesmo do organicismo da Teoría Política, que acaba por resultar pouco máxico, pouco amable na práctica.
Podemos aceptar que o español está integrado no galego porque non é útil obviar o proceso de aculturación do galego, parello ao de endoculturación do español en Galicia. É dicir, un proceso polo que unha cultura dominante vai ocupando outra que devén minorizada
Esta Asociación evoca esa Unidad Gallega de la Escritura cun esencialismo mesturado de liberalismo, seguindo a estela daquel case desaparecido partido que se chamaba Ciudadanos, enarborando a libre escolla sen segregación: aquí, si, a Cultura Gallega non é única, é múltiple, inclúe o español. Obviamente, os termos desa inclusión non seguen esa orde, esa xerarquía: coma se dun rexionalismo franquista se tratase, o español estaría integrado no galego porque o galego formaría parte da cultura española. Porén, podemos aceptar que o español está integrado no galego porque non é útil obviar o proceso de aculturación do galego, parello ao de endoculturación do español en Galicia. É dicir, un proceso polo que unha cultura dominante vai ocupando outra que devén minorizada.
A multiplicidade está aí, e non dentro dun elemento totalizador que di acoller individuos de todas as formas e cores. O territorio non é un significante que representar con bandeiras, senón a materialidade concreta da existencia
Logo, o que se construíu como cultura española está, de facto, integrada na galega. Pero establecelo de iure coido que dá como resultado unha subalternidade simpática, controlada, cuxo único activo é o territorio, un elemento que se sitúa nesta iniciativa nun plano principal mais como significante, como realidade formal, ao xeito dos nacionalismos máis reaccionarios.
O nome da asociación fundada xa o di: Asociación Gallega de Escritores. A que é galega é a asociación, por ‘nacer’ aquí e por vincular a escritores/as nad@s aquí. Non é unha Asociación de Escritores en Lingua Galega, primando o semiótico e o coidado da diversidade cultural, a conservación das formas culturais non hexemónicas, que teñen unha historia pero tamén a potencia do devir, forzas activas de transformación creadora. A multiplicidade está aí, e non dentro dun elemento totalizador que di acoller individuos de todas as formas e cores. O territorio non é un significante que representar con bandeiras, senón a materialidade concreta da existencia. Por certo que este territorio, que xustifica esa nova Asociación, é inzado con desmesurados eólicos, e iso forma parte dos nacionalismos que se cualifican como integradores e que empregan tal territorio como base colonial.