Adoptado xa por países como Francia, o moi citado modelo sueco, que Izquierda Unida pretende introducir en España mediante unha proposición de lei orgánica presentada en xuño de 2018, prevé a persecución penal do cliente. Os seus críticos tachan este modelo de paternalista, puritano e moralizante. Recoñecen que pode reducir a prostitución que ten lugar na rúa e mais o comercio de persoas con fins de explotación sexual, pero tamén advirten que desempodera as prostitutas e empeora as súas condicións de traballo. A caza do cliente afasta as traballadoras sexuais do espazo público e condúceas á clandestinidade, onde aumentan as posibilidades de sufriren violencia e explotación e onde se fai aínda máis difícil identificar a escravitude. España, por certo, xa deu pasos nesta dirección. Actualmente, a lei mordaza e múltiples ordenanzas municipais prevén multas para prostitutas e clientes en determinados casos.
Pode ser que achegarse ao traballo sexual con realismo e con respecto polos dereitos humanos implique arrombar algúns escrúpulos que agroman neste debate e pensar, de entrada, nun marco legal que garanta unhas condicións laborais relativamente normais, así como o control do proxenetismo e dos bordeis. Esta postura pragmática non é proprostitución, senón que parte da evidencia de que non vivimos nun mundo ideal. Neste sentido, o caso neozelandés amosa os beneficios da descriminalización completa do traballo sexual: o número de traballadoras sexuais parece que se mantivo estábel, mentres se constatou unha mellora na saúde e na seguridade destas mulleres. Isto podería combinarse con políticas públicas que promovan e faciliten o abandono da prostitución e mais a inclusión social e laboral das ex-prostitutas.
As propias traballadoras sexuais son as grandes ausentes neste debate. Pero non as únicas. Tampouco interveñen os homes como tales. E terían moito que reflexionar sobre a súa hipersexualización, sobre o tipo de sexualidade que arelan, que os leva a pagar por dominaren unha muller ou por seren sometidos por ela, sobre as carencias agochadas que os impelen a solicitar o servizo dunha prostituta. Cal é a clave, desde unha perspectiva de xénero, que explicaría a relación entre sexo e poder? O bordel podería ser algo así como o locus ideal dunha masculinidade inconfesábel? Mesmo da masculinidade de moitos homes novos?
Debémoslle a expresión “your body is a battleground” á artista conceptual norteamericana Barbara Kruger, que o empregou por primeira vez en 1989. Unha compatriota de Kruger, a autora Susan Bordo, recolleu a metáfora do corpo da muller como campo de batalla nun ensaio de 1990, e desde entón fixo certa fortuna. É inevitábel pensarmos nesta idea cando reflexionamos sobre o traballo sexual, onde as traballadoras están silenciadas. Están “caladas coma putas”. Curiosa e significativa expresión. Neste debate, as prostitutas apenas falan, pero sobran as persoas que pontifican por elas, facendo uso, moi a miúdo, de poderosas plataformas institucionais e mediáticas. O que non fai ninguén, agás elas, é prostituírse. As putas están mudas. Elas só traballan, cobran e calan. E lamben as feridas abertas nos seus sufridos corpos nunha batalla que libramos os demais.
Publicidade