“Dejame que te cuente limeña”

O fotógrafo Gustavo García Roig e o poeta François Davó elixiron para amosar esta carpeta –encadernada por Rosa Rivas- unha recollida sa de grosas paredes; desta vez, imaxes e poemas fican pendurados nas sólidas pedras dun pequeno espazo da Casa Museo de María Pita.

Se falamos da importancia do lugar de exhibición dentro da comunicación artística, nesta ocasión a comuñón é case total; invita a un recollemento case místico, a un achegamento ás forzas telúricas, mesmo parece que nos traslada ao interior de Puruchuco, ese monumento preincaico e limeño onde vivía o Señor da Cabeza Empenada, con todas as cores das aves como coroa. Estamos alí dentro detendo o tempo nunha mirada interior. Roig recolle os fortes contrastes da luz peruana, no claroscuro que impón o sol, o deus Inti, recortando as sombras.

As sombras cobran especial relevancia nesta creación que as reivindica, e coincide eiquí coa cultura nipoa, procurando a estética fundamental na captura da súa esencia, tal como explica Tanizaki no “Eloxio da Sombra”. Disquisicións que fan ecoar no noso maxín as teorías da colonización oriental do continente americano polo estreito de Bering, moi anterior á europea coa súa estética fundamentada na luz. Aínda que ben sabemos que non existe a unha sen a outra.

Luces e sombras teñen desta vez a voz emprestada polo poeta, François, que percorre con grande entusiasmo e recollemento as xeometrías do labirinto iniciático que propón, ou habería que dicir só que amosa, Gustavo nas súas imaxes. Una paisaxe pechada en si mesma e de tempo indeterminado, que quere representar o total, o universo. Representación da representación, unha viaxe espiral que conduce á vertixe da alma.
Estamos dentro. Recibimos o saúdo da Pachamama:

Rimai cu llaiqui! 
(benvido ao meu corazón)

 

"Encontro en Puruchuco"
Fotografías de Gustavo García Roig Poemas de François Davó
Ate o 28 de febreiro na Casa Museo de María Pita, A Coruña.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.