Leccións xeográficas do Covid-19 en prol dunhas cidades máis sostibles

©

O coronavirus converteuse no mellor test de estrés do territorio, poñendo en evidencia tódolos problemas das nosas cidades e vilas. Moitos xeógrafos e xeógrafas xa levaban alertando das fraxilidades das nosas urbes

A chegada do Coronavirus converteuse no mellor test de estrés da nosa sociedade e por extensión do noso territorio, poñendo en evidencia tódolos problemas das nosas cidades e vilas. Aínda que ninguén foi capaz de previr esta crise concreta, moitos académicos entre eles moitos xeógrafos e xeógrafas xa levaban alertando das fraxilidades das nosas urbes. 

Sen embargo, a pesares dos efectos tráxicos do Coronavirus, esta pandemia pode darnos unhas excelentes leccións para mellorar as nosas cidades e vilas. 

 

Risco de avellentamento demográfico

O excesivo avellentamento das sociedades occidentais fai que sexamos especialmente vulnerables ás crises sanitarias. Unha estrutura moi envellecida, coma a nosa, crea fortes tensións nos servizos sanitarios e sociais, que por desgraza foron fortemente desmantelados no período de crise financeira. Europa e en especial Galicia enfrontase á bomba ou suicidio demográfico, unha ameaza que pode minar a sostibilidade dos servizos públicos, tal como os coñecemos.

Dende a Xeografía levamos anos alertando do despoboamento territorial que xa non é un problema soamente rural senón que xa está afectando as nosas vilas e cidades. O saldo vexetativo (diferenza entre nacementos e mortos) de Galicia tanto nos espazos urbanos como rurais é negativo, pero nos espazos urbanos compensábase por un saldo migratorio moi positivo. Por desgracia, o poder de atracción das vilas e cidades galegas minguou considerablemente. Agora as áreas urbanas que máis medran deben ou seu crecemento a fagotización de concellos limítrofes como Narón de Ferrol, Ames de Compostela, etc. 

O coñecemento da dinámica e estrutura demográfica dos distintos barrios e parroquias que conforman os concellos permitiranos planificar os servicios e dotacións necesarios para a sociedade actual e futura

As cidades tampouco son homoxéneas, con grandes diferenzas na súa estrutura poboacional. A antigüidade e custo das vivendas, así como os servicios próximos ás mesmas varían a distribución da poboación. As zonas cun maior avellentamento tenden coincidir cos barrios máis antigos, como os cascos vellos, mentres as zonas cun maior dinamismo demográfico debido a xuventude da poboación soen concordar ca periferia urbana. Estas diferenzas demográficas presentan necesidades moi diferentes, pero rara vez se xestionan de xeito singular. 

O coñecemento da dinámica e estrutura demográfica dos distintos barrios e parroquias que conforman os concellos permitiranos planificar os servicios e dotacións necesarios para a sociedade actual e futura.

As institucións deben darse conta do grave problema que supón a sangría de habitantes e trazar estratexias para revertelo. Entre estas estratexias están o aumento dos servizos públicos (garderías), a estabilidade laboral, acceso a vivenda da poboación máis nova nas cidades, etc. 

 

Barrios pouco complexos

Nos últimos anos as vilas e cidades favoreceron barrios e zonas urbanas monofuncionais, dándolle unha enorme fraxilidade as mesmas

Nos últimos anos as vilas e cidades favoreceron barrios e zonas urbanas monofuncionais, dándolle unha enorme fraxilidade as mesmas. Os barrios máis complexos social e economicamente presentan unha maior fortaleza para superar as crises. Pola contra en Galicia seguen medrando e favorecendo desenvolvementos monofuncionais, por exemplo urbanizacións residenciais ou grandes complexos comerciais e ocio. Esta zonificación das cidades demanda un maior número de desprazamentos motorizados. O aumento de fluxos tanto en número como en distancia favorece unha maior dispersión da enfermidade, o que se evidenciou ca pandemia do Coronavirus nas grandes cidades. Moitas persoas infectadas cruzaban a cidade para satisfacer as súas necesidades diarias (traballo, comercio, ocio, etc.). Estes planteamentos ademais de favorecer a expansión da enfermidade, reducen a calidade de vida dos seus habitantes. 

Esta tendencia comeza a trocar en Europa onde se está promovendo o crono-urbanismo. Esta aposta consiste en deseñar e fomentar a cidade, tendo en conta os ritmos da cidadanía. Un exemplo é a proposta de París que pretende que tanto os servizos públicos coma os privados fundamentais para a vida diaria estean a menos de 15 minutos a pé ou en bici. Existen outros modelos similares como a veciñanza a 15 minutos de Ottawa (Canadá) ou as supermazás de Barcelona. 

A solución é deseñar barrios cunha certa autonomía para ser máis eficientes e mellorar a calidade de vida.

 

Autonomía estratéxica

Esta tendencia comeza a trocar en Europa onde se está promovendo o crono-urbanismo. Esta aposta consiste en deseñar e fomentar a cidade, tendo en conta os ritmos da cidadanía

A crise do Covid-19 evidenciou a falla de tecido industrial en Galicia e por extensión España para abastecerse de bens tan básicos como as máscaras. A maior parte dos subministros médicos viñan da fábrica do mundo que é China. A dependencia externa de produtos básicos fai necesario un cambio na estratexia non só galega senón estatal. A decadencia do sector industrial e agrario do noso país a favor do sector turístico- hostaleiro fíxonos máis vulnerables do que pensamos. 

En Galicia, coma no resto de España, apostouse moi forte por o sector turístico, provocando unha excesiva dependencia. O Coronavirus alertou a toda a sociedade deste erro estratéxico do noso país. As fortes denuncias da xentrificación dos cascos históricos (A Coruña, Compostela, etc.) por distintos colectivos, evidenciouse coa explosión da pandemia. As rúas do casco vello de Compostela, por exemplo, estaban practicamente desertas. Nel a maior parte dos establecementos están orientados aos turistas e o número de residentes é moi baixo, xa que a maior parte vivendas tamén están pensadas para a acoller a quen ven a pasar uns días á cidade. 

Dende Europa xa se está levantando a voz sobre este erro. Mostra diso foron as declaracións do primeiro ministro portugués, onde remarca a necesidade dunha reindustrialización de Europa. Un argumento impensable fai poucos anos. 

 

A fenda dixital

A decadencia do sector industrial e agrario do noso país a favor do sector turístico- hostaleiro fíxonos máis vulnerables do que pensamos

A pandemia obrigounos a limitar o contacto persoal abocándonos a realizar gran parte das nosas xestións de xeito telemático Pero a realidade foi que moitas destas tarefas (educación online, compras online, etc) non se puideron facer debido as deficiencias da rede ou á ausencia de servicios adaptados.. 

O teletraballo foi outro dos procesos que acelerou o Coronavirus, pero as deficiencias da rede uníuselle que gran parte das empresas non están adaptadas a esta maneira de traballar, dificultando considerablemente a xornada laboral na casa. 

Unha boa infraestrutura de conexión xunto cunha boa adaptación do tecido empresarial e institucional crearía grandes oportunidades como o teletraballo, a formación a distancia ou o emprendemento. Ademais sería un gran aliado do despoboamento no rural, xa que permitiría certos empregos cualificados no rural. 

 

As cidades non están feitas a escala humana

Unha boa infraestrutura de conexión xunto cunha boa adaptación do tecido empresarial e institucional crearía grandes oportunidades como o teletraballo

As cidades galegas nos últimos anos adaptáronse máis ao coche que ás persoas. O automóbil é o principal dono do espazo público das nosas cidades, ca única excepción de Pontevedra onde se devolveu o protagonismo aos peóns.

O Covid-19 obrigou a que teñamos un certo distanciamento social, algo relativamente difícil en moitos barrios, con beirarrúas estreitas que dificilmente pasan dúas persoas. Os días da corentena e coas rúas baleiras podíase apreciar o desequilibrio do espazo destinado aos peóns e aos vehículos. 

Algunhas cidades é vilas para favorecer o distanciamento social, restrinxiron carrís de circulación ou aparcadoiros. Pero este problema non é coxuntural á pandemia senón que é un problema estrutural, onde o espazo público para a peóns é máis reducido do que imaxinabamos. 

 

Conciliación da biodiversidade e desenvolvemento urbano

As cidades galegas nos últimos anos adaptáronse máis ao coche que ás persoas

A conciliación da biodiversidade e as áreas urbanas demostrou ser beneficioso para a saúde humana e do medio ambiente. A maior biodiversidade das cidades e das súa contorna fainas máis resistentes ás condiciones adversas.

A simplificación dos ecosistemas, reducindo o número de especies e por tanto procesos ecolóxicos, aumentaron os riscos a nosa saúde. O 70% das enfermidades infecciosas emerxentes os últimos 40 años proceden de animais que se transmitiu ao ser humano, entre as que destacan enfermidades como o Covid-19 ou o Ébola.

Por tanto, as cidades deben fomentar a biodiversidade interna e externa. Os bens que necesita a cidade non poden ir en detrimento da degradación do ecosistema. Con este fin, débense protexer a fauna e flora autóctona e revexetar con especies propias de ecosistemas. Por desgracia é bastante habitual, a eliminación da vexetación da flora local e a substitución por especies que pouco o nada teñen que ver o hábitat da zona. 

Mapa de pendentes de Carnota, para ver a idoneidade do terreo ©

Os riscos forman parte das nosas cidades

As cidades deben fomentar a biodiversidade interna e externa

A pandemia amosounos que as cidades non son tan seguras como pensabamos que existen máis riscos dos que pensamos pero por sorte, a maior parte deles pódense prever e por tanto evitar. 

Na actualidade existen multitude de riscos xa detectados e denunciados polos expertos (inundacións, ruído, contaminación, cambio climático, etc.), que non se están tomando coa seriedade necesaria. 

O Cambio climático é un dos principais riscos que se vai enfrontar a sociedade, e faise preciso que as institucións (locais e autonómica) xa comecen a implantar medidas de mitigación porque desta vez non poderemos dicir que non nos avisaron.

 

O futuro xa non vai ser o que era

A planificación territorial é mais necesaria que nunca en este aspecto os xeógrafos e as xeógrafas temos moito que dicir

O Coronavirus vainos a levar a unha “nova normalidade” e da nosa man está decidir se queremos que sexa mellor ou peor. Se queremos crear cidades e vilas máis resilientes e sostibles teremos que volver a poñer as persoas e medio natural como centro da planificación. 

Agora é o momento de recoñecer a utilidade da Xeografía como disciplina pola súa capacidade técnica e seu compromiso social e ambiental. A planificación territorial é mais necesaria que nunca en este aspecto os xeógrafos e as xeógrafas temos moito que dicir (análise de riscos, paisaxe, despoboación, infraestrutura verde ou mobilidade sostible, desenvolvemento de cartografías temáticas, etc).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.