Con 16 anos presenteime as miñas primeiras oposicións dun concello coruñés. Presenteime para ser o animador sociocultural do mesmo… Presenteime por que me deixaban xa que soamente pedían ter a ESO e, a verdade, é que non tiña nin idea de que era ser ese perfil profesional.
Con 18 anos volvinme a presentar ás mesmas (véxase a precariedade laboral) e fun o seleccionado pero negueime… non estaba capacitado. Empecei entón a formarme, mentres nos concellos seguían a saír oposicións para prazas de animador/a sociocultural, técnico/a de cultura, monitor/a de tempo libre… e soamente pedían a ESO. Non o entendo, sei que da práctica apréndese e mellórase, pero falar de dar dereitos propios á cidadanía, é falar dunha responsabilidade moi grande.
Acabei de formarme e volvín ás oposicións pero cunha diferencia propia moi clara: sabía o que era o dereito cultural, as metodoloxías, a participación activa da cidadanía, etc.; e moito por aprender.
No ano 2020 publiquei a miña primeira investigación que tiña como obxectivo profesionalizar e adecuar o perfil do educador e da educadora social á xestión cultural local galega, aquela xestión da cultura que se fai nos concellos de menos de 15.000 habitantes. A miña intención era coñecer cantos educadores e educadoras traballaban como técnicos/as de cultura e se recollían como propias as funcións que se ofrecían dende a democratización e a democracia cultural, é dicir, funcións de ofrecer servizo cultural e participación propia no pobo.
Os resultados, máis que visibles para min, foron clarificadores. Resúmese en que a 100% da mostra recolle como propias a totalidade das funcións e cree que as competencias necesarias para o posto de traballo están por encima do catro sobre cinco.
Como a administración pode seguir sen comprender que a cultura é o núcleo da cidadanía e se necesita dun persoal cualificado e preparado?
Falar de educación social é sinónimo de xestión. Unha xestión que, ademais dunha programación directa, ten que potenciar á cidadanía. Xestionar a cultura é chegar á identificación dos valores propios, o cambio social… e todo isto… pódese facer en calquera espazo.
Na miña segunda investigación (que está a piques de saír), teño como obxectivo adecuar aínda máis o perfil da Educación social ao anteriormente dito. Analizáronse diferentes proxectos que se levaron a cabo na Galiza e a relación dos mesmos cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, a Axenda 2030, a igualdade de oportunidades e a multiculturalidade.
Proxectos de educadoras e educadores sociais para o pobo galego… xa que estamos cualificados e cualificadas para levar até o mais profundo e fermoso lugar de Galiza unha oportunidade de acceder ao dereito cultural.