“Feijoo prepara o seu legado”: o xornal de referencia, ese que ten televisión propia, non deixaba enfriar de todo o resultado electoral para anunciarlle sentido a este cuadrienio. Haberá que facerlle caso ao anuncio de que o gañador pretende clausurar a súa etapa política galega con algo máis ca un balance de recortes no gasto e esa sona de bo xestor que ben transmite o aparello mediático fundamental. Tamén é verosímil, seguindo a mesma fonte, que o herdo de quen seica quere ir para Madrid non radique en impensables faraonismos ou unha reforma estatutaria totalmente imprevisible canto a termos ou axentes. Que preparará, logo, o presidente que recunca? A súa limitación en aspectos formativos non lle quita olfacto, versatilidade e un asesoramento que debe ser magnífico: esperemos, logo. Pero o xornal de referencia xa suxire que vai buscar 'consensos' para marchar coa placidez que o Prestige lle furtou a Fraga no bienio anterior ao 2005. De momento, hai días Miguel Santalices falou ben da Eva Solla ante unha entrevistadora radiofónica que igual buscaba outra prevención, e dixo ir sentir nostalxia pola ausencia parlamentaria do Beiras.
As urnas de setembro puxeron o PP galego en perspectiva de sosego. Ora que posiblemente non desdeñarían manter o de antes como referencia fundamental na oposición. As mesmas urnas deshabilitan esa hipótese, pero a evolución dos acontecementos en Ferraz quizá termine con Caballero investido simbolicamente como representante efectivo na provincia galega, e diálogo paralelo Alberto-Abel. O Xocas? Suponse que algo podería aprender sobre aquela hostilidade Vázquez-Presedo que rematou co Antolín en Europa, Paco fóra do xogo galego e outro Caballero, aínda que fose este, en ostracismo inesperado. Quen sabe o que pasará desde o pleno da abstención na Carrera de San Jerónimo. E co grupo parlamentario galego onde o Leiceaga, de momento, dis que conserva unha maioría afín.
O PSOE volve á crise sen Touriño e de terceiro. Agora é segunda no Parlamento unha novidade que se presenta como tal: non son AGE no 2012, din, son algo máis. Iso parece pouco discutible non só considerando o aumento numérico, tamén pola existencia de curso compartido entre os seus integrantes e aparición dun liderado proclamadamente non ocasional. No deseño de presentación pública enfatízanse como bloque -desculpando- compactado, partillando responsabilidade e manifestándose 'partido non incompatible coa pertenza a outros partidos'. Inevitablemente, esa fórmula aparenta mántrica: cal fidelidade primará no caso posible -eludiremos dicir, arestora, inevitable- de contradición entre ambas por prioridades de axenda española ou galega? Algúns membros do grupo parlamentario, por historia e características, poñen en dúbida o encaixe nun partido alegadamente nacional galego. A posta en escena e manifestación do voceiro parecen ás veces suxerir máis un taumaturgo ca líder político. Pretenden acadar a maioría electoral: serán de camiño máis rupturistas, propositivos no marco presente, sociademócratas? Moitísima incógnita, pero un gran activo: o caderno está aínda en branco. Leremos o texto.
En Marea, e Podemos, decepcionaran abondo desde decembro do 2015: nin grupo parlamentario galego nin goberno alternativo español, pacto cupular e cota para cabezas de lista, nada de primarias despois de Vista Alegre, discusión de galos á vista do mundo. A pesar de todo iso, aínda a favor de onda, contaban con seguir sumando á conta dun grupo en aparente demolición: o mesmo líder e candidato mareístico non descontou inicialmente que este acadase representación. Parece claro que andaban enganados, que a vella fronte nacionalista empezou esa campaña das súas eleccións recuperándose da perda por tanto incumprimento do competidor en prazo inusualmente temperán. Despois rulou desde fórmula tan simple en teoría como difícil de combinar: recuperar esencia e alegar experiencia; humildade tonal con novidade estilística; candidata avezada ata extremo inesperado, que brillou cando máis falta facía. Intelixencia, autoestima e confianza. Agora, o BNG ten un grupo de seis que promete, proposta orgánica de aspecto gatopardesco, fama social de grupo pechado e longuísimo ronsel de obsolescencia para desmentir. Non é lucido de sobras, pero xa estivo peor.
Deixemos en coda este inicio de época: o mundo é indiscutiblemente novo, o arraigamento un valor ata que morre a raíz. Lean se queren os percorridos de ERC, apliquen ese conto á historia toda, e a cada unha das súas partes.