Liberais así coma quen

En 1906, Lwidving von Mises, fundador da Escola Austríaca de Economía, apóstolo do liberalismo e inimigo acérrimo da intervención estatal nos asuntos económicos, graduouse en Dereito e Administración Pública e ingresou como funcionario da Facenda austríaca. Máis de medio século despois, os seus seguidores españois licenciábanse en Dereito e buscaban tamén acubillo na Administración: Aznar, como Inspector de Facenda; Esperanza Aguirre, como Técnico de Información e Turismo; Ignacio González, como Técnico do Concello de Madrid; e Núñez Feijoo, como funcionario da Administración Galega. Ningún deles debeu destacar academicamente, xa que do contrario ficharían por algún bufete de senlleiro ou empresa multinacional, ou opositarían á Xudicatura ou perseguirían algunha cátedra académica. Se cadra o expediente non era malo, pero tiñan cu e non confiaban moito nas súas propias habelencias. Sexa como for, o caso é que os futuros guerreiros do libre mercado valoraban máis a seguridade ca liberdade, e facerse funcionario era o mellor xeito de garantila e un bo punto de partida par enfrontar a incerteza do futuro.

O caso é que os futuros guerreiros do libre mercado valoraban máis a seguridade ca liberdade, e facerse funcionario era o mellor xeito de garantila e un bo punto de partida par enfrontar a incerteza do futuro

Farto da excesiva burocracia, von Mises só botou uns meses como funcionario de Facenda e logo marchou a gañar a vida como pasante dun bufete, dar clases de Economía e ir antubiando na súa cabeza o edificio da súa senlleira obra intelectual. A diferencia de Mises, os nosos campións do liberalismo nunca chegan a fartarse da burocracia; como moito, collen unha excedencia para entrar no corpo de funcionarios da política. E así, de funcionario en funcionario e de oca en oca, tiro porque me toca ata a xubilación dourada no Consello de Administración dalgunha empresa agradecida. Seguidores do mestre Mises -aínda que nunca o leran, que ben pode ser-, ven o Estado fondón e con sobrepeso; e por suposto, moi ineficiente. Pola contra, a viril e salvaxe competencia privada -que eles só coñecen de oídas- ponlles muxicas de cores nos ollos e formigo no estómago. Daquela, cando se lles brinda a oportunidade, poñen o Estado a dieta e pásano polo coitelo se a dieta non abonda. E un pensa, sendo eles funcionarios dese Estado, a que lles ven tirar pedras contra o seu propio tellado? Ah! Agora caio... eles xa tiñan esa idea ao entrar como funcionarios do Estado: a vella estratexia de combater o inimigo dende dentro, dende as mesmas entrañas. E un conclúe, que sendo así, hai que recoñecerlles que son dignos de aplauso e consideración como estrategas, e que aínda que non acorde coas súas ideas teño que gabar o seu sacrificio ao baixar aos infernos do Estado Social de Mercado para dende alí facelo estoupar en mil anacos. Son mártires da sagrada causa da Liberdade!

Cando as contas públicas o permiten, montan novos chigres públicos, expanden os xa existentes ou intentan colocarlle a prezo de ouro pinacotecas privadas a Caja Madrid; e cando hai unha grande desfeita privada, socializan perdas a fume de carozo

Pero son de certo liberais Josemari, Esperanza, Ignacio e Alberto? Eles saben que polas súas obras os podemos coñecer (Mateo 7.15), e que unha fe sen obras é unha fe morta (Epístola de Santiago, 59.2.14). E mira ti por onde, as súas obras non cadran todas cos postulados do liberalismo. Por unha banda, é certo que desmantelan o Estado, sempre comezando polo mais rendible e sempre a favor de amigos; pero non o é menos que, cando as contas públicas o permiten, montan novos chigres públicos, expanden os xa existentes ou intentan colocarlle a prezo de ouro pinacotecas privadas a Caja Madrid; e cando hai unha grande desfeita privada, socializan perdas a fume de carozo. Capitalismo de amiguetes, que lle chamou Antón Losada hai uns días neste mesmo portal.

Eu respecto e moito a von Mises polo seu legado intelectual; e coma moitos outros grandes homes, tirou pouco ou ningún proveito das súas achegas á civilización. Amólame que xente mediocre o utilice como bandeira das súas miserias e ambicións

Daquela en que quedamos? Son liberais strictu senso ou así coma quen? Xuran sobre a Biblia pola mañá cedo, e sobre a Acción Humana aí polas doce; pero á hora do xantar renegan dos textos sagrados e bótanse ao monte do pecado e da intervención pública coma calquera pervertido socialista. Serán logo os falsos profetas que dicía Xesús? Que pensaría deles o seu pai putativo Von Mises? Estou por asegurar que sacaría o cinto do pantalón e mallaría neles ata botalos do santuario da Nosa Señora da Liberdade.

Eu respecto e moito a von Mises polo seu legado intelectual; e coma moitos outros grandes homes, tirou pouco ou ningún proveito das súas achegas á civilización. Amólame que xente mediocre o utilice como bandeira das súas miserias e ambicións. E aínda róeme o fígado que mordan a man que lles da de comer, como é caso dos devanditos Josemari, Esperanza, Ignacio, Alberto e Cia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.