A liberdade de expresión é un dereito humano, indisociábel da condición da cidadanía e sen o que resulta imposíbel concebir un rexime democrático. Adoptou a súa expresión contemporánea no artigo 11 da Declaración dos dereitos do home e do cidadán, un dos documentos fundamentais da Revolución Francesa, e na actualidade fai parte esencial dos dereitos humanos ao estar recollido no artigo 19, tanto da Declaración Universal de Dereitos Humanos coma do Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos. Poucos Estados hai que non se gaben de seren os grandes garantes e defensores deste dereito, alegando que as restricións ao mesmo son mínimas. E, como non podía ser menos, o reino de España non deixa de se nos presentar como un dos adaís mundiais na defensa e na garantía do exercicio dos dereitos humanos e fundamentais.
Porén, a realidade que os apoloxetas do rexime venden dista moito da calidade do produto que pretenden endilgarnos. Realidade que amosa unha involución e un déficit democrático de envergadura, e onde o ataque sostido contra da liberdade de expresión está a acadar dimensións alarmantes. Artistas, xornalistas, participantes en manifestacións pacíficas, usuarias e usuarios das redes, e todo un mundo de activistas están a padecer sancións administrativas e condenas penais produto tanto dun sistema normativo (“Lei Mordaza” e recente reforma do Código Penal) coma institucional (actuacións policiais e resolucións gubernativas e xudiciais) que está a minguar significativamente os dereitos da cidadanía e a dificultar a emisión de expresións e opinións contrarias ao estatuo quo. Porque certamente as denuncias, encausamentos, sancións e condenas dos dous últimos anos teñen evidenciado un rexime autoritario, restrictivo coas liberdades, represivo coa contestación e incapaz de atender os avisos e correctivos que lle chegan desde instancias políticas, civís ou xudiciais internacionais.
Para comezar, lembremos o caso dos dous monicrequeiros humillados e detidos en febreiro de 2016 por unha actuación de rúa. Sigamos con Cassandra Vera, acusada e condenada por enaltecemento do terrorismo por mor duns chistes clásicos sobre aquel almirante que foi presidente de goberno na ditadura franquista, Carrero Blanco, motivo polo que tivo que soportar un calvario persoal até lograr a súa absolución. Mais, neste ano 2018, a liberdade de expresión no reino está a ser enterrada con honores. Así, en febreiro, o Tribunal Supremo ratifica a condena, a tres anos e medio de prisión, ao rapeiro Valtonyc, por enaltecemento do terrorismo e calumnias e inxurias contra da Coroa. Fuxido a Bélxica, a xustiza dese país rexeitou a súa extradición. Tamén este ano, ARCOMadrid censuroa e retirou a mostra de fotos de Santiago Sierra tituladas “Presos Políticos en la España Contemporánea”. Doce rapeiros, membros de La Insurgencia, son condenados a seis meses de prisión despois de que conseguir que en apelación se lles rebaixase, desde os dous anos e un día iniciais, tamén polo contido das súas letras. Suma e segue: Xulgado do Penal en Jaén; un mozo é condenado a pagar 480 euros de multa por ofensa aos sentimentos relixiosos ao ter colgado en Instagram unha fotomontaxe coa súa cara substutuíndo á do Cristo da Amargura. Joorge Correa, “Boro LH”, xornalista de La Haine e Kaosenlared, é condenado por enaltecemento do terrorismo a un ano e seis meses de prisión por compartir publicacións no seu perfil de Facebook.
Por Auto de 21 de setembro, decídese o procesamento do actor e produtor Willy Toledo por presuntos insultos a Deus e a Virxe María nunhas mensaxes nas que criticaba, precisamente, a apertura de xuízo oral contra tres feministas imputadas pola procesión do Santísimo Coño Insumiso. Alex García, dono da produtora Resistencia Films, está a ser xulgado na Audiencia Nacional por enaltecemento do terrorismo, por publicar nos seus videos de Youtube entrevistas a presos do GRAPO. Afronta, por este feito, unha petición de dous anos de prisión, dez de inhabilitación absoluta e o pago dunha multa de 2.400 euros. Carolina Martínez e Clemente Bernard, cineastas e editores, veñen de ser xulgados en Iruñea por un presunto delito de revelación de secretos e atentado contra a intimidade por filmar na cripta do monumento aos caídos as cerimonias que a organización de extrema dereita Hermandad de los Caballeros Voluntarios de la Santa Cruz organiza cada mes. Neste caso, a Fiscalía solicita dous anos de prisión e unha multa de 12.000 euros para cada un deles. O libro “Fariña” padeceu máis de catro meses de secuestro. E, pechando de momento os casos de ataque á liberdade de expresión, o xornalista de La Sexta, Dani Mateo, acaba de ser imputado por realizar unha parodia na que usaba coma pano de mocos a bandeira española. E se a isto engadimos as actuacións policias en manifestacións ou concentracións, xunto coas sancións gubernativas, o relatorio faríase interminábel.
O panorama desolador, deste e doutros dereitos, é recoñecido pola propia Amnistía Internacional que, no seu ultimo informe sobre a situación dos dereitos humanos no mundo, denuncia e critica que se consideren enaltecemento do terrorismo xeitos de expresión considerados permisibeis consonte o dereito internacional e os dereitos humanos. Tamén, o seu informe “España, activistas sociales y el derecho a la información, en el punto de mira. Análisis sobre la ley de Protección de Seguridad Ciudadana”, resulta de grande axuda no desenmascaramento da mercadotecnia que fabrica a imaxe idílica do reino. A verdade é que se está a vivir unha gravísima situación de carencia democrática, na que o recorte dos dereitos e das liberdades está tendo coma un dos seus principais obxectivos o de perseguir e reprimir a discrepancia e o de desactivar calquera reposta de contestación ao rexime. A ameaza e o amedrentamento, a base de prácticas inquisitoriais, están a se utilizar como instrumentos para desincentivar o verquido de opinións e expresións molestas e incómodas para este Estado español que sempre gostou máis do pao que da palabra.
Infamia, toda a anterior, que remata en auténtica burla cando día a día podemos observar a inmunidade e a impunidade da extrema dereita e do fascismo, que non só goza de todas as garantías para se expresar ou se manifestar con total liberdade, senón para calumniar, insultar ou ameazar sen merecer o máis mínimo reproche por parte dos poderes do reino. Pola contra, o fascismo está sendo amparado coma un ariete máis para bater contra a disidencia social e política que defende o afondamento democrático que tanto repugna a toda a caste española de elites e oligarquías cortesás. Infamia que se só se repara con máis desafío e máis rebeldía!
Publicidade