Liberdade, dereita e perversión

Podemos e debemos espallar sen complexos o sentido da liberdade da esquerda: a liberdade como emancipación, como entusiasmo capaz de rachar cadeas e derrubar a súa prisión CC-BY-SA Stepph

Unha das transformacións máis salientabeis do espazo público operada nos últimos anos é o desprazamento da loita pola igualdade material a un lugar periférico do debate político; mudanza agachada baixo a xustificación de que este é o prezo a pagar pola preservación ou o incremento da liberdade persoal

Escribía o filósofo e sociólogo, César Rendueles, que unha das transformacións máis salientabeis do espazo público operada nos últimos anos é o desprazamento da loita pola igualdade material a un lugar periférico do debate político; mudanza agachada baixo a xustificación de que este é o prezo a pagar pola preservación ou o incremento da liberdade persoal. Efectivamente, dunha a outra parte do mundo, a dereita (tanto a liberal como a neofascista) ondea sen pudor o discurso da liberdade co obxectivo de manter intacta a súa supremacía ideolóxica e económica, respondendo alporizada perante calquera sinal de ameaza á súa posición de dominio e de privilexio. Un proceso no que as arelas de igualdade son acantoadas como material en desuso fronte a un imaxinario de liberdade capitalista onde a fantasía do triunfo dunha vontade sen límites e sen ataduras ofrece, ademais, acubillo compensatorio ás frustracións, penurias e carencias sociais dos máis desfavorecidos. Estamos perante unha concepción da liberdade que, sen ser novedosa, vai acompañada da recuperación dun agresivo e despiadado discurso de neodarwinismo social que propón indisimuladamente a necesidade do triunfo dos máis fortes e dos mellor posicionados.

Unha das primeiras reflexións sobre as diferentes concepcións da liberdade foi exposta por Benjamin Constant na conferencia pronunciada no Ateneo de París, en febreiro de 1819, co título “Da liberdade dos antigos comparada coa dos modernos”. Na mesma, distinguía entre a idea de liberdade presente na Grecia e Roma antigas, centrada na participación politica, na distribución do poder e no ámbito do público, e a liberdade en sentido moderno centrada na esfera privada, nos dereitos civís, nas garantías individuais e na protección contra a interferencia dos poderes públicos. Moi posteriormente, en 1958, o filósofo e politólogo Isaiah Berlin reformula e desenvolve esa dicotomía no seu libro "Dous conceptos de liberdade", onde estabelece a diferencia entre unha liberdade en sentido positivo (liberdade para) e unha liberdade en sentido negativo (liberdade de) que enmarcará as pautas do debate e discusión sobre tema. Así, mentres que, para este autor, a liberdade negativa é a liberdade con respecto ás imposicións dos demás, a liberdade positiva sería a liberdade de controlarnos a nós mesmos e de procurar a nosa autonomía e realización.

A definición de liberdade en sentido negativo, que en certa medida sintetiza o sentir da tradición liberal ao respecto, foi adoptada, desde aquela, como proposta normativa e referente incuestionábel por parte de toda a dereita política e económica así coma dunha parte da socialdemocracia liberal

A definición de liberdade en sentido negativo, que en certa medida sintetiza o sentir da tradición liberal ao respecto, foi adoptada, desde aquela, como proposta normativa e referente incuestionábel por parte de toda a dereita política e económica así coma dunha parte da socialdemocracia liberal. De acordo con esta concepción, a liberdade consiste na total ausencia de interferencia, tanto por parte doutras persoas como das institucións públicas, así como no feito de poder gozar plenamente da propiedade sen limitacións e sen intervencións. Unha das características desta concepción, como lembra o xurista Ezequiel Spector, é que considera que só aqueles obstáculos xerados por unha intervención coactiva constitúen restricións á liberdade. Neste sentido, unha persoa pode non ser quen de nadar, mais é libre de facelo sempre que non haxa ninguén que lle impida tentalo. Do mesmo xeito, unha persoa pode non ter cartos para mercar unha vivenda mais, aínda así, é libre de facelo se ninguén llo prohibe. Incluso, para os neoliberais e libertaristas, un individuo podería considerarse libre nunha ditadura se o goberno non incide nas súas esferas particulares, privadas e patrimoniais.

Unha grande diversidade de pensadores teñen sinalado os aspectos políticos e relacionais da liberdade e incidido, con máis ou menos profundidade, nas condicións económicas e sociais do seu exercicio, nas capacidades e posibilidades persoais e colectivas para a súa realización, na necesidade institucional de favorecer situacións de non dominación ou do seu entendemento como un proceso de emancipación individual e social.

Pola contra, e a diferenza do minimalismo liberal, unha grande diversidade de pensadores, como Rousseau, Marx, Amartya Sen, Gerald A. Cohen, Philip Pettit, Quentin Skinner, Nancy Fraser ou Ezequiel Spector, entre outros, teñen sinalado os aspectos políticos e relacionais da liberdade e incidido, con máis ou menos profundidade, nas condicións económicas e sociais do seu exercicio, nas capacidades e posibilidades persoais e colectivas para a súa realización, na necesidade institucional de favorecer situacións de non dominación ou do seu entendemento como un proceso de emancipación individual e social. Todos estes aspectos, que son a face contraposta a esa outra visión negativa, poderiamos identificalos a grosso modo, e dependendo dos autores, cos enfoques da liberdade entendida en sentido positivo, republicano ou como cooperación social.

Tendo en conta esa diversidade de perspectivas, e se pretendemos unha mellor comprensión da idea, representación e imaxinario que a dereita amosa sobre a liberdade, é importante decatarnos de que as concepcións da liberdade son normativas, é dicir, moralizadas, e non descritivas. Isto significa que son concepcións que incorporan criterios de valor e adoptan posicionamentos morais acerca dos comportamentos humanos, acerca da xerarquía dos dereitos e dos deberes así como sobre o alcance e as restricións da propia liberdade. Pois ben, a liberdade da dereita non só está nidiamente moralizada e enchoupada de ideoloxía senón que transita a través de cínicas inconsistencias a fin de garantir os intereses e privilexios das clases dominantes. Así, por unha banda, critícase a protección social e o intervencionismo estatal na economía como se constituise unha ameaza e un atentado á liberdade. Mais, por outra banda, reclámase a actuación e o poder do Estado para privatizar o común; para outorgar subvenciones, créditos, axudas e rescates para empresas; para garantir préstamos e inversións de capital; para conceder licencias e monopolios especiais, así como para estabelecer marcos normativas favorabeis nos mercados de capitais, inmobiliarios e laborais. Todas estas intervencións son admitidas e parabenizadas, isto si, sempre que vaian en beneficio do capital e posibiliten a transferencia de rendas desde a maioría social á unha minoría posuídora. 

Contra esa pulsión de morte, podemos e debemos espallar sen complexos o sentido da liberdade da esquerda: a liberdade como emancipación, como fin da opresión, como goce dunha vida digna e satisfactoria, como entusiasmo capaz de rachar cadeas e derrubar a súa prisión

Alén desa dupla moralidade social e económica, é fundamental referirse á unha axenda política de coacción, represión e desdemocratización, ao tempo que enarboran a bandeira da liberdade, evidenciando o substrato tráxico e perverso da concepción antisocial e oligárquica que representan. Porque a liberdade que defenden é para dominar, oprimir, explotar, despoxar, agredir, mentir, estafar e calumniar sen trabas. Uns fins para cuxa consecución, procuran deshumanizar e enterrar a empatía social. As dereitas actuais, novas e vellas, son un reflexo da racionalidade capitalista, das súas necesidades de acumulación caníbal, e teimudas na procura da desintegración dos vínculos sociais e do retorno dunha moral tradicional que sirva como instrumento disciplinario. 

A estratexia leva tempo en marcha e hoxe xa resulta inxenuo pensar que os estilos e xeitos brutais da dereita non son máis que exabruptos e incontinencias dalgúns líderes desequilibrados. O feito é que observamos a decote a naturalidade e a normalidade coa que denigran, desprezan, ridiculizan e fan burla da dor e do padecemento de cada vez máis individuos e colectivos sociais. Utilizan expresións e narrativas de odio para inferiorizar e privar de humanidade a quen consideran debe estar nuha posición de submisión e subordinación polo seu xénero, etnia, orixe ou traballo. A liberdade da dereita é a liberdade para posuir en exclusiva e excluir desposuindo. Un xiro que, coma di Alberto Toscano, non se pode entender sen a referencia ao goce que extraen da crueldade e da producción sistemática de vidas rexeitabeis. Porén, contra esa pulsión de morte, podemos e debemos espallar sen complexos o sentido da liberdade da esquerda: a liberdade como emancipación, como fin da opresión, como goce dunha vida digna e satisfactoria, como entusiasmo capaz de rachar cadeas e derrubar a súa prisión.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.