Liberdade! Liberdade! Pero, para que?

Certamente trátase dunha das palabras máis mistificadas e que máis sentimentos positivos espertan en nós: a liberdade. Todopoderoso concepto ó que todos aspiramos e que supostamente guía todas as nosas accións. Deste xeito esta palabra serviu para xustificar dende accións populares contra tiranías ata para que certas potencias imperialistas invadisen e destruísen países lonxanos (e non tan lonxanos). Recentemente, cando falo ca xente que coñezo e comezan a xurdir temas de maior calado filosófico, adoitan recorrer insistentemente ó concepto de liberdade, afirmando que esta é a máxima xeral que guía as súas vidas. Paradóxicamente, e por desgraza, a maioría destas persoas son adictos ás drogas (indo dende as más socialmente aceptadas como o alcol ou o tabaco, ata as menos), e eu penso: acaso iso non é un limitante enorme?. A droga proporciónache a sensación de liberación terreal, pero na realidade o que sucede é que limita a túa capacidade física e cognitiva, o que acaba provocando que carezas da menor liberdade no mundo real, xa que cada vez descoñeces máis o seu funcionamento e significado e así serás máis facilmente manipulable. Así mesmo, a maioría dos meus colegas pertencen ó proletariado: isto non é outro factor que limita a túa “liberdade?. Teñen a obrigación de vender a súa forza de traballo (polo tanto o desgaste do seu corpo e parte do seu limitado tempo vital) por un salario que nin sequera é o valor total dese desgaste e tempo malogrados. Tanto da que moitas destas persoas se atopen en paro (polo tanto “libres” dentro do pesadelo de carecer de modo de subsistencia estable) ou en determinados períodos de tempo teñan vacacións ou momentos de menor carga de traballo. Dubido moito que ter un amo benevolente que che concede tempo para durmir e drogarte sexa aproximarse á “liberdade” na súa forma máis elevada... Non falemos xa das estrafalarias manifestacións en favor da “liberación” contra as medidas restritivas da pandemia, xa que eu considero lícito criticar as medidas ineficaces, laxas e irracionais deste goberno criminal, pero dubido moito que a supresión total das mesmas teña un factor positivo na incidencia da pandemia (máis ben a cousa tendería a agravarse, máis aínda...).

Pero antes de ir ó centro da cuestión, fagamos un breve repaso “filosófico” do termo LIBERDADE. O feito de liberarse supón desfacerse de algo que aprisiona ou reprime, polo que cando se fala de liberdade debería de definirse tamén que é do que un pretende liberarse. Seguindo este razoamento, a liberdade como concepto absoluto é irrealizable. O seu humano sempre vai a estar atado a certas necesidades inmanentes á súa constitución biolóxica. O ser humano con liberdade absoluta debería desfacerse da necesidade de certo número de calorías diarias, ou incluso debería voar de xeito autónomo, xa que así non estaría condicionado polo feito de estar sometido á lei da gravidade. Polo mesmo, debería superar a súa capacidade de contraer enfermidades ou sufrir lesións, xa que estas son bastante limitantes da liberdade absoluta. Por todo isto, sinto comunicarlle ós crentes da liberdade absoluta que os seres humanos temos unha serie de necesidades materiais. E curiosamente na sociedade capitalista na que vivimos para poder acceder a estes materiais precísanse unha serie de requisitos que te levan a dubidar bastante da existencia (e da posibilidade de alcanzala) do concepto de liberdade, por moi básica que esta poda presentarse. Como sempre direi, o concepto de persoa libre no noso mundo só podería ser aplicable a alguén que se reclúa no medio do monte e se dedique a ser autosuficiente, pero incluso deste xeito seguiría estando atado ó traballo imprescindible para a súa supervivencia. Deste xeito o concepto de liberdade absoluto é irrealizable, polo tanto, quen se dedique a teorizar sobre o mesmo, solo fai terxiversar a realidade de xeito demagóxico e idealista. 

Centrémonos agora na teoría que en maior medida ten empregado de forma máis que recorrente á liberdade, chegando case a prostituíla. Esta teoría, o liberalismo, é a consecuencia no plano da ideoloxía dos cambios económicos e sociais que se estaban a producir en Europa dende o século XVI, que culminarán con 3 feitos históricos dos que o noso sistema é herdeiro directo: a Revolución Gloriosa inglesa, a independencia dos Estados Unidos de América e a Revolución Francesa. O fundamento último desta teoría sería liberarse dos últimos vestixios institucionais do Antigo Réxime que limitaban a expansión do capitalismo (proceso exitoso xa que na actualidade este sistema foi implantado en todo o globo). Para isto serviranse desa tan fermosa palabra que o podería xustificar todo: a liberdade. Ás citas á mesma serán constantes e seguirán unha ascensión progresiva, pero moi poucos teóricos se deterán en tratar de definila. De feito no imaxinario colectivo liberalismo segue gozando de calidades positivas. Sempre se me quedará gravada a lección dunha mestra que en 4º curso da ESO se detivo antes de iniciar a súa asignatura de Historia Contemporánea Universal para facernos ver o equívoco da palabra máxica, o liberalismo. O seu experimento consistiu en preguntarnos si críamos que o liberalismo se debería considerar dentro da “esquerda” e si esta representaba unha liberación real para todo o xénero humano. Ante a nosa resposta afirmativa explicounos que isto non era así, xa que nunha sociedade dividida en clases antagónicas como na que vivimos, con ese concepto de liberdade só se pretende liberarse do “Estado” no momento no que este limite ás ganancias dos capitalistas. Esa liberdade é só liberdade de explotación, nada máis. Tras esa básica pero precisa explicación en ningún momento fun capaz de atopar un argumento que negase esa lóxica (e non será porque non o busquei...). En fin, resumindo poderíase concluír que ese liberalismo tan manoseado consiste en que unha minoría da poboación se libere da escravitude do traballo en detrimento doutra gran parte da poboación, que deberá traballar para eles mentres entre drogas e brutalidade se lles proxecta a imaxe de que eles tamén gozan de “liberdade”.

Precisamente para conseguir que estes se crean participes da panacea liberal deberase sementar o individualismo máis acérrimo entre eles, aplicando constantemente a máxima de “hommo homini lupus” de Hobbes, fragmentando a realidade en innumerables identidades. Neste sentido existen dous polos que se complementan. Por un lado están os teóricos economistas como Milton Friedman, sofistas que se teñen que remontar a exemplos microscópicos ou a panaceas futuras “sen Estado” (atentando contra todo principio histórico), mentres na realidade só se dedican a esnaquizar países agravando ata a irracionalidade as diferenzas económicas da sociedade, como en Chile. Curiosamente cas súas accións e teorías o único que fan é demostrar a inviabilidade do futuro do capitalismo. Un sistema que nin era xusto co “Estado de Benestar” europeo posterior á II Guerra Mundial (polo tanto fillo desta circunstancia excepcional e que non se vai a volver a repetir...) para cando nin máis cando o Estado só se dedica e rescatar ós poderes económicos dos seus propios desastres financeiros. No outro polo atópanse os difusores desta teoría idealista e carente de contraste ca realidade, pseudoteóricos que a nivel retórico só son capaces de elaborar argumentos infantís como “teño un amigo dun tío que o seu avó viviu na URSS e había moita fame e miseria”. Os máis mediáticos poderían ser Libertad y lo que Surja ou lobiños de Wall Street, denominándose como “anarcocapitalistas” e cebándose cunha esquerda progre e antiobreira que parece que se denigrase a posta para darlle argumentos a estes personaxes de cortas miras intelectuais. Pero a pregunta que máis me aborda con estes personaxes é si o fan por convencemento ou si reciben asesoramento e financiación por defender esas sandeces. 

Pero a defensa destes valores non é exclusivo do anarcocapitalismo, dende o trotskismo ata o “progresismo” máis moderado non se distancian nada do liberalismo. Todos defenden a propiedade privada, o individualismo e a explotación dunha clase sobre outra. Deste xeito non estraña que a súa teoría faga augas por todos lados, xa que se basean nunha utopía, a reforma do capitalismo. En definitiva, teorizar sobre a liberdade esconde moitos recunchos escuros e macabros. Polo tanto o futuro só pasa pola liberación dos parasitos (eses que falan de liberdade asentados sobre a escravitude asalariada) e a instauración dunha sociedade baseada na disciplina e na supeditación ó colectivo. Pero non para poñer os piares a un sistema que se cae en anacos, como sería o fascismo, se non para construír unha nova sociedade rexida pola máxima da xustiza social. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.