Libres porque confinados

Nunca antes tantas persoas tomaron de súpeto conciencia do valor da liberdade. Nunca antes coma na actual conxuntura cando, imperiosas necesidades sanitarias mediante, as nosas saídas son proscritas, limitadas a uns poucos movementos autorizados. Non falta quen, de súpeto, tras toda unha vida de servilismo e irreflexión arredor do grandioso dos valores que caracterizan as nosas sociedades abertas, ousa invocar e promover a “rebeldía” para transgredir a norma actualmente en vigor. Non falta agora quen rexeita pregarse ao novo “réxime draconiano” e xustifica as súas díscolas opcións nunha sorte de necesidade orgánica que rexeita “deixarse encadear”. Non falta agora quen afirma dar máis importancia á súa liberdade que á súa propia vida, estimando que a conclusión de tal diatriba tan só a el lle compete e que ningunha autoridade ten dereito de inxerencia, atacando e arremetendo, coma se do “home revirado” de Camus se tratase, contra corpos e forzas de seguridade que só están para os controlar.

Tal deriva dista dun acto subversivo e ten máis que ver cos pequenos costumes e comodidades conformistas que nos temos dado, máis acaídos coa reacción de nenos mimados sen conciencia do valor das cousas. No seu libro A república do silencio, Sartre profería unha provocadora afirmación ao sinalar que “(os franceses) nunca fomos tan libres como baixo a ocupación alemá”. Non se trata de comparar o incomparable, establecendo un paralelismo imposible entre o xugo do nazismo e o confinamento que os galegos vivimos, senón de lembrar aos moitos esquecedizos contumaces o auténtico prezo da liberdade! “Tiñamos perdidos todos os nosos dereitos, comezando polo de falar; insultábasenos á cara cada día e debiamos calar; éramos deportados en masa, como traballadores, como xudeus, como prisioneiros políticos; en todas partes, en muros, en xornais, en pantallas, atopabamos ese inmundo e insulso rostro que os nosos opresores presentaban coma se fose o noso: a causa de todo isto, éramos libres”. 

Son as sombras as que nos permiten ver a luz. Só a máis dura das probas e complexo desafío é quen de revelar o mellor en cada un de nós. Nunca a liberdade se nos presenta con tanta forza e acuidade coma no día en que nos privan dela. O que Sartre denota é que ser libre depende de até que punto estamos dispostos a asumir as consecuencias das nosas decisións, dos nosos xuízos éticos, das nosas eleccións cotiás e de como estas impactan en nós mesmos e naqueles que nos rodean. A liberdade non é un acto trivial, algo que poidamos exercer sen pensar, senón que é un combate que temos que librar sempre, en todo momento e situación. A liberdade non son os exercicios de inconsciencia que se suceden durante as últimas semanas, nin converterse subitamente en runner, devecer por broncearse no parque do barrio ou provocar atascos nas saídas das nosas cidades para pasar a tarde no monte ou na praia. Ser libre non é encherse a boca de dereitos humanos, transgredir a prohibición e coleccionar amoestacións! 

A actual crise dános ocasión de comprender que nunca hai liberdade sen condicións. Na súa novela A peste, Camus, tamén aludía ao valor da liberdade e xusto en tempos de pandemia. “Os nosos cidadáns non eran máis culpables ca outros, esquecían ser modestos e pensaban que todo aínda era posible para eles (...) críanse libres e ninguén será nunca libre mentres haxa enfermidades”, escribiu o alxerino-francés. A falsa liberdade preténdese incondicional e acomódase ao egoísmo humano, se ben é algo a reconquistar a cotiá e a conxugar en plural. Deste xeito, un home confinado é un home autenticamente libre! Alguén que di si ás frustracións individuais para atallar os males colectivos, que sacrifica a súa comodidade polo ben de todos, xa sexan anciáns, funcionarios en servicio ou traballadores de sectores indispensables. Cidadáns que transixen con permanecer na casa conscientes de que o egoísmo pode provocar o irreparable, que un espirro non contido ou unha man mal lavada pódenlle costar a vida a algún desafortunado. Cidadáns que ven nas privacións e renuncias nacentes solidariedades para consolidar o ben común e dotar de novo senso ao noso corpo social. Somos libres porque confinados!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.