A exhibición de libros nas manifas coma arma cargada de futuro resulta conmovedora, pero tampouco convén elevala a unha categoría superior, alén do seu simbolismo elemental entre o fálico manganello e o fráxil feixe de follas con formato de libro, se non sempre entendido, sempre aberto. O libro, como obxecto, garda en estado de latencia un material incógnito. Ninguén pode saber que agocha ese paralelogramo ata que, con técnicas aprendidas desde pequenos, logramos descifrar o seu interior. Supoño que iso ten un punto máxico que seduce a quen entra nel, pero nada desde fóra permite saber se o que está dentro paga a pena ou non.
O certo é que, sexa o que sexa o que oculta, o libro goza dunha fama extraordinaria, case inmaculada. Ao meu xuízo, ás veces inmerecida.
O certo é que, sexa o que sexa o que oculta, o libro goza dunha fama extraordinaria, case inmaculada. Ao meu xuízo, ás veces inmerecida. Retrancado o tópico de que non hai libro malo que non conteña algo bo, eu sosteño que hai libros innecesarios, impertinentes, cuxa existencia poucos ou ninguén pode botar en falta. Son visitante bastante habitual dalgunhas excelsas bibliotecas, que gardan centos de volumes con miles de páxinas adicadas a demostrar a eficacia da providencia ou o concurso divino no momento do acto (sic), que non parecen imprescindibles, se non fose pola calidade extraordinaria da pel que as envolve e a entenrecedora paisaxe que resulta do conxunto, engaiolado en andeis de madeira vetusta.
Centos de miles aceptarían con pracer a ruina maliciosa de esculturas ou de edificios, por pouco relevantes ou directamente como demolibles sen remorsos. Xa non digo nada de películas. Mais co libro isto non pasa
Seguro que máis dun aceptará que non son necesarios todos os discos nin todos os cadros, por moito que os artistas en cuestión consideren irrenunciable a súa pulsión creadora. Centos de miles (millóns se me apuran) aceptarían con pracer a ruina maliciosa de esculturas (nomeadamente de rotondas) ou de edificios, mesmo considerados en luxosos catálogos (vaia a redundancia) de deputación, por pouco relevantes ou directamente como demolibles sen remorsos. Xa non digo nada de películas. Mais co libro isto non pasa: o libro ten boa prensa. Hai xente mesmo que os acumula, nunha zuna que dan en chamar bibliofilia. Outra toma a agravio maiúsculo perdelos e sei de amizades estragadas por un libro non ou mal devolto. Un home ou unha muller en pose de lectura adquiren ata sexappeal, xa non digamos cando escriben ou presentan o que se supón por el ou ela escrito, aínda que sexan memorias de paellas con director de cinema.
O libro é mais fetiche ca invención, mais ídolo venerado ca artefacto. Un libro posúe entre nós un aire indisimuladamente sacro: a rapaza que coloca o libro diante dos fociños do policía vestido de Robocop semella o exorcista diante das forzas do maligno.