Uso o substantivo “lingua” e non “idioma” porque algúns lingüístas fan unha lixeira diferenciación entre ámbolos termos, dando un carácter máis xeral a “lingua” e máis específico a “idioma”, que sería unha fala máis prestixiada polo seu status e tradición cultural fronte ao simple código de comunicación con trazos fonéticos, morfosintácticos e léxicos propios correspondentes a unha comunidade que sería unha lingua. Pódese dicir que todo idioma ten un estándar, mentres que este non é necesario pra catalogar unha fala como lingua e que todo idioma é unha lingua pro que non toda lingua é un idioma. Por tanto, vemos que dende a lingüística hai unha tentativa de xerarquización entre as linguas: dado que a inmensa maioría das linguas do mundo non posúen estándar ningún nin tampouco sistema de escritura.
Mais isto non é novidade ningunha, dende a antigüidade sempre se fixo nas comunidades unha diferenciación entre a fala propia e a dos demais, e como consecuencia un razoamento onde os pobos dominantes xustifican o seu dominio mediante a demostración da súa superioridade cultural e lingüística, non por casualidade gregos e romanos denominaban “bárbaros” (“os tatexos” en grego) aos pobos de fóra do seu mundo cultural. E en diante a argumentación non variou ren no esencial, aínda que co tempo se fosen engadindo explicacións “científicas”, sempre co norte do pobo expansionista poder desculpar a conquista dos territorios veciños ou, no seu momento, o colonialismo alén do océano. E coa instauración do “estado” como forma de comunidade con fronteiras recoñecidas polos seus veciños serviu prá aniquilación de toda cultura non admitida polo poder estatal, tamén con derivacións en contra das diferenzas de carácter étnico, relixioso ou ideolóxico; e sempre co gallo da defensa do estado, normalmente chamado “patria” ou “nazón”. Convén non esquecer as palabras do deputado revolucionario francés Bertrand Barère de Vieuzac que en 1794 proclamaba: “[…] No país dun pobo libre, a lingua debe ser unha e a mesma pra todos […] Coma se nos correspondese a nós conservar estas falas bárbaras e estes idiomas groseiros que só poden resultar proveitosos aos fanáticos e aos contrarrevolucionarios! […] O federalismo e a superstición falan baixo bretón, a emigración e o odio á República falan alemán… a contrarevolución fala italiano e o fanatismo fala basco. Crebemos estes instrumentos de ignorancia e erro”, porque seguen vixentes baixo outros argumentos menos bastos e puerís pro co mesmo ideario e obxectivo. Así Andrés Amorós, catedrático de Literatura Española na Universidade Complutense de Madride, di exquisiteces como as seguintes: “Cos Reis Católicos consumouse a unidade de España e o que, ata entón, era o castelán, converteuse no español, a lingua nacional”; “Dun modo sectario e ignorante, adoita agora atribuír este proceso histórico á imposición dunha lingua e a represión das outras”; “Cando se creou o Centro Dramático galego, tentouse traducir ao galego, pra representala, algunha obra de Valle-Inclán. Felizmente os seus herdeiros negáronse” –felizmente en 2017 precribiu este veto–; “Os nacionalismos chegaron a se inventar linguas, esixindo que se recoñezan como tales simples variedades fonéticas, sen riqueza cultural nin literaria, como a fabla aragonesa ou o bable asturiano” etc. Mais o “centralismo supremacista español” –quizais vai sendo hora de denominar a becha claramente– tamén aniña en posicións ideolóxicas de esquerda como se ve na suxestión que recibiu o escritor Xavier Queipo do premio Nobel José Saramago (ANT, Cadernos de pensamento e cultura, nº 29, 05-2003): “Na Península Ibérica existían dúas linguas literarias, o portugués de Portugal e o español que correspondería ó que non é Portugal. Que se quería ser escritor de verdade, xa que logo, tiña que escribir en español, pois eu era galego, certamente, pero español na fin, e que o de escribir en galego sería para min sempre unha frustración”.
A ideoloxía uniformista amais de usar o académico termo “dialecto” pra denominar toda lingua sen rango oficial ningún, como forma de denigrar e infravalorar as “falas inferiores” pode utilizar vocábulos de auténtico menosprezo para se referir a elas, así o termo “patois” en Franza, aplicado a calquera fala romance rexional diferente do francés estándar, ou “chapurreado” (lingua falada incorrectamente) en España, usado sobre todo pra falas sen protección legal ou escasa como o galego eonaviego (chapurreado), a fala de Xálima (chapurreáu) ou o catalán aragonés (xapurriau, xapurriat). En Italia, pola contra, non se usa ningunha denominación despectiva exclusiva diferente de “dialetto” pra calquera fala romance italiana diferente do italiano estándar, independentemente da súa extensión ou prestixio, nivelando todas na mesmo status de inferioridade lingüística agás as linguas recoñecidas como minorías lingüísticas (ladino, francés, franco-provenzal, occitano, catalán, friulano e sardo e mais cinco linguas non romances). Xa que logo, dentro das linguas minorizadas tamén hai categorías, que os uniformistas recoñecen, como se comproba nunha entrevista ao filósofo George Steiner (El País semanal, 24-08-2008), onde este preguntaba perplexo ao seu entrevistador: “Mais, cambiando de tema, dixéronme que hai unha universidade en España en que é obrigado falar en galego”, ao que respondía este (Juan Cruz): ”Igual que é obrigado en Cataluña compartir o catalán co castelán”, e replicaba o filósofo francés: “Pro non me compare o catalán co galego! O catalán é un idioma importante, cunha literatura impresionante. Mais o galego, por que ha de ser obrigado nunha universidade?” –ende ben, hoxe se usa, aínda que minoritariamente, en tres–.
Prós que cren na supremacía duns idiomas sobor doutros, quizais como os supremacistas racistas por orde divina, non lles viría mal lembrar que a hogano dominante lingua inglesa, indiscutíbel como principal lingua de relación internacional, e produción cultural e científica, foi no seu inicio un conxunto de dialectos xermánicos occidentais colonizadores da illa de Britania que entre o s. XII e o XIV non pasaba dunha lingua popular sen apenas prestixio literario baixo o dominio do latín e mailo francés anglonormando ou que posteriormente figuras relevantes da filosofía ou a ciencia inglesa, como Francis Bacon ou Isaac Newton, utilizaron o latín prós seus escritos fundamentais. Ou que a lingua checa foi durante a maior parte da súa historia unha lingua popular so o dominio do latín e o alemán no seu territorio ata a consecución dun estado propio pró pobo checo. Mais se hoxe o inglés manifesta a súa supremacía diplomática, cultural, científica e económica no mundo, por que os defensores do “español” non proclaman que o inglés é un idioma superior ao español, seguindo exactamente os mesmos razoamentos que usan pra afirmar a superioridade do “español” sobor do resto das linguas españolas ou hispanoamericanas?
Hoxe a lingüística máis actualizada, fóra dos redutos nacionalistas inevitábeis ao servizo do estado correspondente como a RAE que segue a considerar, por exemplo, o asturleonés e mailo aragonés –este definido como variedade do medieval navarroaragonés– “dialectos romances”, é dicir, que lles nega a categoría de linguas malia a súa descendencia directa do latín. Ben, a lingüística contemporánea recoñece que calquera fala ten de seu a posibilidade de ser idioma se se dan as condicións sociolingüísticas axeitadas, porque son requisitos sociais e non lingüísticos os que fan dunha fala un idioma, mentres que unicamente os lingüísticos son os que determinan que unha fala sexa unha lingua ou forme parte dunha lingua. Son estas condicións extralingüísticas as que fixeron que o fala de oíl de París se convertese no francés estándar por ser esta cidade a capital do reino de Franza e logo do estado francés dende o s. XII. Que o italiano estándar sexa unha modernización oitocentista do toscano florentino do s. XIV, representado polos tres escritores máis prestixiosos do seu tempo: Dante, Petrarca e Boccaccio, que servira de modelo durante os séculos anteriores. Que o alemán estándar proceda do alto alemán de Saxonia utilizado por Lutero en 1521-22 prá súa tradución da Biblia á lingua vernácula xermana con modificacións posteriores, por ser unha zona de converxencia entre o alto e o baixo alemán, aínda que durante moito tempo foi máis un idioma escrito ca falado. Ou que o portugués estándar, o noso idioma irmán, é o resultado do galego medieval modificado polos usos de Coímbra e, sobre todo, de Lisboa dende o s. XIV, e que a súa variante brasileira estandarizada basea as súas formas nos usos de Río de Xaneiro e San Paulo, as dúas aglomeracións urbanas que concentran o poder económico e cultural do Brasil. En definitiva, que ningún estándar escapa de factores alleos á lingua de que procede pra ocupar ese prestixioso posto como forma de uso escrito e modelo de uso oral.
Por último, adoita usarse unha argumentación recorrente que pretende demostrar “irrefutabelmente” a superioridade dunhas linguas sobor doutras: a excelsa produción literaria ou científica expresada en determinadas linguas ou a sociedade máis avanzada materialmente que se manifesta nesas linguas, pondo a seguir como exemplo os logros feitos cunha lingua occidental de suceso fronte a aos de calquera lingua tribal de África, América, Ásia ou Oceanía; trabucando tramposamente conceptos totalmente diferentes como “lingua” e “sociedade”. Mais usando unha mesma lingua como exemplo, é doado desmontar o falaz razoamento. Por exemplo, o Xapón foi unha sociedade feudal ata mediados do s.XIX, porén un século despois era un país tecnoloxicamente avanzado e hoxe segue á vangarda das sociedades máis desenvolvidas, pro a súa lingua segue a ser a mesma que se usaba na súa sociedade atrasada das épocas anteriores, soamente que engadiu múltiples vocábulos pra expresar tódolos numerosos novos conceptos que o desenvolvemento da súa sociedade implicaba; xa que logo, o xaponés de inicios do s.XIX era a lingua dun sociedade atrasada e o de finais do mesmo século o dunha sociedade avanzada: a lingua non supuxo atranco ningún. Casos semellantes poderían indicarse pra unha gran parte dos idiomas nacionais actuais: islandés, finés, albanés, noruegués, romanés, ucraíno, indonesio, tagalo, mongol etc.
En verdade alguén pode crer que a obra de Álvaro Cunqueiro ou Manuel Rivas é culturalmente superior nos seus libros escritos en castelán aos escritos en galego, ou que a “Táboa periódica dos elementos” é máis científica en castelán ca en galego? Temo que si.