Literatura efémera

Cando alguén ten por diante unha pantalla baleira, un lenzo que vai encher con estes caracteres sente ese belisco no estómago, forte e infinito, de alguén que vai saír ó escenario recrear verdades e mentiras. Estas letras van camiñando paseniño, soas e armadas de sintaxe, vestíndose de gramática propia e allea, dalgún que outro risco, de moitas dúbidas e tamén de aseveracións. As liñas, coma un  puzzle, van asomando, seguen o seu camiño e logo desaparecen. Non sei se esa sintaxe da que falabamos antes é, ou non, unha facultade da alma, iso dicía alguén que xuntaba moitas máis letras e que sabía que o que facía era literatura.

Non sei quen le, de quen acaban sendo, os textos, os posts perdidos dos blogs, as liñas dos tuits, os comentarios que se fan ós artigos nos xornais

Non sei quen le, de quen acaban sendo, os textos, os posts perdidos dos blogs, as liñas dos tuits, os comentarios que se fan ós artigos nos xornais. Se existise un arquivo inmenso de toda a interacción na rede penso que precisaríamos moitos faiados para gardar todas as máscaras empregadas, moita memoria e demasiadas etiquetas. Tantas coma as que se suceden día a día en cento corenta caracteres. 

A min sempre me pareceron algo semellante a autobiografías en pequenas doses, reducidas e desbocadas á vez, efémeras nesa intensidade que vai pasando por diante de nós e na que só reparamos uns instantes. Aquel que eloxiaba  dobremente a brevidade, se era boa, sería un tuiteiro de primeira división. Deses dos que logo todo o mundo fala, dos que, paradoxalmente, quedará moita lembranza e dos que, pode ser, pretendamos facernos unha camiseta cunha desas sentenzas tan ben traídas e festexadas. 

Non sei se en todo isto do que falamos hai ou non literatura, entendamos o que queiramos entender por isto. Andan moitos, na rede precisamente, comentando estes días sobre o xénero, a etiqueta, a nomenclatura, as características do que se fai nos blogs. Pode que sigamos a entender que certas cousas veñen empaquetadas de determinada maneira: se é de papel e ten páxinas pode ser un libro, se ven noutro formato xa é outra cousa, se es escritor tes que ter actitude e as canles, ós pulpitos adecuados: facer parcelas e, porén, limitar o mundo. 

Ó mellor é todo moito máis sinxelo: hai verdade e ficción en moitos recantos da rede e tamén na propia oralidade.

Ó mellor é todo moito máis sinxelo: hai verdade e ficción en moitos recantos da rede e tamén na propia oralidade. Coma tamén hai moitas páxinas agochadas e latentes nas bibliotecas, en libros  que ninguén le, pechados, orfos, case mortos. A condición de literario non serve para nada se o texto é un belo durminte. A literatura non creo que teña domicilio fixo e será todo o efémera que os lectores decidan. Por moito que pensemos que xa está todo escrito.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.