Estaba a procurar o momento idóneo para facer a miña avaliación da campaña do
Bloque. A campaña das galegas e galegos que queriamos un cambio de goberno. A campaña de Ana Pontón. A nosa. A Campaña (así, con maiúsculas).
Creo que Galiza gañou o pasado 18 de febreiro. E fíxoo non por ter feito seguidismo do Bloque nin de Ana Pontón, senón por ter acreditado nas súas forzas políticas para defender os seus intereses. A alternativa ao PP en Galiza é o soberanismo
Van máis de dúas semanas desde que coñecemos os resultados e seguimos a ler avaliacións e análises sobre os 15 días da carreira electoral, as mensaxes e os medios empregados nas mesmas ou a correlación de forzas saíntes no Parlamento galego tras os resultados do 18 F. Algunhas destas críticas feitas desde o rigor e a distancia, outras, enfocadas máis en lecturas partidistas, mais, sexa cal sexa o resultado do soberanismo galego, sempre nos toca os mesmos e as mesmas facer autocrítica.
Disque sumar no BNG non chega. Abofé que non, mais, polo menos, sumar no BNG non resta, nin moito menos divide.
Levo apenas 6 anos na casa común do nacionalismo e nunca antes me implicara nunha campaña nacional ao nivel que me impliquei nesta. E aínda sendo profesional do eido da comunicación desde hai máis de 10 anos, mentiría se dixera que albiscaba a dimensión que ía acadar o proceso electoral ao que se enfrontaba o Bloque.
En primeiro lugar, polo feito de que apenas houbo tempo para a pre campaña. Isto creo que non se trasladou á xente pois, desde que se anunciou a candidatura de Ana Pontón á Xunta, aspirando a converterse na primeira muller en presidir á mesma, un milleiro de bots activáronse nas redes. Convertindo o Bloque, día si e día tamén en tendencia. É certo, foi así. Eu vivino e o propio Partido Popular tamén.
Por primeira vez en anos moitos artistas e intelectuais fíxeron público o sentido do seu voto. Era o froito de ter feito políticas transformadoras desde todas as Institucións nas que o BNG tiña presencia.
Quen algunha vez xirara por Galiza, cantando na súa lingua, quería agradecerlle ao Bloque ter estado aí sempre. Quen organizou un festival de cine grazas as políticas transformadoras da fronte. Quen subiu a un escenario e puido recitar na lingua que nunca puidera recitar a súa avoa. Quen subía vídeos a Youtube e o único apoio que se atopou sempre foron as políticas municipais da fronte. Todos eles parecían ter ganas de expresarlle ao mundo a súa admiración pola líder do Bloque, Ana Pontón.
Mesmo doutro lado do charco chegaban mensaxes de folgos e ilusión polo cambio, de líderes políticos internacionais e referenciais para o pobo galego.
Creo que Galiza gañou o pasado 18 de febreiro.
E fíxoo non por ter feito seguidismo do Bloque nin de Ana Pontón, senón por ter acreditado nas súas forzas políticas para defender os seus intereses. A alternativa ao PP en Galiza é o soberanismo. Porque eses foron quen nos votaron, os nosos. Esa xente do mar que veu útil o traballo que fixemos todos estes anos; a xente do barrio de Coia ou Navia que está a ver como a industria esmorece en favor do sector terciario e do modelo de luces de Nadal de Abel Caballero; a xente nova que non quere emigrar; as persoas que queren romper teitos de cristal; as que queren coidados de calidade e servizos públicos como dereito universal.
Parece tamén que o pobo galego valorou máis a organización e o arraigo territorial que as promesas progresistas con aires do Paseo da Castellana.
Non merquemos ese marco de que todos os votantes do PP son a mesma cousa. En Galiza o espazo do Partido Popular ocúpano familias de diferentes raíces ideolóxicas, aínda que sempre se poñan de acordo para repartirse o pastel. Temos a obriga de confiarmos no noso pobo
E quen non nos votou? Pois aqueles que aínda non acreditan en que o cambio sexa posíbel.
Mudar a sociedade é un proceso lento, que precisa de pedagoxía e de afondar en todas e cada unhas das diferentes contradicións que atravesan as nosas vidas. Aí estaremos as soberanistas galegas pendentes de que toda a capacidade transformadora do BNG sexa vista como útil pola sociedade galega.
Non nos votou, tamén, quen ten garantidos os seus privilexios no actual sistema. Non nos votaron os que non acreditan no aborto como un dereito esencial, quen non acredita no dereito á autodeterminación de xénero, no dereito á sanidade pública, vivenda. Incluso quen non acredita na cultura como dereito.
Non nos votou quen normaliza o secuestro dos medios de comunicación públicos. Quen acredita no Estado de Israel, nos privilexios da banca e nun sistema meritocrático que mantén sempre as mesmas familias no poder.
Mais non esquezamos que eses todos non chegan nin de lonxe a ese 47% que representa o voto da dereita. Non merquemos ese marco de que todos os votantes do PP son a mesma cousa. En Galiza o espazo do Partido Popular ocúpano familias de diferentes raíces ideolóxicas, aínda que sempre se poñan de acordo para repartirse o pastel. Temos a obriga de confiarmos no noso pobo.
Esta campaña foi moito máis que un conxunto de estratexias políticas; foi unha demostración da fortaleza do noso movemento e da nosa capacidade para inspirar e unir a xente arredor dun proxecto común para Galiza.. E mentres seguimos analizando e reflexionando sobre os resultados, unha cousa está clara: o camiño cara a unha Galiza máis xusta e soberana está marcado polo traballo, a esperanza e a solidariedade.
Organicémonos e politicemos todos e cada un dos ámbitos da nosa vida. E axudémonos. Axudémonos e tezamos redes de colaboración que vaian desde a barra do bar ou o posto da nosa peixeira de referencia ata a porta do noso dormitorio. E politicemos tamén eses espazos cando sexa preciso politizalos. Ata metelos na nosa cama de ser preciso
E por iso é tan importante que nos organicemos. Pero non que nos organicemos como algo abstracto ou meramente partidista, senón nos organicemos en calquera ámbito da vida.
A sociedade que quere o PP é unha sociedade individualista e competitiva, neoliberal, que entende a Galiza como un espazo no que conviven lobos e gando ou de “lobos con pel de cordeiro”, que dirían eles.
E a nosa maior fortaleza fronte a iso é practicar a cooperación e os coidados. Poñer en práctica a sociedade que imaxinamos e desexamos para o noso pobo. Organizarnos. Sindicándonos na CIG cando sexa necesario defender os nosos dereitos laborais, creando cooperativas de traballo alí onde haxa ERES ilegais que axudan á deslocalización do noso tecido industrial e primario; tecendo comunidade na defensa da lingua en cada barrio e vila no que se nos prohiba empregar o galego e uníndonos para defender a ría, o monte, o territorio. E como non, tamén, arrimarnos as moitas asambleas abertas que o BNG organiza por todo o territorio.
Organicémonos e politicemos todos e cada un dos ámbitos da nosa vida. E axudémonos. Axudémonos e tezamos redes de colaboración que vaian desde a barra do bar ou o posto da nosa peixeira de referencia ata a porta do noso dormitorio. E politicemos tamén eses espazos cando sexa preciso politizalos. Ata metelos na nosa cama de ser preciso. Sen medo a retirarnos en público a pel de cordeiro. Pois nada malo ten ser lobo, e nada malo vivir en manda.
E sexamos exemplo, coa nosa militancia, da Galiza que queremos. E fagamos do persoal política.
E da política, vida.