Literalmente, ese era o título dunha nova do 28 de febreiro nun xornal. Como soe ocorrer outras moitas veces, o texto en letra máis pequena detallaba abondo mellor a nova. O título só pretende ser máis impactante, nin explicación concentrada nin a nova encapsulada nunha pílula.
O caso é que estimo que é o título o que pode ilustrar abondo ben o fondo do proceso de baleiramento de amplas zonas xeográficas en España, Galicia incluída. Nel, no título, van metidas moitas ideas xuntas. Ideas como a separación en dúas ‘Españas’ contrapostas, a baleirada e por contraposición a ‘enchida’, o feito do desaloxo do que antes estaba cheo ou que se trata dunha loita, non dunha aproximación ou colaboración para solucionar algo de xeito conxunto.
Parece que o foco do título estaría posto en que amplas zonas de territorio non só están baleiras, senón que foron baleiradas (e seguen a baleirarse). Coido que habería que desprazar ese foco a que esas zonas teñen un modelo vital desfeito por un sistema capitaneado por forzas que emanan das concentracións de poder, que pode dicirse que residen nas cidades. Non é que se baleiraran ‘porque si’, sen causa, ou que a culpa a teñan as mesmas persoas que viven nelas e que deciden baleirar o territorio, emigrar sen máis.
Amplifícase o desfase de percepción cando o termo ‘baleirada’ aplícase a unha entidade -España- para partila desmembrando o seu territorio, para exercer sobre el unha dicotomía, poñendo así ambas partes en contraste, confrontándoas. E si, hai que darlle a razón a esta concepción nunha cousa: están enfrontadas. Pero non de xeito inevitable, senón como consecuencia local dunha forma de facer as cousas global que, entre outras circunstancias, está a levar ó planeta en conxunto ó desastre.
E é que tal parece -é- unha loita contra unha parte, non unha loita das ‘partes’ en conxunto para procurar unha solución: non se pode atopar unha solución mentras persistan as causas e as cousas que xeran o problema, que inclúen factores como o descoñecemento de moitos ‘urbanitas’ de como funciona o campo. Así, co tipo actual de loita ‘contra a España baleirada’, só se poderán atopar paliativos que, a non longo prazo, xustificarán máiss ataques contra xente e territorio baleirado esgrimindo os custes, as subvencións, as supostas ‘prebendas que se lle levan dado’, o pouco que fan os poucos veciños que van quedando... e que se presentarán como un custe para o resto da sociedade. A culpabilización do débil e oprimido é un mecanismo típico, de manual, para rematar con el, anulalo, vencer as súas últimas resistencias. Despois virá a ocupación dese espazo polos substitutos dependentes do ‘poder urbano’, sexa unha sinxela apropiación da terra xa despoxada, multinacionais agroalimentarias ou o que sexa.