Loitemos contra a doutrina do shock

Dicía Milton Friedman que soamente unha crise da lugar a un verdadeiro cambio e, que cando esa ten lugar, as accións que se levan a cabo dependen das ideas que flotan no ambiente. Estas frases foron analizadas por Naomi Klein na súa celebre obra “A doutrina do shock” no que repasaba como o capitalismo ten usado as crises para impulsar a desigualdade e encher os petos das elites.

Como consumidores, temos dereito a dispor de produtos de proximidade tendo así a capacidade de rexeitar eses “alimentos quilométricos” que tanto contribúen ao cambio climático e ao empobrecemento do noso medio rural

Xa sabemos como funciona, polo tanto, temos que ser quen de impedir que esas ideas das que falaba Friedman sexan as do neoliberalismo, da xenofobia ou do fascismo. Dende EQUO Galicia, queremos que as voces que teñan protagonismo sexan as da solidariedade, xustiza social e a transición ecolóxica. Por esta razón, temos que ser quen de tomar o control do cambio e facer que as ideas que se poñan en práctica sexan as que fomenten eses valores.

Non debemos permitir que a saída a esta crise pase pola destrución dos servizos públicos. Na última gran crise, a de 2008, o gasto público en sectores como a sanidade e a educación reduciuse en gran medida. Berremos ben alto que aínda estamos notando os recortes neses eidos e que non aturaremos que se continúen a dar pasos nese camiño.

Do mesmo xeito, alzaremos as nosas voces para defender a soberanía alimentaria de Galicia. Non pode ser que durante esta pandemia non se permitira ás labregas comerciar cos seus produtos directamente á cidadanía mentres que supermercados e intermediarios alzan os prezos deixando aos consumidores de frescos ao seu merced. De cara ao futuro, temos que deixar que as labregas se liberen de intermediarios, podan transicionar cara a un modelo agroecolóxico e despreguen todo o potencial que a industria agroalimentaria pode ter na nosa terra. Como consumidores, temos dereito a dispor de produtos de proximidade tendo así a capacidade de rexeitar eses “alimentos quilométricos” que tanto contribúen ao cambio climático e ao empobrecemento do noso medio rural.

Tamén loitaremos para que se escoiten as nosas voces en materia enerxética. Non consentiremos que se use a vindeira crise económica para promover mega proxectos industriais que poñan en perigo o noso entorno coa escusa da creación de postos de traballo. Seguiremos firmes dicindo non aos combustibles fósiles e loitando para que as enerxías do mañá sexan máis limpas, máis renovables e estean en mans de cooperativas e comunidades enerxéticas.

Queda tamén patente que as cidades e o noso xeito de desprazarnos teñen que cambiar radicalmente. As urbes xa non poden ser un espazo onde case soamente hai espazo para o consumo. Temos que reformalas para que teñan unha dimensión humana e sexan agradables ao peón. Sen dúbida, ese cambio ten que estar dirixido a reducir o tráfico de vehículos a motor, potenciar o transporte público e, por suposto, a bicicleta. Soamente estas medidas farán que podamos vivir en cidades nas que podamos respirar libres de fumes.

Temos que estar preparados xa que a nosa supervivencia como especie depende de como superemos a etapa posterior á pandemia sen esquecer acometer a transición ecolóxica

Os cambios post-COVID-19 tamén terán que reflectirse na orde internacional, empezando polo comercio. Todos os tratados que asine a Unión Europea teñen que estar suxeitos a condicións sociais e ecolóxicas vinculantes para poder chegar aos estándares do Acordo Climático de París e a Axenda 2030. Non podemos permitir que se sigan estragando as nosas defensas naturais que son os ecosistemas e polo tanto temos que desterrar todos os acordos que contemplen o comercio de animais ou de actividades que impliquen deforestación, por exemplo, a importación de pensos industriais ou de cultivos a gran escala. Por último, non cesaremos de demandar unha Europa que estea á altura das circunstancias. Temos que desterrar esa Europa dos rescates condicionados e da imposición de recortes e loitar por unha Europa social como a que representa o Partido Verde Europeo.

Canto máis espallemos estas ideas, máis complicado será que nos apliquen a doutrina do shock xa que nós temos claro que o único camiño para saír das crises é a solidariedade, a inversión en servizos públicos e en políticas sociais. Sen dúbida, temos que estar preparados xa que a nosa supervivencia como especie depende de como superemos a etapa posterior á pandemia sen esquecer acometer a transición ecolóxica. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.