Hai case trinta anos publiquei un libriño con consellos para chegar a vello con saúde (Llegar a viejo, Estepona –Málaga-). Daquela a vellez era para min un horizonte ben afastado. Mais agora a maioría dos meus amigos pasan dos sesenta e algúns xa están xubilados. Naquel folleto aconsellaba sobre asuntos como a hipertensión, a diabetes, o colesterol, a obesidade. Son temas relevantes, sen dúbida, e o seu correcto control melloran o noso benestar. Mais agora sei que outros aspectos da vida son, se cadra, máis relevantes para que poidamos ter unha terceira idade saudable e benefactora: o aprecio do teu entorno, a presenza da amizade, as ilusións compartidas, a participación na comunidade, a curiosidade pola vida, o afecto mútuo, a confianza de ter apoio cando se necesite... Tamén é preciso saber evitar a toxicidade de certas substancias e dalgunhas persoas.
Agora sei que outros aspectos da vida son, se cadra, máis relevantes para que poidamos ter unha terceira idade saudable e benefactora: o aprecio do teu entorno, a presenza da amizade, as ilusións compartidas, a participación na comunidade, a curiosidade pola vida
Nos últimos anos a esperanza de vida aumentou de maneira notable (82 anos en Galicia), polo que a vellez pode prolongarse, con fortuna, varias décadas. As políticas de recorte aplicadas nos últimos tempos (copagamentos, redución das pensións de xubilación etc.) introducen un alto grado de incerteza sobre o futuro mais, con todo, debemos procurar que esta etapa sexa prolongada e satisfactoria. Os expertos falan do envellecemento activo; trátase de procurar o maior benestar durante o maior tempo posible e reducir ou atrasar o inevitable deterioro que produce o paso do tempo. A saúde é importante para poder participar activamente na vida cotiá, sentirse útil e alimentar o afecto dos teus.
Nos últimos anos a esperanza de vida aumentou de maneira notable (82 anos en Galicia), polo que a vellez pode prolongarse, con fortuna, varias décadas
Na literatura e no cine hai numerosas referencias a esta etapa vital. Paul Auster, no seu Diario de inverno, fai un repaso das cicatrices, averías e descalabros que foi acumulando nos seus seis sesenta e cinco anos de vida. Tamén fala da súa carreira literaria, dos seus amores e da morte dos seus seres queridos, mais a preocupación pola saúde e polo desgaste da vellez están presentes en todas as páxinas. Rafael Chirbes, en La orilla, tamén fai referencias frecuentes ao envellecemento e as súas consecuencias. Esta novela describe, con dolorosa lucidez, o grave deterioro social, económico e moral provocado pola actual crise, mais tamén fai constantes referencias á morte e aos contratempos que trae a vellez e o deterioro da saúde (“como los cuerpos, las ilusiones mueren y apestan”, afirma).
Hai unha película marabillosa, No Estanque Dourado de 1981, na que Henry Fonda e Katharine Hepburn interpretan a unha parella que pasa o seu tempo de lecer nun lugar paradisíaco. A relación entre os dous, as limitacións provocadas polos anos, os quebrantos da saúde e a presenza da filla e o neto trazan un relato maxistral que convida a reflexionar sobre o amor, a vellez e a morte. O cineasta Michael Haneke fixo unha extraordinaria película, Amour (2012), na que relata a vida dun matrimonio octoxenario, profesores xubilados, que levan unha vida plácida e tranquila ata o día en que ela sofre unha doenza que a fai depender por completo dos coidados dos demais. O filme reflicte, con enorme sutileza e cariño, o día a día desta parella, na súa loita por continuar unha vida que, de repente, está chea de dificultades e sufrimento. A entrega amorosa e persistente do marido ao coidado da muller resulta enternecedora. No meu exercicio profesional coñezo moitos casos semellantes de persoas adicadas ao coidado de familiares dependentes cunha actitude próxima ao heroísmo.
Non é de estrañar que os matrimonios utilicen este texto para a celebración ritual da continuidade da parella: trátase dun texto luminoso que contempla a vellez compartida como un horizonte optimista e desexable
Con toda certeza existen moitas obras literarias que abordan o tema da vellez que eu non coñezo. Mais hai un texto polo que sinto especial estima. Trátase do poema “Se envellecemos xuntos”, de Xulio L. Valcárcel, que se pode escoitar en internet (e ver o vídeo poema) recitado por Xosé Fuentes. Agora ven de ser reeditado en papel (Edicións Galebook). É un libro precioso -cunhas ilustracións extraordinarias de Xurxo Gómez-Chao-, co poema traducido a dezanove idiomas, ademais do galego. Segundo conta o propio autor este poema rematouno en 1978 e pasou desapercibido durante anos ata que, sen saber como, se converteu nunha lectura habitual nas vodas de prata e de ouro, tanto nas cerimonias civís como nas relixiosas. Non é de estrañar que os matrimonios utilicen este texto para a celebración ritual da continuidade da parella: trátase dun texto luminoso que contempla a vellez compartida como un horizonte optimista e desexable. Para os que non o coñezan deixo aquí algúns versos:
(...) Se envellecemos xuntos,
se recorremos o vieiro da vida
paso a paso,
mirarei nos teus ollos
o esvarar do tempo
inorde como un barco (...)
Compartirei o sal, o leito
e o abrazo,
saberei escuramente que o noso paso
polo mundo non é en balde.
Confundidos nun único latexo
acompasado,
seremos dous regatos marchando
nunha mesma auga,
dous lumes consumíndose
nunha soa chama,
dúas vagas acalando o seu fragor
na area final,
última praia.
Entre idas e voltas do azar
ou do destino,
ti serás a certeza.
Se envellecemos xuntos,
se te acompaño neste tránsito,
deixarei bolboretas lenes
nas túas pálpebras cansas,
escoitarei repenicar a chuvia
nas xanelas da nenez,
sentirei a túa voz
esmorecer en calma.
Bastarame para entendelo todo
A limpa mirada da túa luz sen ansia.