Lugar de residencia: A Terra

Eu debo estar habitando un planeta distinto do que habita o lexislador en Galicia. O caso é que no planeta que eu habito, día si día tamén atópome con novas na prensa e nas redes sobre agresións ambientais, problemas de saúde asociados a procesos de contaminación ou perda de patrimonio cultural e ecolóxico por execución de obras, movementos de terra, etc.

Parece que estas agresións, dispersas por todo o territorio galego non son tales para o Goberno da Xunta de Galicia, que as observa baixo o prisma da utilización do poder lexislativo de xeito sesgado cun férreo control sobre o dereito de acceso a información ambiental alongando o proceso de solicitude e incluso incumprindo os prazos previstos na lei que existe ó efecto.

Eu penso que non son agresións dispersas polo territorio senón que son un conxunto de agresións coordinadas e centradas en sectores económicos de forte impacto ambiental e de grandes beneficios privados axudado polo desmantelamento da meirande parte servizos públicos no rural.

O primeiro paso para o desmantelamento dun servizo público é un orzamento insignificante respecto da magnitude da necesidade real. Neste caso falamos que o orzamento adicado a actuacións ambientais da Consellería de medio ambiente (e ordenación do territorio e vivenda) é duns ridículos 61MM€ o ano.

O segundo feito que se ten que dar para o desmantelamento territorial-ambiental é a obsolescencia normativa acompañada despois dunha nova redacción acorde os modelos explotadores do territorio que os espoliadores demandan. Efectivamente, despois dunha década de parálise lexislativa na Xunta de Galicia en materia de protección do medio ambiente tense comezado a actualizar as normas galegas baixo o prisma do “crecemento económico liberal” baleirando de contido transformador ditas normas a través da aprobación (sempre en solitario) de normas como a ben chamada lei de “depredación de Galicia” cuxo manifesto contra a devandita lei afirma que é unha auténtica porta aberta á explotación descontrolada do medio natural galego xa que pretende desregularizar ámbitos como o eólico, forestal, mineiro ou os usos hidráulicos, silenciando calquera debate público sobre o desenvolvemento que requirirían dun amplo consenso social e político.

A seguinte norma crave no proceso do espolio de Galicia é a lei de ordenación do territorio que se atopa nestes momentos en estudo. O anteproxecto da devandita lei non fai máis que profundar na desregularización ecolóxica do territorio e a potenciación do carácter extractivo incontrolado ao ordenar o territorio sen ter en conta as singularidades ambientais, paixasísticas, xeolóxicas ou hidroxeolóxicas do noso territorio. En definitiva, ordena o territorio sen ter en conta o territorio limitándose a ofrecer unha visión antropoxénica regulando procesos de uso do chan. Non en balde a lei que hoxe atópase en revisión deixou sen desenvolvemento os plans de ordenación do medio físico, único instrumento con capacidade de protexer o territorio xa que ordenaba o territorio desde a perspectiva natural, ecolóxica ou paisaxística e que, como debería ser sempre, prevalecçia sobre os usos antropoxénicos do territorio.

Por último para o definitivo desmembramento do erritorio en Galicia tense que producir una laxitud na aplicación das normas de orden superior como as directivas, regulamentos e outra normas europeas e polas que temos expedientes sancionadores abertos en Bruxelas.

O resultado de toda esta desafección do executivo galego cara o territorio e o medio ambiente ten consecuencias directas para a poboación con procesos de contaminación como o que acontece na Límia en Ourense contaminada por nitratos pola nefasta xestión de purins e en proceso de investigación por parte de Comisión europea ou os continuos incumprimentos dos límites de emisións de partículas PM2,5 (as máis perigosas para a saúde) na Cidade da Coruña por nomear dous exemplos. Penso que non teño que destacar o plan forestal de Galicia, coñecido por todos nos, que da man do PP leva sendo incumprido dende a sua entrada en vigor alá polo ano 1992.

Pero todo isto son normas, son papeis que teñen detrás das mesas onde se articularon a seres humanos que se encargan de tramitalos. E aquí tamén existe unha desafección polo territorio. Xomo todo o mundo debe supoñer, a Consellería de medio ambiente ostenta as competencias en materia de medio ambiente e concretamente a través da Dirección Xeral de Patrimonio Natural exercerá as competencias e funcións en materia de conservación, protección, uso sustentable, mellora e restauración do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia e dos seus elementos etnográficos, e a súa preservación para as xeracións futuras. A alguén dos lectores sóalle que esta Dirección Xeral denunciase por exemplo a Dirección Xeral de estradas ou de enerxía e minas por destruír o patrimonio natural? Sóalle a alguén dos lectores que esta Dirección Xeral cumprise cas súas competencias no eido da eucaliptización ou do deterioro que supón para o medio natural a minería en O Pino-Touro, San finx.

Sirva como exemplo a tramitación da lei de Patrimonio Natural de Galicia, feita de xeito express e de costas os colectivos ecoloxistas como a Sociedade Galega de Historia Natural ( SGHN), Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Rede Galega de Custodia do Territorio ou a Sociedade Galega de Ornitoloxía ( SGO) que denuncian non só a incumplimento sistemático da anterior lei sinon que esta nova lei establece unha limitación á superficie máxima que pode ter unha área para ser declarada como parque natural, unha medida que "non ten parangón a nivel estatal". Como si se puidera poñer portas a Natureza.

Por iso penso que debo estar habitando un planeta distinto que Feijoó, porque vexo as cousas ben diferentes; tanto que eu penso que vida e contorna, que sociedade e medio ambiente van da man e son indisociables e é o noso deber protexela como parte indisociable de Galicia. A miña idea é clara: a responsabilidade ambiental co territorio galego é parte da saúde da sociedade galega.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.