M. Rajoy, o estoico da Boa Vila

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou na presentación do libro de M. Rajoy, 'El arte de gobernar' © Xunta

Sabemos por el mesmo que a lectura de cabeceira do ministro de cultura era o Marca. Libros, o que se di libros, non sabemos cantos líu, escritos xa leva catro, o dobre que Juan Rulfo. O último, El arte de gobernar, con dous kiwis peludos

Sabemos por el mesmo que a lectura de cabeceira do ministro de cultura era o Marca. Libros, o que se di libros, non sabemos cantos líu, escritos xa leva catro, o dobre que Juan Rulfo. O último, El arte de gobernar, con dous kiwis peludos. Escrebe libros coa soltura coa que fuma habanos ata a vitola nas touradas. Igual de aquí a pouco pare sonetos gongorinos, o hipérbaton domínao. O título coincide letra a letra co de ducias de libros alleos pero non me atrevo a aplicarlle a frase de Picasso, “os artistas copian, os xenios rouban”. Non me atrevo porque dubido en que banda da coma ubicar a M., a dos artistas ou os xenios. Ademais, non desboto que el teña o seu título por orixinal e se emparente a si propio coa Arte da guerra de Sun Tzu. O tema vencéllao a Marco Aurelio, Cicerón, Maquiavelo, Montesquieu, Hannah Arendt, etc. Montesquieu ten nome de grimpeur pero non non son ciclistas, Mariano, son escritores. 

El arte de gobernar é un libro curto, de capa dura e sobrecuberta, unha edición fermosa e agradábel ao tacto. Ata aí ben. Trátase dunha colección de máximas e pensamentos, tamén se podía ter titulado así, como o clásico de Chamfort, ou Memorias de ultratumba, como o de Chateaubriand. Chamfort ten pinta de sprinter pero nada, Mariano, nin sequera unha etapa. O libro ten tres prólogos, o último do autor, e pode causar decepción porque o home avisa que o lector non vai atopar “filosofías” profundas (as aspas son del) senón “frases curtas, fáciles de ler e entender”. En atención a nós. 

Por que, xa que optou polo ton aforístico, renuncia aos seus clásicos, coma o cantante fenómeno dun único éxito que se resiste a cantalo e teima en interpretar as cancións novas, que aburren a todo quisque?

Por que, xa que optou polo ton aforístico, renuncia aos seus clásicos, coma o cantante fenómeno dun único éxito que se resiste a cantalo e teima en interpretar as cancións novas, que aburren a todo quisque? U-lo apotegma metafísico: “Quen me impedíu cumprir o programa foi a realidade”, o escepticismo cínico de “todo é mentira, quitado algunhas cousas...” , o xiro ontolóxico de “un vaso é un vaso e un prato é un prato”, o xogo de lingua analítico en “vostedes pensan antes de falar, ou falan despois de pensar?”, o siloxismo endiañado de “farei canto poida e máis do que poida se é que iso é posíbel e farei todo o posíbel e mesmo o imposíbel se tamén o imposíbel é posíbel”, o hermetismo posmoderno do alcalde e o veciño. No campo da ética: “canto peor mellor para todos e canto peor para todos mellor, mellor para min o seu. Beneficio político”. O confucionismo zen permea a analecta: “ás veces o mellor é non tomar decisións, e iso, en si, é unha decisión”. No terreo do calembour: “Dixen que ía baixar os impostos e estounos subindo”, ou “somos sentimentos e temos seres humanos”... perlas epigramáticas convertidas en saber popular. 

Dicía Lacan que non hai peor rei que o que se cre rei, tampouco hai tipo máis aburrido que o que se cre simpático ou interesante

Hai antoloxías apócrifas a mancheas, quizais por iso Mariano, coma Cervantes na segunda parte do Quixote, se caga no de Avellaneda e decide publicar a súa. O pecado orixinal do libro é de índole filosófica, ten que ver coa vontade. O humor de Rajoy, xestual e verbal, era involuntario e dependía da circunstancia, do contraste entre o cargo e as zouponadas. Rajoy era ao humor o que a restauradora do Ecce Homo á arte sacra. O tic no ollo a cada trola, o tembleque da perna na entrevista de Alsina: “y la europea?”, o baño cos amigotes na poza do Umia asomando os ollos sobre a tona auga en plan aligátor, o enigma do peche no restaurante mentres lle presentaban a moción de censura, o barco de Piolín cos policías no porto de Barcelona, o it’s very difficult todo esto diante do premier británico, a filosofía a marteladas emulando o Nietzsche do Ocaso dos ídolos ao machacar as computadoras na sé do partido. Todo isto fíxonos rir pero xa non, maldita a gracia que ten.

Entre as pasaxes de maior perplexidade, vindo de quen vén: “O desconcerto non é o que se espera dun gobernante, nin unha subasta de ocorrencias ou unha estratexia zigzagueante”. Son eu ou está a describir a derrota do Prestige fronte a Costa da Morte? 

Dicía Lacan que non hai peor rei que o que se cre rei, tampouco hai tipo máis aburrido que o que se cre simpático ou interesante. A simplezas como a frase inicial do libro “Gobernar é decidir”, el mesmo replicaría: “Ou non”. Outras epifanías elucidatorias: “Impostos, xustos e equilibrados”, “Hai que abrirse ao mundo”, “A loita contra a corrupción é unha tarefa que non remata nunca”. Se forte, Mariano.

No remate hai un decálogo con atrevementos do nivel: 

“Atender ao interese xeral por enriba de calquera outra consideración”. E daquela Montoro vendendo a acción lexislativa ao mellor postor?. 

“Respectar a lei e as institucións”. E Bárcenas? E Villarejo? 

“Gobernar para o conxunto da sociedade e ter un trato respectuoso con todo o mundo”. Tamén cos galego-falantes no Parlamento de Galiza? E o de españolizar os nenos cataláns ? E Se non es do PP, fo-de-té!?. 

“Aceptar o papel lexítimo da oposición”. E a Policía Patriótica? 

“Non enganar”. E os fíos de plastilina?

El arte de gobernar quere ser autobiografía pero non chega a autoficción. Non pasa de mal chiste dun señorito de Pontevedra con apartamento en Sangenjo

Entre as pasaxes de maior perplexidade, vindo de quen vén: “O desconcerto non é o que se espera dun gobernante, nin unha subasta de ocorrencias ou unha estratexia zigzagueante”. Son eu ou está a describir a derrota do Prestige fronte a Costa da Morte? 

El arte de gobernar quere ser autobiografía pero non chega a autoficción. Non pasa de mal chiste dun señorito de Pontevedra con apartamento en Sangenjo. O mesmo señorito que anos antes escribía “É unha verdade indiscutible que a estirpe determina ao home, tanto no físico coma no psíquico. [...] era un feito obxectivo que os fillos de boa estirpe superaban aos demais... O home nace predestinado para o que haberá de ser. A desigualdade natural vén descrita no código xenético. [...] Os modelos progresistas constitúen un atentado ao progreso porque contrarían e suprimen o natural instinto a desigualarse”. 

Fin da cita.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou na presentación do libro de M. Rajoy, 'El arte de gobernar' © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.