Macbeth e as bruxas

Na orde da política hai moitas ocasións en que as bruxas, asestadas nun vórtice imprevisíbel, asubían vellas profecías con novas formas. Promesas de loureiros e himnos nos círculos recorrentes da historia. A historia de Galiza tamén escorrega polos círculos do inferno. En só cinco anos desmantelouse de xeito sistemático esta terra. Vivimos unha cruzada contra a lingua galega, a mordaza do pulo creativo da nosa cultura, o esfarelamento da industria ou a poda sistemática do anémico autogoberno galego. Non é só a crise, é a vontade programada e clara de difuminar Galiza nunha rexión do noroeste peninsular onde chove miudiño e onde se come moito e ben.

A historia de Galiza tamén escorrega polos círculos do inferno. En só cinco anos desmantelouse de xeito sistemático esta terra

En só cinco anos desmantelouse o sistema financeiro galego completo. Agora Madrid, Cataluña e Euskadi manteñen e concentran o sistema financeiro do Estado español.  E isto que significa que Galiza sexa a única comunidade, xunto con Castela León e Asturias, que ten maior volume de depósitos que de créditos, concretamente 4.842 millóns de euros de depósitos a maiores que os créditos. Ou que o peso dos créditos en Galiza con respecto ao peso poboacional no conxunto do Estado é case a metade (0,58).  No lado oposto da balanza temos a Madrid, onde o peso do seu crédito no Estado case duplica (1,82) o peso da súa poboación. Así, tendo o 13,75% da poboación do Estado español, posúe máis da cuarta parte do crédito do Estado (25,09%). 

Feijóo gaña as eleccións en marzo de 2009 cun número de afiliados á Seguridade Social na industria de 163.214. Hoxe hai 35.536 afiliados/as menos, isto é, un 21,8% menos

En só cinco anos desmantelouse o sector industrial de Galiza. Feijóo gaña as eleccións en marzo de 2009 cun número de afiliados á Seguridade Social na industria de 163.214. Hoxe hai 35.536 afiliados/as menos, isto é, un 21,8% menos. Este forte descenso implica o comportamento máis negativo do conxunto de sectores económicos da economía galega. De feito, despois da construción, é o sector onde se perdeu maior volume de afiliación, tanto en termos relativos como absolutos. Estes datos son brutalmente negativos na enerxía eléctrica que caeu un 17,2%, no téxtil un 26%, na metalurxia un 27% ou na madeira e fabricación de móbeis un descenso de máis do 30% .

En só cinco anos, a dereita iniciou o camiño para rematar co autogoberno. A normativa estatal, desde a reforma local á lei Wert, camiña na invasión de competencias coa complicidade amábel do goberno galego. Como non? Se a Feijóo lle sobran deputados e deputadas no Parlamento galego, mentres mantén as decimonónicas deputacións, como non lle van sobrar as competencias. En só cinco anos, Galiza perdeu peso financeiro, económico, demográfico e político no Estado.

Con este pano de fondo, unha parte da esquerda afirma que a cuestión nacional agora non toca. Que pode galeguizar as forzas estatais se recoñeceren o dereito a decidir

Con este pano de fondo, unha parte da esquerda afirma que a cuestión nacional agora non toca. Que pode galeguizar as forzas estatais se recoñeceren o dereito a decidir. Só faltaría denominarse progresista e de esquerdas e non asumir un dereito básico como este para un pobo! Mais eu creo que é un erro considerar que a solución pasa por abandonar o nacionalismo galego. Acaso nos cinco anos de ofensiva da dereita tamén se eliminou a posibilidade da auto-organización? seica xa se dubida das propias posibilidades?, todo o que vén de Madrid é mellor?,  vale máis o Congreso que o parlamentiño?, mellor Évole que os e as comunicadores galegos e galegas? Sen lle tirarmos mérito a ninguén, mirando só para fóra, se cadra conseguimos disolvernos, mais non  reverter a actual situación. De feito, formulo estas preguntas pensando en todos os homes e mulleres que desde o anonimato traballaron durante anos desde o entusiasmo e a constancia militante pola auto-organización do pobo galego. En moitas ocasións penso na decepción que hoxe poden sentir eses milleiros de persoas que non pasarán aos libros de historia co seu nome mais si como colectivo comprometido coa idea de que Galiza é unha nación e o desexo da súa realización. Seguro que pode existir a tentación de falar en termos de culpábeis. De nada vale. Galiza xógase a súa supervivencia mentres Cataluña lle planta cara ao Estado español e abre outro tempo político.

Galiza xógase a súa supervivencia mentres Cataluña lle planta cara ao Estado español e abre outro tempo político

Macbeth enganouse ao acreditar en que non lle daría morte ninguén nacido de muller. Despois de a fraga de Birnam avanzar cara a Dunsinane no último acto e de lermos Nietzsche sabemos que todo é humano, demasiado humano.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.