Nos últimos tempos, asistimos a un rebaixado feminismo burgués. Nos meus miolos abafados por unha calor despiadada espéllanse a cotío as discriminacións de xénero máis noxentas.
Mulleres migradas dos continentes roubados so do simulacro dese oximoron que representa o "crecemento sostivel", mulleres cunha infravida na ilegalidade que limpan as miserias das mulleres liberadas europeas. Mulleres explotadas por ese empresario que a dicir dalgunhas feministas "pon a Galiza no mundo". Mulleres que coidan aos nosos maiores sen contrato ou cun contrato miserento nos fogares ou nos lucrativos xeriátricos. Mulleres obrigadas a alugar seu corpo para sobreviver elas e as súas familias. Mulleres esquecidas no inferno da trata. Mulleres que non gañan nin para pagar un contrato de aluguer de vivenda especulada. Mulleres violentadas polos seus homes. Mulleres asasinadas por ser mulleres. Nenas destinadas ao ludre e a prostitución dentro e fóra da sacra familia tradicional. Mulleres migradas marxinadas por mulleres da clase traballadora ao escoitar o seu acento ou comprobar polos seus apelidos que son doutra nacionalidade. (Non vaia ser que lles quiten o seu emprego de sumisas esmoleiras). Mulleres que agardan ao peche do super do barrio para rebuscar " as sobras do banquete" -como versara Celso Emilio- nos contedores de lixo. Mulleres organizadas nos arrabaldos das institucións, sempre acaladas. Mulleres sempre termando dunha sociedade que as abusa e ignora! Mulleres…
Ningunha destas Mulleres é portada dos medios de comunicación. Porén, incluso as feministas progres alporízanse porque a cantante Amaral (nada sospeitosa de muller conservadora ou machista) decida libremente sair espida de peito no escenario en solidariedade con outra muller reprimida pola ultradereita. Alegan nada menos que a explotación do seu corpo! Estoupan as redes sociais cos partidarios e detractores toda a semana mentres moitas mulleres seguen a ser atracadas polos seus propios bancos con comisións abusivas, máis abusivas contra elas, nós, pola desigualdade salarial que nos aboca ao precariado de por vida. E non pasa nada!. Acaso estes abusos non son unha obscenidade cando máis dende que fixeron obrigatorio ter calquera nómina domiciliada? (Non esquezamos que hoxe se lle chama nómina até a ter uns ingresos de cen euros mensuais).
Acaso non é unha obscenidade o sistema de dominación que reproducimos sen remorso cada mencer?.
Agora é portada de noticieiros o bico que Rubiales, o presi da selección española de fútbol, lle espetou perante as cámaras a unha das gañadoras. Machismo?, Si. Abuso de poder? Tamén. Mais nada comparavel a milleiros de explotacións das mulleres dentro e fóra deste país. Todos sabemos que o fútbol é o deporte de masas máis politizado, o negocio mediático que vende tanto equipamentos de siareiros como valores machistas e xenófobos. Ningún deporte recebe tanto diñeiro público nin arrebola tanta bandeira. A que pasmarnos, de súpeto, pola existencia dos Rubiales?
Yolanda Díaz, bandeira de feminismo aburguesado e intereseiro, súmase e anuncia unha xuntanza co sindicato de fútbol feminino. Magoa que non amose a mesma inquedanza polo resto do colectivo de mulleres, maiormente as da clase traballadora, sobre todo tendo o poder dunha ministra de Traballo que se orgulla de ser feminista de esquerdas.
Cal será a seguinte cortina de fume que utilizarán os medios (tan a miúdo sistémico-machistas) para que sigamos amosando unha dobre moral cara a muller e nos enredemos en fruslerías tan superficiais no canto de ir á raíz dos problemas?.
Ou preferimos agardar a que Lisístrata ou se cadra as letras das Fillas de Cassandra fagan a revolución feminista de vez?.