Madrid: batalla contra a privatización/ avance na oportunidade de negocio

"Non hai negociación posible", indica Fernández-Lasquetty, conselleiro de sanidade de Madrid (El País, 1 de decembro de 2012). Ten bastante razón. É difícil o punto medio. Estanse confrontando modelos sociais e os traballadores da sanidade de Madrid parece que, por fin, se sitúan claramente en contra do goberno do PP. O único punto de encontro é no debate sobre as melloras necesarias do sistema sanitario público, pero sen negocio polo medio. E isto esixe a retirada dos plans do PP.

O único punto de encontro é no debate sobre as melloras necesarias do sistema sanitario público, pero sen negocio polo medio. E isto esixe a retirada dos plans do PP

Seis hospitais de Madrid, construídos mediante iniciativa de financiamento privado, con xestións pública da parte asistencial e privada da non asistencial, van pasar a xestión privada completa. O dez por cento dos centros de saúde, uns vinte e sete, tamén van pasar a mans da xestión privada, péchase o Instituto de Cardioloxía e transfórmanse o Hospital da Princesa e o Carlos III en centros de longa e media estancia. De paso colocan tamén o euro por receita. Afeitos a campar as súas anchas, esta vez Madrid dixo NON. Primeiro foron os médicos, a Asociación de Facultativos Especialistas de Madrid, organización crítica cos sindicatos, quen celebrou unha asemblea moi numerosa no Colexio Médico o 7 de novembro e convocou unha folga indefinida de luns a xoves desde o 26 de novembro. Participan tamén os médicos de familia e reciben o apoio de varias sociedades científicas médicas. Posteriormente tamén convocan folga xeral na sanidade durante catro días (26 e 27 de novembro e 3 e 4 de decembro) todas as organizacións sindicais da mesa sectorial madrileña, incluído o sindicato médico, tan reticente aquí ás folgas contra o PP.

A Comisión Europea impide o endebedamento público directo, normativizado no tratado de Maastricht, pero non ten ningún problema en admitir o endebedamento público se este se fai cos contratistas privados entregándolles múltiples sectores como novas áreas de negocio

As Iniciativas de Financiamento Privado, Private Financing Initiatives (PFI) ou Colaboración Público Privada, son un importante modo de entrada dos fondos de capital risco e as grandes corporacións multinacionais nos orzamentos públicos. Miudiño, sen pausa e sen vergoña a Comisión Europea impide o endebedamento público directo, normativizado no tratado de Maastricht, pero non ten ningún problema en admitir o endebedamento público se este se fai cos contratistas privados entregándolles múltiples sectores como novas áreas de negocio, dos cales un dos máis importantes é a sanidade pública. O orzamento que os Estados asignen á construción de infraestruturas e adquisición de tecnoloxías mediante o PFI non computa na estatística do déficit público pero hai que pagalas e son débeda real aínda que non apareza na virtual contabilidade europea. Ademais hai que pagalas antes que os salarios, os medicamentos ás farmacias ou se poidan facer novos investimentos.

A introdución do discurso das formas mixtas de xestión instalouse pouco a pouco no sector sanitario, coqueteando coa socialdemocracia gobernante e con bos profesionais desexosos de maior autonomía de xestión

A introdución do discurso das formas mixtas de xestión instalouse pouco a pouco no sector sanitario, coqueteando coa socialdemocracia gobernante e con bos profesionais desexosos de maior autonomía de xestión. Só o BNG en todo momento e IU no Congreso (agás a súa comprensión coas formas mixtas de xestión en Cataluña) manifestáronse nitidamente en contra destas iniciativas de privatización.

Todo empezou co discurso da necesidade de separar o financiamento da provisión de servizos. Xunto a isto a mensaxe de que o importante é que sexan financiados publicamente e con acceso gratuíto (esta parte agora transfórmase en que sexan gratuítos só os servizos básicos, sen aclarar cales son estes). O que financia compra os servizos a diferentes proveedores, que son os que xestionan. No seguinte paso do argumento dise que non importa quen xestione (o mesmo podemos dicir dos centros de ensino concertados).

A mestura de poder político público e directivos de empresas privadas sanitarias fai esquecer aos gobernantes a súa responsabilidade coa cidadanía

Avanza a operatividade da privatización coa externalización da limpeza, lavandería, a cociña, o arquivo,… , dise que “a fin de contas tamén o fan outras administracións e segue quedando en mans públicas a parte asistencial”. Cando nos damos conta a empresa privada é contratada para realizar atención sanitaria dunha área de saúde (Alzira, en Valencia).

Non hai estudos independentes que avalen a superioridade da xestión privada pero iso non importa. Os motivos destas políticas son ideolóxicos e de favorecer os intereses privados dos socios ou amigos. A mestura de poder político público e directivos de empresas privadas sanitarias fai esquecer aos gobernantes a súa responsabilidade coa cidadanía. Non hai outra explicación porque non hai dúbida de que son máis caros ao ter que obter beneficios, e polo tanto aínda máis inxustificables en tempos de crise e austeridade como os actuais.

Ata o momento a colaboración público privada fíxose incorporando novas construcións, aportando algo novo á cidadanía. A iniciativa madrileña é cualitativamente diferente xa que é a primeira vez que entrega asistencia sanitaria pública en funcionamento á empresa privada e nunha cantidade tan importante. Quixérono facer Romay e Feijoo coas Fundacións Sanitarias, cando estaban no Ministerio de Sanidade e no INSALUD, e fracasaron. Nunha reunión do Plan Estratéxico do Sergas Romay recordou aquel fracaso e animou os presentes a rescatar aquela iniciativa. E parece que así o fan e con decisión. Por agora é Madrid si, pero non hai diferenzas nin fronteiras. Se o PP madrileño impón as súas teses xa non hai centro sanitario en todo España libre de que non lle pase o mesmo.

Se o PP madrileño impón as súas teses xa non hai centro sanitario en toda España libre de que non lle pase o mesmo

Non hai medias tintas, non hai negociación porque veñen por todo o pastel dos servizos públicos. Sen rubor. Fernández-Lasquetty afirmou que “este goberno ten o apoio do 53% dos madrileños” e iso ten pouca discusión. Pero tamén é certo que son vencibles, con argumentos,  mobilización e apoio da cidadanía. O apoio á folga madrileña foi masivo. A batalla continúa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.