Madrid como espectáculo, Madrid como problema

Desde hai tempo unha boa parte das noticias que nos serven os medios de comunicación teñen que ver especificamente coa política madrileña. Madrid non só é a sede e o escenario da política estatal senón que os eventos da política local son noticia estatal. Quen seguimos as noticias en calquera lugar de España xa temos opinión sobre este ou aquel candidato madrileño, a quen defenestraron, condenaron, deostaron, elixiron, quen está implicado, quen é irmán de quen, etc. E todo iso é un espectáculo tan frenético como abracadabrante que some en vergoña allea tanto a madrileños como a súbditos deste reino en xeral. Que está a pasar en Madrid?

Manuel Azaña foi, sen dúbida o mellor estadista español do século XX, comprendeu que a un estado moderno lle sobraba unha corte e necesitaba unha capital. Paradoxal e tristemente foi a partir do desarrollismo do final dos anos cincuenta e baixo o franquismo, co seu sinal, cando Madrid gaña demografía, co baleiramento da Meseta e boa parte de Andalucía, e ao mesmo tempo localízanse alí as sedes das empresas do Estado e o "efecto capital" atrae as sedes das empresas estranxeiras. O novo estado centralizado irradia desde Madrid as emisións de televisión e o "parte" informativo da Radio Nacional, o Santiago Bernabéu transfórmase no templo do Réxime. Ese proceso de concentración continuou na democracia, a rede radial da AVE centralizado en Madrid simboliza perfectamente o acontecido co traslado alí da práctica totalidade das empresas financeiras. Para comprender o que é o Estado Español actual hai que historiar a evolución desa cidade e a súa transformación de ser "la villa y corte" a ser un centro que irradia ondas centrípetas que tragan a realidade española.

Como toda cidade ou país, Madrid ten dono. A dona é unha burguesía moi particular que non nace da actividade financeira ou industrial senón que a súa acumulación de riqueza é consecuencia de detentar o estado e as súas decisións

Como toda cidade ou país, Madrid ten dono. A dona é unha burguesía moi particular que non nace da actividade financeira ou industrial senón que a súa acumulación de riqueza é consecuencia de detentar o estado e as súas decisións. Realmente vénlle ben o concepto de "elite extractiva". A súa cultura é a do Estado e, á súa vez, determina a ideoloxía do Estado e os seus intereses van intimamente unidos a manter e ampliar a concentración de poder na capital e, dado ese proceso de concentración imparable, todo o Estado español está encerrado na ideoloxía e intereses dese grupo social. Si, o Bernabéu segue sendo o embigo de España e pódese dicir que neste momento o Reino de España está constituído polo País Vasco e Catalunya, con realidades políticas, culturais e en parte económicas independentes e o resto é Madrid coas súas provincias. Entre esa lista de provincias pódese matizar que Galicia conserva uns trazos culturais e políticos, cada vez máis débiles e, Andalucía, pola súa poboación, ten aínda a capacidade de expor demandas particulares. A moitos efectos Madrid tragou a España.

A fortaleza dese Madrid e a debilidade desta España condiciónao todo

A fortaleza dese Madrid e a debilidade desta España condiciónao todo. Vimos nos últimos anos como se expresaba con naturalidade a bulimia desa burguesía extractiva cando unha empresa barcelonesa pretendeu absorber a outra radicada en Madrid: "É unha mala noticia que unha das grandes empresas españolas se traslade fóra do territorio nacional". Ou as resistencias e acusacións cando o goberno de Rodríguez Zapatero decidiu trasladar a Axencia Estatal da Comisión do Mercado das Telecomunicacións a Barcelona. E todo iso viuse acompañado e agravado cunha constante campaña denigratoria de Catalunya, os cataláns e os seus gobernantes nos medios de comunicación, practicamente todos instalados en Madrid.

Particularmente son totalmente escéptico despois do vivido nos últimos anos, pero calquera proxecto de convivencia en España, se algún día chegase a formularse novamente, terá que enfrontar e tropezará coa ideoloxía nacionalista española, que se reduciu a un madrileñismo cego. Calquera cambio nese sentido, por improbable que sexa, será para mellor.

Figuras como a do profesor Ángel Gabilondo, o escritor Luís García Montero ou a xuíza Manuela Carmena prometen opor humanismo á barbarie galopante e diálogo fronte á obscenidade autoritaria

É por iso que resulta interesante que desde a esquerda madrileña moveran peza e decidisen achegarse á vida pública a persoas que poderían achegar serenidade e ponderación. Fronte a figuras como Aguirre, Cifuentes, Hernández, Botella, Gallardón..., figuras como a do profesor Ángel Gabilondo, o escritor Luís García Montero ou a xuíza Manuela Carmena prometen opor humanismo á barbarie galopante e diálogo fronte á obscenidade autoritaria. Ter algún tipo de título ou ser de letras non é garantía de nada, pero eses perfís parecen expresar unha vontade de civilidade.

Non se debe esperar moito, non é realista, pero calquera avance no combate entre humanismo e barbarie sempre é moito.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.