Madrid e as institucións extractivas

Hai unhas semanas tivemos a oportunidade de coñecer e charlar sobre o libro Madrid es una isla. El Estado contra la cidadanía, escrito polo vigués Óscar Pazos, nun acto organizado por Compromiso por Galicia en Compostela. Trátase dun libro de divulgación sen dúbida moi recomendable onde se denuncian os enormes custes do centralismo madrileño para o conxunto do Estado, tanto dende o punto de vista político como socioeconómico. O poder de Madrid sustentaríase en feitos como a configuración radial das vías de comunicación, que non só beneficia fundamentalmente á capital senón que é de moi dubidosa eficiencia económica, como xa denunciou o economista catalán Germà Bel. Pola concentración dos grandes monopolios públicos, agora privatizados daquela maneira case todos, da grande banca ou dos medios de comunicación que teñen ademais un papel clave na difusión da perspectiva madrileña ao resto do Estado.

A pesar de terse convertido España nun Estado descentralizado, a concentración do poder económico e político en Madrid non só non se veu minguada senón que tería medrado nas últimas décadas

A pesar de terse convertido España nun Estado descentralizado, a concentración do poder económico e político en Madrid non só non se veu minguada senón que tería medrado nas últimas décadas. Pero un dos aspectos máis orixinais da obra é a ligazón que o autor fai do papel representado por Madrid e pola elite madrileña cunha determinada configuración institucional e administrativa operante historicamente en España. Baixo a óptica do autor, o centralismo serviría aos intereses dunha caste que deseñou unhas institucións públicas á medida dos seus intereses. Referímonos a un modelo de Estado de corte case militar replicado logo a nivel provincial e dominado por unha burocracia onde destacan profesionais liberais (avogados, notarios, rexistradores, procuradores...) dedicados máis á extracción de rendas que a súa creación, e moi coidadosos de manter os seus privilexios.

Acemoglu e Robinson fan unha distinción entre institucións inclusivas e institucións extractivas

Enlazan estas teses coas doutro libro recentemente publicado por dous académicos norteamericanos, convertido xa en best-seller, titulado Why nations fail e onde os autores fan unha moi suxestiva proposta para explicar as orixes do poder, da prosperidade e da pobreza dos países. Daron Acemoglu e James A. Robinson fan unha distinción entre institucións inclusivas e institucións extractivas, sendo as primeiras propicias para o desenvolvemento social e económico e as segunda destinadas á extraer á riqueza da maioría para sostemento dunha elite inmobilista e parasitaria. As institucións extractivas actuarían como freo ou barreira para o desenvolvemento económico, para a igualdade e para as liberdades individuais e sociais. Cabería pensar se a segunda transición política que tantos anhelan para o Estado Español non debería centrarse en modificar as estruturas arriba referidas que, por outra banda, están fortemente ligadas ao bipartidismo imperante (con sede en Madrid) e a falla de transparencia tanto no funcionamento da administración como dos partidos políticos. Neste sentido é positivo que sexan estes temas e en concreto a permeabilidade de institucións e partidos políticos (listas abertas, primarias abertas, etc) algúns dos que estean na axenda mediática.

Case ninguén cuestiona no Estado o papel de determinadas castes privilexiadas nin dende a dereita, nin dende a esquerda antisistema

Porén, chama poderosamente a atención que nestes tempos de reformas seica liberais, case ninguén cuestiona no Estado o papel de determinadas castes privilexiadas nin dende a dereita, máis conservadora que liberal como acreditan as fontes de ingresos do presidente do goberno, nin dende a esquerda antisistema, máis preocupada en grandes proclamas anticapitalistas que nestas minucias. Só dende a Unión Europea teñen xurdido voces demandando a liberalización dalgúns servizos profesionais pois constitúen, particularmente en relación aos Estados do Norte, unha forte asimetría institucional en Europa.

Mais o libro de Óscar Pazos é tamén moi oportuno dende unha perspectiva galega pois está escrito dende un prisma alleo ao do nacionalismo, o único movemento político que en Galicia sostivo un discurso crítico co centralismo. Atopar unha crítica tan rotunda ao centralismo dende posturas non estritamente nacionalistas é sen dúbida un valioso activo para difundir unha problemática e un relato tremendamente necesario, ao noso ver, para o país.

O libro de Óscar Pazos é tamén moi oportuno dende unha perspectiva galega pois está escrito dende un prisma alleo ao do nacionalismo, o único movemento político que en Galicia sostivo un discurso crítico co centralismo

Enlaza e contribúe ao discurso do galeguismo histórico e actual que tradicionalmente destacou, por exemplo no marco teórico do colonialismo interior usado por Beiras no Atraso, o papel imitador das elites políticas e empresariais galegas con respecto ao poder centralista español. Pois efectivamente, o poder madrileño susténtase nunha capacidade para absorber as elites de provincia (coa excepción parcial Basca e Catalana), que para ascender na escala do poder non dubidan en abandonar o seu territorio de orixe. Caso claro é o galego, onde gran parte das elites actuais, como antes fixera a nobreza, escapan cara Madrid en primeira ou segunda xeración á mínima de cambio, para facerse un oco na elite extractiva madrileña. Son os mesmos que sen dúbida máis gozarán co remate da conexión do AVE a Madrid, pois permitirá conxugar o bo de Galicia (o marisco, poñamos por exemplo) co bo de Madrid (a proximidade ao poder que outorga un sitio no palco do Bernabeu).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.