A mediados dos anos 90, igual que milleiros de mozos, tiven que escoller destino para realizar, dada a miña condición de obxector de conciencia, a prestación social substitutoria. Despois de pensalo moito decidín optar por algún dos poucos programas de cooperación internacional que se ofertaban. Ao fin fun admitido no programa que o MPDL, Movemento pola Paz, o Desarme e a Liberdade, desenvolvía nas repúblicas ex-iugoslavas baixo o paraugas do mandato do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados. Mal podía supoñer eu que aquela decisión sería a base dunha discriminación laboral pasados mais de 20 anos.
Logo dun período de formación de varias semanas, a finais de xullo de 1994, cheguei a Zagreb. Durante a miña estadía alí ocupeime da xestión da oficina central da organización en Croacia, e colaborei no acompañamento de convois de axuda a distintas zonas do país: alí onde os desprazados e desprazadas polo conflito atoparan aloxamento temporal. Foron meses nos que forxei amizades que aínda perduran, principalmente cos meus compañeiros obxectores e co persoal interprete croata que nos acompañaba nos desprazamentos, e cos que volvín a reunirme varias veces nos últimos anos. Foi un tempo que me deu a oportunidade de madurar como persoa. Nunhas poucas liñas é moi difícil sintetizar todas as vivencias daqueles momentos. Tal vez fora a xornalista Concha Pino a que mellor o fixo, co titular dunha entrevista que publicou á miña volta: “En Croacia aprendín a relativizar”. Si, iso que parece tan sinxelo: relativizar. Cando un comparte o seu tempo con persoas que o teñen perdido todo, e que teñen sufrido o que non se pode medir, aprende a valorar o que ten, aprende a poñer no seu xusto lugar os problemas aos que ten que facer fronte na no día a día.
O pasado mes de decembro, o reitor da Universidade de Santiago de Compostela ditou unha resolución mediante a cal se lle recoñece, ao persoal laboral de administración e servizos, o tempo de servizo militar, ou da realización da prestación social substitutoria, para o cómputo da antigüidade a efectos do recoñecemento de trienios. Pero no caso dos obxectores de conciencia só se lle recoñece a aqueles que realizaran a prestación nunha Administración Pública.
A Universidade de Santiago de Compostela, de forma un tanto inexplicable, fai unha interpretación que roza o absurdo do previsto no Convenio Colectivo do persoal laboral, esquecendo normativa de carácter xeral que debe ser aplicada.
A Lei 48/1984, de 26 de decembro, reguladora da obxección de conciencia e da prestación social substitutoria, en vigor ata xullo de 1998, no seu artigo primeiro sinalaba: “O dereito á obxección de conciencia recoñecido no artigo 30 da Constitución exercerase conforme ao disposto na presente lei”. E mais adiante: “Non poderá prevalecer entre os cidadáns discriminación algunha basada no cumprimento do servizo militar ou da prestación social substitutoria”. Este punto é fundamental xa que o mesmo impide que se trate de forma diferente a aqueles que optaron por realizar o servizo militar e aos que optaron por realizar a prestación social, sen que se poidan establecer diferenzas na forma na que esta prestación se concretou.
Mais aínda, o feito de que a resolución reitoral é unha clara discriminación cara aqueles obxectores de conciencia, hoxe traballadores da USC, que realizaron a prestación social nunha organización non gobernamental, fronte a aqueles que realizaron o servizo militar, ponse de evidencia cando se revisa o Real Decreto 1410/1994, polo que se aproba o Regulamento do Servizo Militar. A disposición adicional segunda desta norma “Servizo en organizacións con fins de interese xeral” di: “Terán os mesmos efectos que o servizo militar a realización da totalidade do servizo na Cruz Vermella Española ou noutras organizacións con fins de interese xeral ás que se refire a disposición final segunda da Lei Orgánica 13/1991, de 20 de decembro, do Servizo Militar.”. Así a aplicación da resolución reitoral compostelán leva a un resultado totalmente inadmisible: a unha persoa que realizou o “servizo militar” na Cruz Vermella, unha organización social non gobernamental, ese período de tempo computaríalle a efectos de trienios, mentres que si como obxector realiza a prestación social na mesma organización ese tempo non será recoñecido.
Cales son as razóns que levan á Universidade de Santiago de Compostela a actuar deste xeito?. As descoñezo. Non poden ser desde logo razóns económicas, xa que o aforro que para a universidade supón esta diferenciación é ben cativo. Son razóns ideolóxicas?. Case parece un desvarío pensar niso a estas alturas da vida, e cando tanto a realización da prestación social nunha Administración ou nunha organización social eran alternativas contempladas na lei, on existindo en moitos casos para o obxector posibilidades reais de elección.
Pero o caso é que a Universidade de Santiago de Compostela utilizou unha caste de maxia xurídica para establecer unha diferenciación que é única no panorama normativo galego e no español. Unha diferenciación que non establece a Xunta de Galicia, tan mirada sempre cos beneficios e dereitos que negocia cos seus traballadores. Non a establece o marco que adiantaba a Lei 27/2011 sobre actualización, adecuación e modernización do sistema de Seguridade Social, aínda que a súa concreción este nestes momentos en suspenso, como tantas outras cousas que dependen do goberno de Mariano Rajoy.
Hai anos, moitos anos, nas mobilizacións estudantís contra o daquela reitor da USC, o profesor Carlos Pajares, fixera fortuna un lema que convintemente “tuneado” utilicei para titular este artigo, era: “Magnífico reitor, dimite por favor”. Daquela protestábamos pola falta de prazas en residencias universitarias, pola suba das taxas... Hoxe tomei prestado aquel lema, porque si algo nos quedou como pouso aos que participamos naquelas mobilizacións, é o convencemento que quedar calados ante o que consideramos inxusto nunca é a solución a nada.
A Universidade, en xeral, e a Universidade de Santiago de Compostela en particular, ten que ter como máxima do seu proceder a razón e a saber. Que a USC estableza unha diferenciación entre obxectores non é nin razoable nin é de sabios. O que sería de sabios sería rectificar e non manter unha decisión tan arbitraria.
Publicidade
{C}{C}{C}{C}