Maio do 68, mirando ao futuro sen nostalxia

“A imaxinación ao poder”, “Sexamos realistas, pidamos o imposible”, “baixo os adoquíns está a praia”. Hai 50 anos, en París, as paredes falaban. Era maio e nos bulevares de Saint Germain, todo parecía posible. Francia, a patria da Revolución, da Bastille e da Commune, vivía unha revolta estudantil que conmoveu os cimentos da sociedade, e que prendeu dende Praga ata México, pasando por Compostela, incendiando as concencias e cuestionando valores absolutos como familia, propiedade e traballo. O mundo sereo e tranquilo do sistema fordista, que garantía traballo a cambio de integración no sistema, que escondía os desexos baixo toneladas de moral establecida, que oprimía vontades e disidencias, fendía coma os adoquíns que os estudantes da Sorbona arrincaban da rúa.

A mocidade, rebelde e desobedente, cuestionaba o mundo dos seus pais e nais, reafirmando a vontade de vivir as súas vidas cos seus propios códigos, en base ás súas experiencias, reivindicando a súa autonomía e a súa liberdade, vencelladas cun cambio nas súas condicións de vida. Porque foi unha revolta que naceu da mocidade, dos liceos e universidades, pero que pronto se extendeu ás fábricas e aos centros de traballo, entre o 10 de maio, “a noite das barricadas” e o 13 de maio, cando unha folga xeral masiva paraliza Francia. Nese momento de desborde e ilusión, no que a rúa unía e as aulas e as fábricas se convertían en asambleas permanentes, as elites francesas vían o seu mundo tremer aos seus pés.

Mais esa vontade compartida por decidilio todo, por cuestionalo todo, dende o mundo do traballo ata a arte, foi encauzada para ser disolta. E esa febre, xuvenil, como a de toda revolución, por canto é o agromar dalgo sempre novo, remitiu. O neoliberalismo, que daquela estaba dando os seus primeiros pasos para impoñer o seu dominio mundial, primeiro banalizou maio do 68, logo se apropiou dalgúns dos seus elementos para subvertilos de individualismo e mercadoría e finalmente o desterrou da memoria, declarando a súa derrota. Pero esa espranza de maio non ficou abatida, mutou, desa pretendida derrota colectiva xurdiron tamén novos mundos, dando azos a novos movementos sociais, nutrindo o feminismo, o ecoloxismo, o pacifismo, o movemento LGTBI. De feito, non se podería entender a forza que ten hoxe o movemento feminista sen as experiencias e as aprendizaxes do 68. Novos suxeitos, diversos e fragmentados, configuráronse como alternativas. Asemade, a clase obreira fordista entrou nunca decadencia imparable, e a precarización e o paro pasaron a ser norma.

Hoxe as nosas vidas distan moito de ser nosas, a mocidade, acusada de individualista e hedonista, non ve un futuro digno no horizonte, e as utopías aparecen sepultadas no baúl da Historia. Mais o “anxo da Historia” de Benjamin segue a despregar ás súas alas,  o pasado nos remite ao futuro, os boulevares de París ocupados pola multitude, reapareceron nas prazas do 15-M e nas aprendizaxes colectivas que adquirimos alí. É imposible non atopar ecos do 68 na reivinciación de que nos queremos libres e iguais, na folga feminista que o 8-M nos devolveu a forza do colectivo e a posibilidade de construír alternativas dende a crítica radical de todas as opresións e dominacións. A forza do común é o maior legado do 68. Revivámola!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.