Non descubro nada a ninguén se afirmo que en campaña electoral semella que todo o mundo comprométese a todo. Dá igual se estivo no goberno anos e anos, se non estivo nunca, se concorreu en formacións que, sendo o mesmo, cambian de siglas en función de determinados intereses… Dá igual. Se existe un común denominador en campaña é o da promesa.
Pero a pesar das reticencias que entendo máis que xustificadas, non é menos certo que as semanas previas a unha cita electoral convértense no momento idóneo para plasmar compromisos, dos que ao longo do respectivo mandato serán (mellor dito, seremos) examinados con lupa pola cidadanía.
A escasa atención recibida por parte de “primeiras espadas” dos partidos -especialmente de algunhas, se me permiten a puntualización- a unha cuestión crave como é a igualdade no período preelectoral do 26-X, levou a un nutrido grupo de entidades feministas a impulsar unha campaña, #senoncontononvoto, a través da que, ademais de tratar de poñer a igualdade no lugar que lle corresponde das diferentes axendas políticas, pretende comprometer aos partidos cun documento de consenso con 39 propostas concretas e que elas mesmas consideran de mínimos para asumir por parte dás formacións políticas galegas.
Para as persoas que formamos parte activa dun partido, pero tamén do feminismo, resulta especialmente loable esta iniciativa. Non podemos esquecer que as mulleres, que formamos parte de máis do 50% da poboación galega, sufrimos a discriminación en practicamente todos os ámbitos da nosa vida: traballo, educación, familia… E, por todo iso, o impulso e promoción de políticas -e recursos económicos, por suposto- que garantan a igualdade de dereitos e liberdades ten que ser prioritario para as administracións.
Por tanto, que o feminismo poña este tema sobre a mesa ten unha importancia que vai moito máis alá da propia cita electoral. E ten unha especial importancia non só para que os partidos escoitemos con calma e co respecto que merecen as mulleres as súas reivindicacións, senón que tamén supón unha clara oportunidade que desde os propios partidos demos a coñecer os nosos programas. Programas que, no caso socialista, creo que é ambicioso e comprometido.
Porque é evidente que tamén neste aspecto hai diferenzas substanciais e determinantes, tanto nas propostas como na execución das mesmas. Fronte ao 0,5% do orzamento total investido no último ano do Goberno Bipartito -insuficiente, seguro- a políticas de igualdade, pasouse ao ridículo 0,14% do PP neste exercicio, o que resume á perfección a relevancia concedida polo populares á igualdade. E a estes recortes hai que sumar os de carácter ideolóxico, que son case peores, con eliminación de materias como Educación para a Cidadanía, a modificación da Lei do Aborto -aplaudidas en Galicia por este Goberno conservador- ou, no caso da Xunta, cos enormes problemas que se producen coas interrupcións voluntarias do embarazo no segundo trimestre.
É campaña. É momento de escoitar e de propoñer. Pero hai que facelo de forma activa, sincera e comprometida. É momento de dar un paso adiante e de non quedar en promesas baleiras. Porque, como noutros moitos temas vitais, coa igualdade hai que ir moito máis aló do 25-S.