Malia que o debate máis candente neste intre no Estado Español sexa o que confronta dous modelos de organizar institucionalmente o Estado, a república e a monarquía, cómpre reflexionar en que o primeiro, a república, é moito máis que un simple método de organización institucional: é tamén unha cultura política.
A república, é moito máis que un simple método de organización institucional: é tamén unha cultura política
Hai tempo escribín no meu blog un artigo titulado "Notas sobre o concepto de Estado" no que comentaba o seguinte:
"A gran diferenza entre a forma de concebir o Estado por parte da tradición liberal e a tradición republicana -desde Aristóteles pasando por Rousseau e Hegel a Marx e Gramsci- estriba en que para a tradición liberal o Estado consiste no aparato político-administrativo-burocrático e as súas institucións lexislativas, executivas, xudiciais ordenadas pola lei constitucional e separadas da sociedade civil.
Para a tradición republicana o Estado non é a lei, nin os aparatos políticos nin a actividade emanada destes senón que o Estado consiste no conxunto de principios morais dunha comunidade e as prácticas coherentes a aqueles encamiñadas a conseguir o benestar colectivo. É dicir, as institucións, como materialización positiva, son epifenómenos do ethos.
A res pública sería, logo, a actividade desenvolvida pola sociedade para deliberar e controlar o entramado cultural e organizativo que rexe a vida cotiá das persoas. E entre ese control, desde logo, é central a cuestión da fiscalización e decisión sobre os recursos económicos para que estes aseguren o benestar e a reprodución digna de toda a poboación. É dicir, a Economía política".
O de Torres-Dulce é o xeito liberal de entender o Estado: todo comeza e remata na positividade escrita das leis. O que acontece na sociedade civil está separado do Estado
Hoxe mesmo, Eduardo Torres-Dulce, Fiscal Xeral do Estado aseguraba que: "lo que está en la Constitución está en la Constitución y lo que no está no existe en la vida política y social de España". Aseveración que contrasta poderosamente coa evidente ebulición social existente arredor da vontade de decidir en referendum sobre a continuídade da monarquía -co novo ethos que está a emerxer con enorme forza.
O de Torres-Dulce é o xeito liberal de entender o Estado: todo comeza e remata na positividade escrita das leis. O que acontece na sociedade civil está separado do Estado (de aí que a dereita sempre reclame que a "liberdade" darwinista impere na sociedade civil e que o Estado se dedique a manter a orde cando o equilibrio de poder na sociedade civil se vexa ameazado).
O da maioría social que hoxe reclama o dereito a decidir sobre a monarquía é o xeito republicano de entender o Estado; e non unicamente porque reclame a República senón porque considera que a idea hexemónica na sociedade civil é xa Estado e que as leis positivas escritas son só obxectivacións, a posteriori, dunha hexemonía determinada -dunha correlación de forzas- nun momento dado. Do que se colixe que as leis escritas non son obxectos relixiosos que merezan veneración eterna senón que poden mudarse tantas veces como sexa necesario para adaptarse ao ethos predominante na sociedade civil.
Se o novo ethos se impón na sociedade civil é cuestión de tempo que o Estado, entendido só como institucionalidade positiva, entre nunha crise irreversible
Cando o aparato de Estado, concebido só como o conxunto das institucións e as súas leis, se enroca e non se adapta ao que sucede na sociedade civil (sempre que na sociedade civil se estea a dar realmente unha mudanza total de hexemonía) a institucionalidade entra en crise.
Ao que asistimos hoxe no Estado Español é a esa loita entre un novo ethos e o vello ethos. A pugna aínda non está decidida. Pero se o novo ethos se impón na sociedade civil é cuestión de tempo que o Estado, entendido só como institucionalidade positiva, entre nunha crise irreversible.