Malinche vai á Uni

Alfredo Ramos: Malinche (1930) Dominio Público

se contempló en mí y odió su imagen 

Rosario CASTELLANOS. 'Malinche'. Poesía no eres tú. 1972 

 

Nada do que estamos a vivir é novo para nós, sendo nós a xeración 9/11. Dende aquela tarde, a poucas horas de volver á escola tralas vacacións de verán, o terror e a esperanza serían xa para sempre os nosos afectos. Ese mesmo día descubirmos a Zona Zero que eran as sociedades occidentais desde a súa fundación sobre as ruínas de Hiroshima, o destrutivo e incrontrolábel poder tecnocientífico inaugurado polo Manhattan Project e a natureza política dos Estados de Partidos continentais. Coa caída das torres de MYamasaki, caía definitavamente o Estado de Benestar liberal, que desde a fin da Guerra Total fixera posíbel vivir o invivíbel: a civilización capitalista. A estratexia a seguir polo goberno americano e pola súa cúpula militar consistiu no uso dunha bacteria: o Ántrax, co que os medios de formación de masas aterraron á unha poboación en shock durante semanas con novas de arbitrarios envíos dunha substancia que non discriminaba as súas vítimas. Cando nos quixemos dar conta, os ingleses entraban en Basora. Namentres, a este lado dos Apalaches xestionábamos como podíamos a epidemia das vacas tolas e asistíamos ao asedio e disolución do último movemento de liberación nacional europeo, Herri Batasuna. En poucos meses os galegos descubrimos a realidade do capitalismo fósil a uns minutos das nosas casas coa marea negra causada polo afundimento do petroleiro Prestige. As constantes a todos estes acontecementos foron 1) a realidade virtual construída polo poder mediático e 2) a incapacidade cidadá fronte a un poder militar absoluto e xenocida e un poder político tan antidemocrático como indecoroso. 

Un, que está bastante orfo de todo, sempre considerou a causa feminista como a última esperanza. Unha forma non como calquera outra de revisitar o logos occidental. Liquidadas as organizacións operarias, reducidos os estudantes universitarios, homologados e amaestrados os demáis colectivos que constituen as clases perigosas, en adecuada expresión do finado Wallerstein, xa nada parece poder redimirnos dos modos de produción económico, social e espiritual capitalistas. Nas últimas décadas, a toda a desfeita teórica e política do estruturalismo e posmarxismo seguiron as antiteorías queer ás que se lle xuntaron as intitucións liberais para asegurarse de que nada saia dos límites da linguaxe e do texto e que todas as mudanzas sociais sexan meros espectáculos barrocos. Do Manhattan Project herdamos a departamentalización, a fragmentación do coñecemento en microsaberes que ben vixiados só permiten a destrución do ambiente e das culturas históricas. É a isto que Bolívar Echeverría chama de civilización do cinismo, como a vida se organiza de tal xeito que a sua reprodución supón a destrución dos factores que a fan posíbel, Este, e non outro é o fundamento do Estado Necropolítico (por non abusar do termo neonazi) que veu a substituír o liberalismo dos Trinta Gloriosos. 

O feminismo administrado polo poder, ese aburridísimo feminismo que nos fai gardar un minuto de silencio tódolos días do ano como quen reza un Pai Noso; ese feminismo de cadeira universitaria, que ensalza a Isabel de Castilla, á condesa de Pardo Bazán ou a Pilar Primo de Rivera como loitadoras pola normalización do suxeito femenino; ese feminismo burgués de demostracións interclasistas no 8M; ese feminismo cuxas reunións de traballo e asambleas tratan da imperiosa necesidade de instalar máis puntos de luz nas nosas poluídas cidades; ese feminismo ridículo, espectacular non pode ser tido en conta por ninguén que pretenda unha crítica xeral do sistema. É así que reivindico a figura de Malinche, esa que o sexismo patriarcal duns cantos imbéciles etnicistas levantou como figura traidora. Figura fulcral da resistencia á destrución dos españois das poboacións históricas americanas, esa figura que liga coa revolución feminista moderna que de ningún xeito buscaba a igualdade de homes e mulleres, senón que busca refacer a orde social, reconstruír as relacións entre os sexos, mudar os desexos e as prácticas sexuais; busca, en definitiva, alterar a vida cotiá. 

A causa do humán, que vai de Aristófanes a Jeff Buckley, que eu saiba nunca mudou; somos os mesmos seres de razón e de linguaxe revoltados contra a opresión tiránica, contra as supersticións e contra a degradación do noso ser espiritual e da nosa soberanía política. Se Malinche se tivo que enfrontar á destrución dun continente facendo metáforas, tamén podería ter cantado salmos cos Reformistas europeos, alzarse cos mariños de Kronstadt contra o capitalismo de estado soviético ou participar como lexisladora na Viena Vermella. Algo a aprender e que só con accións que partan da realidade experiencial, conscientes da destrución social e que integren os proxectos civilizatorios destruídos polas expansións coloniais capitalistas se pode dar esperanza. 

Se a entrometida e bulliciosa moza Malinche vivise hoxe en Galicia estaría ocupada en explorar as nosas tradicións espirituais, en refacer a xenealoxía da crítica aos rexímenes totalitarios e das consecuencias dos procesos de acumulación do Capital, das funcións de control social dos medios electrónicos e do poder destrutivo da ciencia moderna. Porque hoxe iso só é posíbel facelo desde as periferias do norte global, unha vez colapsadas as decadentes repúblicas europeas; e por moito que algúns digan ou se vexan obrigados a dicir que Galicia non é colonia nin champú, a teimuda realidade mostra que é unha rexión máis periférica que a mesma Chiapas. A reconstrución farana todas aquelas que coma Malinche hoxe están abeiradas nas marxes, as fillas da clase traballadora, nas que por moi forte que sexa a alienación, a confusión e as contradicións renacen os vellos ideais humanistas de liberdade política, esclarecemento científico e irmandade. 

Os demais, pode que como Machiavelli teñamos que fuxir aos bosques para salvar a vida ou traballar picando pedra nunha canteira como Howard Roark para non nos obrigen a facer o que non queremos, pero sempre berraremos os versos da feminista chicana Adaljiza Sosa-Ridell: Malinche, pinche / forever with me.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.