Mandela si, pero Palestina tamén

Hai apenas unha semana estabamos apesarados pola sorte de John F. Kennedy, era un heroe noso, un paladín democrático. E non digo que non fose unha figura importante e moi benéfica naquel tempo da Guerra Fría, pero é que agora sobreveu a morte de Nelson Mandela e todos os medios de comunicación dinnos que debemos estar afectados igualmente por esa perda.

Para xustificar ese macro espectáculo que é o festival de gobernantes e famosos de toda procedencia e de toda ideoloxía que é o funeral de Mandela era necesario presentar a súa figura completamente mistificada, falsificada

Constantemente vémonos envolvidos nunha esfera de gas comunicante que nos dita unha visión das cousas e neste caso o gas é dunha ñoñería insufrible. Constantemente adminístrannos culleradas de xarope lacrimóxeno. Pero é que para xustificar ese macro espectáculo que é o festival de gobernantes e famosos de toda procedencia e de toda ideoloxía que é o funeral de Mandela era necesario presentar a súa figura completamente mistificada, falsificada. O Mandela que nos ofrecen os medios parecía un poeta ridículo e iso non é máis que un conto, o guión dun mal anuncio do Nadal. Vivimos dentro dun guión dun vídeo xogo, aparentemente temos opcións pero na práctica só nos podemos mover dentro do esquema que fabrican os autores do vídeo xogo.

O Nelson Mandela que viviu e agora morreu gustará ou non, estaría equivocado ou non, pero foi un militante comunista que loitou por todos os medios, incluída a violencia, contra unha raza que se identificou como clase social opresora e explotadora

O Nelson Mandela que viviu e agora morreu gustará ou non, estaría equivocado ou non, pero foi un militante comunista que loitou por todos os medios, incluída a violencia, contra unha raza que se identificou como clase social opresora e explotadora. Efectivamente, mentres estivo preso Mandela foi madurando o seu pensamento e as súas análises sobre o seu país e chegou á conclusión de que a súa loita pola liberdade xa non podería ser igual que as loitas anticoloniais dos anos cincuenta e sesenta, a República de Sudáfrica non era o Congo e a situación cambiara en África e o mundo. Esa evolución do seu pensamento conduciuno a formas de loita distintas, seguramente non só guiado por razóns prácticas, senón tamén por unha reflexión máis profunda sobre a vida humana. Mandela viu un camiño para o éxito político na insubmisión e na rebelión pacífica, pero as súas ideas e os seus propósitos nunca deixaron de ser os mesmos. Ese ancián que morreu era un militante dunha esquerda anticolonialista ou, se o prefiren, un revolucionario fronte á opresión, a explotación e o apartheid. Esa falsa unanimidade en torno da súa figura entre gobernantes dunha dereita cruel, estafadores, xeques, reis, príncipes, personaxes de revista do corazón e demais é unha burla á memoria dun home que non o merecía. E fano porque estaba vello e agora xa non se pode defender de tanto oportunista.

Cando saian do funeral tomen outro avión e vaian a Palestina, alí saberán dos Mandelas que xa morreron e saberán dos que sobreviven nas celas de Israel

Se realmente estiman a figura de Mandela e a súa loita teñen diante moitos guetos e apartheids. Os saharauís no seu deserto, por exemplo. E os millóns de palestinos, encerrados, roubados, discriminados, torturados e perseguidos na súa propia terra. Cando saian do funeral tomen outro avión e vaian a Palestina, alí saberán dos Mandelas que xa morreron e saberán dos que sobreviven nas celas de Israel. Tamén hai Mandelas que aínda están vivos e necesitan a súa axuda.

Ah, damas e cabaleiros, escusen esta impertinencia. Compréndese, é que os palestinos non sorrín e non son guais, son xente desesperada, sucia e fea. Non serven para un dos seus vídeo clips rosas, só serven para facer de extras en películas de árabes fanáticos. Claro, son todos terroristas e en cambio o estado israelí son como nós, os nosos amigos. Non poderiamos compartir os asentos nese espectáculo con vostedes aínda que nos convidasen, de puro noxo lles vomitaríamos encima. Mandela non era dos seus.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.