Manifestémonos, sen medo e con memoria

A primeira foto que acompaña este texto mostra a cabeceira da manifestación tralas bombas do 11M, celebrada o 12 de marzo de 2004. Convocouna o Goberno de J.M. Aznar, sen contar con ningún representante da seguridade do Estado, horas despois do atentado yihadista máis letal cometido en Europa.

Trátase dun dos exercicios máis extremos e irresponsables de manipulación da morte allea. Reuniu máis de 10 millóns de manifestantes en toda España, que foron máis de dous millóns en Madrid: convertidos en obxectivo potencial doutro masacre. Os terroristas aínda estaban soltos. Incrible e intolerable, verdade? Que fácil tería resultado introducirse entre os manifestantes con cintos bomba! Ou accionar explosivos ao longo do percorrido. Os terroristas inmoláronse o 3 de abril (!) nun piso de Leganés.

Aquela ignominia foi secundada por todos os medios de comunicación e forzas parlamentarias (excepto a de A. Otegi). Invocaron (como non?) Unidade. Pero usaban case 200 mortos, aínda quentes, e preto de 2.000 feridos para cavar unha trincheira electoral. Carne de bombas terroristas convertida en carne de canón “antiterrorista”. En primeira liña, da fronte e dos titulares.

O que importaba era o implícito. Coas vítimas (de ETA), coa Constitución (que había que defender fronte ao Tripartito catalán) e pola derrota do terrorismo (etarra)

“Coas vítimas, coa Constitución e pola derrota do terrorismo”. Así rezaba a faixa da cabeceira, decidida unilateralmente polo Goberno. O que importaba era o implícito. Coas vítimas (de ETA), coa Constitución (que había que defender fronte ao Tripartito catalán) e pola derrota do terrorismo (etarra).

A campaña electoral fora inaugurada co caso Rovira: a suposta tregua que ETA decretara en Catalunya e acordada co vicepresidente de Maragall. Unha bomba á liña de flotación do novo Estatut e ás posibilidades electorais do PSOE que pactaba con ERC. En fin, que nos convocaron a un estado de guerra permanente. Non a construír unha paz sen medo. En liberdade.

Non me cren? Boten unha ollada ás portadas dos dous diarios de referencia daquela. A de El País pertence á edición especial do mesmo día dos atentados, que afirmaba a autoría de ETA. O titular foi ditado telefonicamente por J. M. Aznar o mesmo 11M ao director, J. Ceberio, que non llo contou aos seus lectores ata dez días despois. Difícil imaxinar maior servilismo ao poder e maior traizón ao público.

A portada de El Mundo pertence á xornada de reflexión. Vulneraba a Lei Electoral ao recoller nese día as declaracións do candidato electoral do PP. Ao “convencemento” do Ministro de Interior (A. Acebes), sumábase a “convicción moral de que foi ETA” do actual Presidente, M. Rajoy.

Os xornalistas inmundos orquestraron a teoría da conspiración. Pedra angular da política da crispación que mantería viva a suposta oposición PSOE - PP

Xornalismo para convencidos. Porque todas as evidencias (e, en consecuencia, os medios estranxeiros) apuntaron desde o principio ao yihadismo. Ningunha proba sostivo xamais a autoría de ETA. Postverdade en estado puro. Sostida ata hoxe mesmo polos mesmos.

Os xornalistas inmundos orquestraron a teoría da conspiración. Pedra angular da política da crispación que mantería viva a suposta oposición PSOE - PP. Unha polarización rendible ao bipartidismo, que se sostivo tamén pola inhibición dos cargos e tribunos a soldo do PSOE. Afírmao o entón xefe dos TEDAX. Desde as primeiras horas descartou a autoría de ETA e sostivo a súa versión. Por iso tivo que afrontar ata 2012 unha querela e un proceso que alimentaron os xornalistas inmundos. Nunca recibiu apoio do Ministerio que encabezaba Rubalcaba. Lean o seu libro. E vexan os vídeos do que publicamos en 2005, aínda non os proxectou ningunha tele.

Se puidesen, se lles deixaran, os protagonistas da primeira foto encabezarían a manifestación do sábado 26 en Barcelona. E enarborarían o mesmo lema que en 2004: amparados nas vítimas, defenderían o Réxime do 78 con máis ardor guerreiro que nunca. Revisen as caras, pertencen a cadáveres políticos xa corruptos, corrompidos ou en proceso de descomposición. Repasen as súas declaracións e as tribunas dos seus servos mediáticos, tralo atentado nas Ramblas.

Revisen as caras, pertencen a cadáveres políticos xa corruptos, corrompidos ou en proceso de descomposición. Repasen as súas declaracións e as tribunas dos seus servos mediáticos, tralo atentado nas Ramblas

Son fanáticos que se atreven a criticar o fundamentalismo. Publican infundios, acusacións criminais sen evidencia nin lóxica. Van sobrados de conviccións. Rendibilizan as guerras (económicas, bélicas, mediáticas e electorais) ás que nos envían. Ampáranse no 'choque de civilizacións' co que tanto se lucran. Practican a única política nacional(ista) que coñecen: o guerracivilismo.

Retomen a primeira foto. Poñan un X nos desaparecidos das institucións e unha ? nos que aínda quedan nelas. Crean o que lles digo: están en bancarrota, como os medios que os sostiveron e aínda sosteñen.

Quen comezou a derrubalos do pedestal foi a cibermultitude do 13M, os desobedientes civís que, convocándose co SMS de Pásao, esixiron “saber a verdade antes de votar”. A súa protesta lexitimou a vitoria electoral de ZP. Non é unha afirmación gratuíta, senón pura teoría democrática.

De aí arrinca ese No tinc por, un lema que ningunha institución tería apoiado en 2004. Por iso, á cabeza da repulsa ao terror estarán os sen medo. A cidadanía que berra en silencio: “As vosas guerras, os nosos mortos”

Se a cidadanía non se tivese plantado o 13 de marzo de 2004 ante as sedes do PP, o PSOE tería gañado as eleccións envolvido nas mentiras gobernamentais e o silencio cómplice e medroso da oposición. Ese é o contexto dunha pseudocracia: o goberno da mentira.

O 13M foi o precedente do 15M, que volvería desafiar a xornada de reflexión electoral en 2011. O protagonismo cidadán que constataremos este sábado xurdiu nesas mobilizacións. De aí arrinca ese No tinc por, un lema que ningunha institución tería apoiado en 2004. Por iso, á cabeza da repulsa ao terror estarán os sen medo. A cidadanía que berra en silencio: “As vosas guerras, os nosos mortos”

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.