Manipulación da información: "Isto non foi o que aconteceu"

A benquerida e admirada Emma Pedreira mostrábase conmocionada este pasado domingo nas redes pola información aparecida nun xornal, tras unha entrevista telefónica, por mor da concesión do Premio Xerais: "Isto non foi o que dixen", apuntaba no seu post. No momento en que lin o que escribiu Emma, tamén estaba eu igualmente conmocionada, abraiada e enfastiada, despois de ler varias "informacións" sobre un acto celebrado o pasado sábado no mosteiro de Xunqueira de Espadanedo con motivo da fermosa exposición que acompañou as presentacións do libro Elas, da miña autoría. Onte, 4 de xuño, aínda saíron dúas notas máis. Ou sexa que, como a compañeira, digo algo semellante: "Isto non foi o que aconteceu". Teño que explicarme para que a xente entenda de que vai a cousa.

Ao único acto que non quixen asistir foi ao programado o 2 de xuño en Xunqueira de Espadanedo, onde estaba prevista a asistencia do presidente da Deputación de Ourense. Creo que non preciso moitas explicacións

Desde xaneiro de 2016 levamos Elas (o libro e exposición) por diferentes lugares: A Coruña, Pontevedra, Vigo, Ribeira, Lugo, Compostela, Cangas, As Pontes, Ribadeo, Ferrol, Ortigueira... En case todas as presentacións estiven acompañada, ademais de polo editor, por unha ou por varias pintoras que ilustraron o libro e pintaron 38 cadros para o proxecto Elas. Eis os seus nomes: Chelo Rodríguez, Ehlaba Carballo, Irene Silva, Mª Manuela, Mª Xesús Díaz, Novais, Sabela Arias e Vanessa Lodeiro. Foi un camiño enriquecedor que fixemos xuntas, con ilusión, con orgullo polo noso traballo e con agradecemento ás persoas e institucións que nos acolleron con tanto cariño.

Ao único acto que non quixen asistir –así llo fixen saber ao editor do libro que o entendeu perfectamente–,  foi ao programado o 2 de xuño en Xunqueira de Espadanedo, onde estaba prevista a asistencia do presidente da Deputación de Ourense. Creo que non preciso moitas explicacións: a filosofía que emana do libro, o espírito que latexa en Elas, o traballo que veño desenvolvendo desde hai máis de 30 anos para recuperar centos e centos de traxectorias de mulleres galegas, casan moi mal, son incompatíbeis con determinados comportamentos e por esa razón non me "vía" nesa mesa presentando a vida de moitas galegas que loitaron por estar neste mundo doutra maneira, que defenderon (até coa propia vida) as súas ideas, o seu traballo, os seus desexos e liberdades, a xustiza; galegas que foron quen de superar a incomprensión, a discriminación, as inxurias, as persecucións, os acosos... 

Así, o acto do sábado estaba programado exclusivamente –e así figura nos convites da editora–para a inauguración da exposición das miñas compañeiras, feito o suficientemente importante como para protagonizar as informacións que recollen o acto. Lendo o que saíu nun xornal vigués, na web da Deputación, nun xornal ourensán, na edición dedicada a Ourense dun xornal coruñés, nun xornal compostelán, nas redes do presidente da Deputación, do mosteiro de Xunqueira e outras... lendo toda esta (des)información dá a impresión que o que non aconteceu, si aconteceu. Ou sexa, que se presentou o libro  –así se indica expresamente na  web da Deputación, onde o presidente fala dalgunhas mulleres ourensás que están no libro, e tamén nalgunhas novas de xornais–. Lendo estas noticias todo leva a pensar que eu estiven alí, cando non quixen estar, porque o meu nome aparece por todas partes.

O que se publicou, todo o que se espallou, procede da Deputación de Ourense, adubado nalgún caso concreto con un erro imputábel ao medio que o publicou, para o que xa solicitei a inserción dunha nota de rectificación

Que política informativa é esta? De onde saíu? Cónstame que a editora non enviou ningunha comunicación do acto aos medios. O que se publicou, todo o que se espallou, procede da Deputación de Ourense, adubado nalgún caso concreto con un erro imputábel ao medio que o publicou, para o que xa solicitei a inserción dunha nota de rectificación, porque non se pode escribir que Elas acaba de ser publicado pola Deputación de Ourense cando leva case dous anos e medio na rúa. E, por outra parte, dada a actual composición da institución, nunca aceptaría ese patrocinio.

É preocupante, e éncheme de carraxe, o tratamento que reciben as miñas compañeiras de andaina, as pintoras, por exemplo nas dúas novas publicadas nun xornal compostelán o 4 de xuño, unha en castelán e outra en galego: "La huella de las mujeres gallegas"/ "Elas, de Aurora Marco, recolle a vida e obra de 400 mulleres ao longo da historia". A noticia centrada no libro que, segundo din, se presentou na Xunqueira, destaca en negriña dous nomes: o de Manuel Baltar e o meu. Como se eu estivese alí. O nome das oito pintoras, únicas protagonistas do acto do sábado, nen aparece: "Xunto co proxecto editorial, o presidente provincial, acompañado polo alcalde do concello, Carlos Gómez, inaugurou a mostra exposta neste histórico edificio, na que participan oito artistas cuxas obras ilustran Elas".

Teño necesidade de esclarecer os feitos porque isto ten un nome: Manipulación da información. E non creo trabucarme se digo que esta (des)información ten un obxectivo: un lavado de imaxe

Que é isto? Como é posíbel que se informe dun acto desta maneira? Como se chaman as artistas que expoñen a súa obra? Que reflicten os seus cadros? Por que non se entrevistou algunha delas?

Conclúo: ASÍ NON. A miña negativa a presentar o libro ía quedar entre o editor e eu. Mais, visto o visto, teño necesidade de esclarecer os feitos porque isto ten un nome: Manipulación da información. E non creo trabucarme se digo que esta (des)información ten un obxectivo: un lavado de imaxe. Chegada a este punto xa me poño rufa: Non consinto que co libro Elas e coa utilización constante do meu nome se intente este "clareo"...

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.