Manipulación dos medios de comunicación públicos

CC-BY-SA Praza Pública

Profesionais da Corporación de Radio e Televisión de Galiza (CRTVG) reclaman durante cinco anos e 300 semanas nos chamados Vernes Negros (camisolas negras co lema Defende a Galega), que a cadea pública cumpra a lei, que se comporte como un verdadeiro medio público. Denuncian a falta de independencia xornalística e consideran que a solución á manipulación da CRTVG non é acabar cos medios públicos, senón loitar para que a súa independencia estea garantida e piden que se impulse un Consello de Informativos.

A Lei de 2011 dos medios de comunicación audiovisual fala de “reflectir o pluralismo ideolóxico, político, cultural e social de Galiza, de integrar a perspectiva de xénero, do respecto á dignidade humana, da defensa da identidade da Galiza”. Segundo esa lei, “A directora ou director xeral sería elixida por maioría cualificada do Parlamento Galego (dous terzos) para un mandato de 5 anos” (Sánchez Izquierdo leva no cargo desde 2009), pero dous anos despois unha emenda do PP a esa lei facilitaba a permanencia de Sánchez Izquierdo sen esa maioría cualificada. Raquel Lema, representante do persoal da CRTVG, denunciaba o incumprimento desa lei pola Xunta do PP e sinalaba que o problema “máis grave a nivel democrático é a manipulación informativa, a CRTVG está ao servizo do partido que está no goberno, o Partido Popular”.

 

A represión na CRTVG é continuada

“Pertencer a Defende a Galega hoxe é quedar nunha lista negra”, sinala Lema, lembrando unha sentenza contra a Compañía, ratificada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG), pola represión contra o xornalista Carlos Jiménez por formar parte desa plataforma e denunciar as presións políticas e a manipulación informativa.

Esta política represiva concrétase nos 230 procesos xudiciais nos que está inmersa a Compañía. Noelia Otero, deputada do PSdeG-PSOE, sinalaba no Parlamento Galego: “Estes casos suman desde atrasos nos pagamentos até despedimentos nulos ou mesmo discriminación por razóns de sexo ou ideolóxicas”. Alexandra Fernández (BNG) pedía “responsabilidades” a Sánchez Izquierdo pola apertura de expediente a un traballador da CRTVG “en represalia pola súa participación nos Venres Negros”.

 

Non se respectan os dereitos das traballadoras e traballadores

Unha sentenza de 2 de marzo de 2022 do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza resolvía que a CRTVG vulnerou os dereitos da xornalista Andrea de Francisco ao non aceptar a súa solicitude de acceder a medidas de concreción horaria para conciliar a súa vida laboral coa familiar. A sentenza considera que se trata dunha “negativa carente de xustificación, que descoñece o exercicio dun dereito de dimensión constitucional, vinculada á discriminación indirecta por razón de sexo”.

Carlos Jiménez, locutor da Radio Galega, foi expedientado e sancionado ilegalmente, segundo sentenza xudicial, por apoiar Defende a Galega e denunciar as presións políticas e a manipulación informativa. Jiménez traballa na empresa desde 1993 e conta con outras quince sentenzas favorábeis nas demandas contra a CRTVG. A manipulación chega a tal extremo que cando en 2019 o movemento Defende a Galega recibe o premio José Couso á liberdade de expresión, que concede anualmente o Colexio de Xornalistas de Galiza, a TVG censurou a noticia e a dirección prohibiu a súa emisión nos informativos.

O Comité Intercentros da CRTVG denunciaba represalias contra o redactor David Fernández Vázquez por testificar contra a empresa. Este traballador levaba 17 anos de contratos temporais “fraudulentos”. O seu contrato foi declarado indefinido por un xulgado do social en novembro de 2023 e o seu despido improcedente, mais a CRTVG elixiu a indemnización e non a readmisión, “algo que nunca sucedera nesta categoría laboral, a que máis contratación temporal xera”, segundo o Comité Intercentros, que denunciaba este novo caso de “represión contra os traballadores díscolos que plantan cara á dirección ou se opoñen ás prácticas de manipulación informativa”.

É tamén continuada a actuación ilegal. O TSXG fallou polo menos en dezaoito ocasións só no último ano, contra a CRTVG por acosar a xornalistas, rebentar folgas, contratar traballadoras/es de forma irregular, en condicións precarias ou despedirlles ilegalmente.

Na folga de 28 de outubro de 2021 a TVG emitiu contidos “enlatados” para rebentar a folga, incluíndo locucións e vídeos de xornalistas e presentadores, que secundaron o paro, pero que aparecían en público como que non estaban en folga. O TSXG consideraba que en dúas ocasións a Dirección intentou rebentar as xornadas feministas do 8-M con servizos mínimos abusivos, substituíndo por profesionais varóns ás presentadoras de informativos que secundaron as protestas.

Afonso Rueda, que era vicepresidente en abril de 2022, tamén participaba na represión e asinaba uns servizos mínimos abusivos na administración autonómica. Para os informativos diarios da TVG establecía un mínimo de 112 xornalistas.

Por se estas irregularidade fosen poucas, a CRTVG non cumpría coas súas obrigas coa Seguridade Social e o mesmo director xeral Sánchez Izquierdo recoñecía unha redución no pago de cotizacións en 2016, e tivo que devolver 1,6 millóns de euros ás traballadoras e traballadores nas prestacións sociais por enfermidade, maternidade e xubilación, que os traballadores elevaban a 4 millóns de euros. Por outra parte, a CRTVG mantiña outro litixio coa Axencia Tributaria, que reclamaba máis de 10 millóns por liquidacións irregulares de imposto sobre o valor engadido (IVE) nos últimos sete anos.

Todo isto coa complicidade de Feijoo, que sempre mantivo a confianza en Sánchez Izquierdo.

Mobilización contra a manipulación informativa

O 6 de novembro de 2022 as traballadoras e traballadores da CRTVG convocaban en Santiago unha nova manifestación baixo o lema “Por unha CRTVG ao servizo do pobo”, que era apoiada por 40 colectivos, entre eles os sindicatos CIG, CUT, CCOO, UGT, CGT, CNT e os partidos BNG e PSdeG-PSOE con presenza no Parlamento Galego. A pancarta de cabeza dicía: “Defende a Galega. Sen medo a loitar”. Presentaban o acto as xornalistas da CRTVG Ana Romaní e Manuel Pampín, o actor Federico Pérez e a actriz Patricia Vázquez.

A semana anterior á manifestación un comunicado do comité de empresa denunciaba que varias centrais sindicais recibiran apercibimentos da dirección de recursos humanos nos que se identificaba a traballadores por pegar cartaces da manifestación na sede central da Corporación en San Marcos (Santiago).

Manuel Pampín manifestaba nesa manifestación: “Son xornalista da Radio Televisión de Galicia desde fai 37 anos. A CRTVG non pode ser un intercambio de cromos entre partidos políticos. Goberne quen goberne, debe ser un exemplo de honestidade, pluralidade e veracidade”.

O manifesto referíase á necesidade urxente de creación do Consello de Informativos, previsto pola lei de 2011, como órgano interno de participación dos profesionais para velar pola “independencia, neutralidade, pluralismo, veracidade e obxectividade dos contidos”.“Consideramos que a sociedade galega debe saír ao rescate do noso servizo público de comunicación audiovisual e expresamos a nosa firme vontade de defender a existencia dunha radiotelevisión pública”.

O Comité Intercentros convocaba unha folga o 6 de marzo de 2023, cun amplo seguimento que impediu a emisión de programas tanto na TVG como na Radio Galega, reclamando o fin dos “abusos” e dun “clima laboral insostíbel”, marcado pola “represión e o traslado forzoso de persoal crítico coa manipulación”. Folgas que se repetiron o 24 e 25 de marzo baixo o lema “Non máis abusos”.

Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral da CRTVG, comparecía o 31 de marzo de 2023 en comisión parlamentaria e tivo que escoitar numerosas críticas. Olalla Rodil (BNG) lembraba: “en 39 anos houbo sete folgas, catro no seu mandato e dúas delas no último mes. No se pode negar o deterioro na CRTVG”. Noelia Otero (PSdeG) reclamaba explicacións pola mudanza de postos a traballadoras e traballadores que denunciaron a “censura” das súas informacións ou, no caso de Maite Cabezas, que criticou nas súas redes sociais o ex presidente da Xunta Alberto Núñez Feijoo por “abandonar” as vítimas do terrorismo. Noa Presas (BNG) criticaba que se cortase na TVG o discurso de Rodrigo Sorogoyen, director de As Bestas, no que dicía “Eólicos si, pero non así”. Sánchez Izquierdo manifestaba nesa comparecencia que eses cambios de postos xa estaban planificados de antemán e que “os Venres Negros son minoritarios e os seus líderes están vinculados a partidos e van en listas electorais”. Atribuía as protestas á situación “externa, polo comicios políticos que hai en dous meses” e á “interna, polas eleccións sindicais”.

Defende a Galega denunciaba a manipulación da información sobre a chegada de pellets de plástico ao litoral galego. O Telexornal da TVG relegaba a cobertura deste problema ambiental ao minuto 31 dun informativo que dura 35, sen dar voz ao sector pesqueiro, marisqueiro, gobernos municipais dos concellos afectados ou as entidades ecoloxistas.

O Comité Intercentros da CRTVG chamaba a participar na manifestación contra “a tardanza e abandono” da Xunta de Galiza, denunciando “a manipulación informativa da cobertura que se estaba a facer das verteduras dos granulados de plástico por parte da CRTVG”. O Comité participaba na manifestación con pancarta propia, baixo o lema: “Queremos informar, non manipular”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.