Manolita Malasaña votará a Díaz Ayuso

Pois eu aínda veño de saber agora que o barrio de Malasaña, en Madrid, se chama así por unha muller, Manolita Malasaña, que máis ben era unha rapaza porque cando a mataron os franceses tiña 17 anos. Foi, por suposto, na Guerra de Independencia, en 1808. Suponse que cando os franceses entraron en Madrid a tal Malasaña foi unha das máis feras defensoras da cidade, e á súa morte --executada o dous de maio-- remataron por convertela nun mito diso que chamaron resistencia.

Malasaña, por certo, tiña un apelido de orixe francés, Malesange, pero iso non impediu, como digo, que o pobo de Madrid a convertera nun símbolo patrio do casticismo local e lle puxeran o seu nome a case canta cousa hai. A Manolita Malasaña atopámola, á parte de no barrio, nun instituto, nunha rúa, nunha estación de metro, etc. Terá que ver Manolita Malasaña coa famosa sucursal de lotaría? É probable.

A fixación de Madrid --ou dos madrileños-- coa tal Manolita é rechamante porque, en realidade, nin sequera se sabe moi ben como foi que morreu en armas contra os franceses. Uns din que pasaba munición dende o seu balcón da Rúa de San Andrés --onde hoxe está, precisamente, a Praza do Dous de Maio-- ata que a alcanzou un disparo inimigo. Outra versión conta que a axustizaron cando volvía á casa, non se sabe se logo de tentar defenderse cunhas tesoiras ou sen provocación mediante.

Como ven, as versións difiren e a cousa non ten pinta de chegar a un acordo. E realmente tampouco importa tanto, porque Manolita Malasaña é, como dixen, un mito; unha historia etérea que non require confirmación porque o que busca é, ante todo, consolar, que nos sintamos identificados; non dar unha explicación precisa. E de mitos vai a cousa estes días en Madrid, con seis candidatos que en realidade é unha soa e cinco pantasmas bailando ao ritmo que ela marca. Díaz Ayuso tamén é, ou pretende ser, Manolita Malasaña; ou cando menos busca valerse dunha mística paralela para avanzar nun camiño político que ata hai pouco parecía intransitable. Explícome.

É obvio que o discurso público se foi depauperando ata límites irrecoñecibles nos últimos anos. E no caso madrileño déixase ver, para comezar, na estraña nostalxia que os seus líderes parecen profesar aos anos 30. Dun lado a outro do arco cren ver --respectivamente-- fascistas e comunistas campando pola cidade, instalados na administración e as rúas. Que, ollo, algún hai! Pero se un se fía dos candidatos parece que Madrid está sitiada e que a xente vive con medo de que a sirena antibombardeo os comande a baixar ás présas a refuxiarse no metro --por exemplo, na estación de Manolita Malasaña--.

Díaz Ayuso gañará as eleccións porque, a diferenza do resto de candidatos, foi capaz de entender que as medidas concretas, as ideas, importan máis ben pouco nesta campaña. As urnas madrileñas decidiranse no mito, na consigna, e canto máis banal e máis abstracta mellor e máis fácil

Este clima de irrealidade, claro, ten moito que ver con non querer falar das cousas do día a día. Ou non poder. Chama a atención o impacto da consigna que lanzou días atrás a candidata popular: “socialismo o libertad”. Coincidirán que, así en abstracto, non deixa de ser unha trapallada. Si, vale, pero funciona. Porque Ayuso, para tristura da esquerda, está sendo capaz de marcar a axenda, de arrastrar o discurso ao seu terreo, o terreo de Manolita Malasaña, e alí de pouco serven xa as análises gramscianas que poidan facer os ex-profesores da Complutense; non falo xa de catedráticos de metafísica.

Quero dicir, que Díaz Ayuso gañará as eleccións porque, a diferenza do resto de candidatos, foi capaz de entender que as medidas concretas, as ideas, importan máis ben pouco nesta campaña. As urnas madrileñas decidiranse no mito, na consigna, e canto máis banal e máis abstracta mellor e máis fácil. Este verán coincidía cuns amigos sobre o triste e tenro que resultaba ver a Pancho Casal falando de propostas no debate a sete das eleccións galegas. “Propostas, di este! Debe pensar que estamos nos 70”. Feijóo, por exemplo, si soubo ver as vontades da inconcreción, das medias luces --na noite todos os gatos son pardos--, un recurso moi importante cando o teu proxecto choca de fronte coas bases do sistema que pretendes gobernar. As eleccións, de aquí en adiante, xogaranse nun flash, no puro márketing, en que tipografía nos gusta máis ou que candidato é de mellor ver. É o que digo: neste momento hai política en todo agás na política.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.