Marcos invisíbeis, fronteiras impensadas

"O que non está na Constitución non existe", afirma  o cinéfilo e cultivado Eduardo Torres Dulce, fiscal xeral do Estado. O legalismo acada así unha formulación que o goberno central executa por toda parte mas non ousara  exprimir dun xeito tan requintado como delirante. Porén,  unha cousa é sabermos que os estados liberais democráticos tendan a defenderen a legalidade fronte a calquera dinamismo, e outra, acreditarmos que só o que é legal é real.  Reducido a pura legalidade, sob imperio do  "legalismo ideolóxico", o corpo social ten sido submetido en nome dos universais, tan caros aos ortodoxos e dogmáticos, sexa en nome do Rei, de Deus, do Diñeiro, do Estado ou dos diversos ismos. Neste momento o que trunfa é o culto da legalidade. En particular, do constitucionalismo.

O legalismo acada así unha formulación que o goberno central executa por toda parte mas non ousara  exprimir dun xeito tan requintado como delirante

Afeitos a sentir falar do submetimento do político ao económico, a submisión da política ao legalismo ideolóxico tórnase o marco invisibel da constitución substanciado na “monarquía parlamentaria” que resolve os antagonismos esenciais non resoltos na mol e vehemente política centrista que a acompaña. O debate de 8 de abril no Congreso foi ben interesante, con máis apelacións a alicerces étnicos no nacionalismo de Estado que no periférico. Moitas esencias e poucas razóns razonantes. España  “é” o que une e o destino, seu é o contentor e o sentido, a completude e o protagonismo, a solución histórica, o exemplo acaído de estado nación, a metrópole da nación máis antiga do mundo que reescribe o seu pasado; ela é Europa e manantío de lexitimidade, súa é a metáfora; é máis porque é propietaria e xenerosa, protagonista solidaria e soberana, a que domina e a do imperio da lei, a que dicta; o estado é seu; súa é a vontade; a unica nación nacional, a que dicta quen son os outros, pois seu é o peito que os amamanta e fixa nas fronteiras,  quen interpreta o que nos convén, pois seu é o saber do que é legal e do que non. 

Que marxe queda para acción política e para un outro pensamento fóra da misión mesiánica dun Estado aferrado ao neoliberalismo centrista?

Cataluña (os outros) é o que separa, a fronteira e o atranco, a anomalía  e a metonímia, un anaco e un problema; a provincia malpagadora e o afora; quen non sabe o que lle convén,  o idioleto e o desexo; o eterno vernáculo. Que marxe queda para acción política e para un outro pensamento fóra da misión mesiánica dun Estado aferrado ao neoliberalismo centrista? Procurando o ben común  na inmediatez emprazada e non só a liberdade usufructuada polo egoismo dun cantos. Con certeza, no sentido ideolóxico máis puro, o constitucionalismo desaba en naturalismo. Un xeito de despolitizala malia seguir sendo ideolóxica.  O problema xurde cando a función “marco” da ideoloxía que debería ficar baleira, dí Zižek, acaba cheo de contido material, intre no que a ideoloxía pode ser denunciada. Cando deriva en despolitización do mercado ou ceiba as súas tendencias homoxeneizadoras antes ocupadas pola extrema dereita.

Cando a maioría que fai bandeira da Constitución cala perante o imperio da lei.  Convertido en elemento ideolóxico a ética da convicción  esmorece perante a maquinaria homoxénea e purificada do mitolóxico grau cero da Transición. Cando fai derivar a ética da responsabilidade  en puro exercizo do poder. A casuística a miúdo leva a firmar o que non se pensa. Sería aconsellabel evitar o hegelianismo  benintencionado mas acho que sería máis nutritivo superalo, quer dicer, conservalo en tanto é superado. Ao cabo, a hegeliana "lóxica do peche" ensaiada polo fiscal xeral debería servirnos para loitar contra todo o que enmascara a deriva legalista a costa de afastar cada vez máis a política da ética. Pola contra, co anuncio da abdicación e a aprobación da lei orgánica de reciclaxe onanista para os afeccionados á Transición, estase a perder a oportunidade de pensar vieiros para alén do rexime "normal".

Foucault transformou  a idea de Clausewitz, para quen a guerra é a continuación da política por outros medios, na política como continuación da guerra por outros medios

Foucault transformou  a idea de Clausewitz, para quen a guerra é a continuación da política por outros medios, na política como continuación da guerra por outros medios. A cuestión que aquí se plantexa  é a de que reducindo  a política ao legalismo ideolóxico sustanciado na constitución, formúlase o imperativo ético do autoengano consciente, dos constitucionalistas que calan o feito de que Xan Carlos tornouse rei por decisión persoal de Franco. Quer dicer, lembrémolo,a monarquía non derivou da súa restaruración institucional mas dunha continuación do rexime franquista.Segundo esta lóxica, aprobada a Constitución, o monarca ficaba  refrendado en termos democráticos, mália ser condición de posibilidade da carta magna a solución de continuidade da Xefatura do Estado. Reducindo a realidade a legalismo ideolóxico acho que se elude o pormenor decisivo de que moitos dos artigos da Constitución son resultado do golpe do 36 á república parlamentar. O franquismo ficou incrustado e non fora. A Constitución do 78 tornábase así no franquismo por outros medios.

 

Marcos invisíbeis, fronteiras impensadas (2)

FRONTEIRAS. Duchamp dicía que o observador  fai o cadro. Rimbaud  imaxinaba  Europa como un frontière impensée da democracia. Albiscaba unha outra experiencia europea sabedor que coa lexitimidade das ideas non abonda e precísanse desenvolver prácticas políticas, sociais e culturais que leven a unha nova forma de pensar e de representar.

Enxergar un fin definitivo das fronteiras na terra media que é Europa, non debería ser percibido como un atentado ás soberanías mas si unha conquista de todos os europeos se debruza  no dereito dos pobos emprazados a existir

Enxergar  un fin  definitivo das fronteiras na terra media que é Europa, non debería ser percibido como un atentado ás soberanías mas si unha conquista de todos os europeos se debruza  no dereito dos pobos emprazados a existir. Rexeitar co poeta o conforto do mito que explica as orixes antepostas, significa enxergar que a referencia histórica construída está a ser utilizada  polo imperativo categórico neoliberal para  esmagar o interese xeral e o ben público. A mutación europea non é porque si, portanto, convén non acreditarmos en quen banaliza con frivolidade calculada cada vez que hai eleccións europeas, un proxecto que os propios que o lideraron teiman en describir só en termos de burocracia para xustificaren só o seu desleixo e inoperancia. Aquén Maastricht, procuremos outra visión.Precisamos novos conceptos, novos mapas que cobren a complexidade do mundo de hoxe e trazar sobre as liñas de tensión a nova xeografía do  futuro, abrindo outros lindeiros e establecendo un outro padrón de inferencia que nos axude a determinar que clase de argumentación  está realizando o texto acerca de Europa e do mundo en si, cando menos dalgunha pequena parte do mesmo. Mesmo cando a imaxe que nos facemos perde a súa reivindicación de congruencia, cómpre teimar en tirar un argumento acerca do mundo, a saber, maneiras de acrescentar motivación ao que vivimos. Nos derradeiros anos a indignación tornouse un espazo de veras produtivo, mas agora o problema é que o prezo de poñer a cabeza no parapeto é ser varrido instantaneamente por este poder global que, precisamente por ter  unha orientación máis sensíbel diante da diferenza, é absorbida.

MAPAS. Goethe afirmaba no seu diario da Viaxe a Italia: “se non foi cercado polo mar por todos os lados, non ten ningún concepto de mundo ou a sua relación co mundo”. Ao describir as coordenadas xeográficas do seu mundo e tras a contabilización das terras orientadas ao norte, os galegos da Mariña e do Ortegal, como expertos agrimensores-xeógrafos cando escrituraban non se limitaban a  dicir que o monte medio  e as súas leiras limitaban ao norte coa gran mancha azul do océano mas con Inglaterra mar mediante.. A formulación náutica da agrimensura é líquida porque a realidade é posíbel (pode ser simbolizada) e refírese á conciencia. O mar como lindeiro final e a Bretaña Maior como confinante e parceiro ou como “ameaza” exterior? Procurando proximidades non tan obvias, ao seu modo  encontraban o seu lugar no mundo.  Ao cabo, Europa nunca foi para os galegos unha distante realidade nos longos períodos de exclusión española, mesmo nos arrabaldos do Camiño a sombra europea ocupaba o seu lugar no  imaxinario mitosimbólico malia ter na historia española unha realidade distante. De feito, a gran mancha de auga está ateigada de lugares con nomes de noso, palabras para abenzoar, balizas secretas,  baixos no camiño do mar  para non nos perder. A escrituración dos montes é un mapa que proxecta  unha narrativa temporal asentada nunha particularidade  e non nunha imaxe espacial esencial e a-histórica. Os parceiros envolvidos no seu material. Pasaran os séculos, e os viaxantes, comerciantes e outras misións de peregrinaxe nordestina fixeron conta de nós cruzando fronteiras e representándonos.

Europa nunca foi para os galegos unha distante realidade nos longos períodos de exclusión española, mesmo nos arrabaldos do Camiño a sombra europea ocupaba o seu lugar no  imaxinario mitosimbólico

Tampouco nós lles éramos  alleos e nos imaxinaban, ás veces mesmo salvando a ironía e os matices que outros non souberan ver. Hai anos, nun breve percurso por Londres, paseando entre  as loxas ateigadas de antigüidades de Portobello Street, fun dar coa folla desprendida dun atlas xeográfico, anaco de papel lixeiramente rectangular da segunda metade do XVIII que ben chamaría a atención de calquera coñecedor da península ibérica, non sei se tamén a do historiador ou a do erudito cartógrafo. A lamela é un caso: representa unha península dimidiada polo trazo da augada na que o rectángulo portugués morría na Galiza norte e non no Miño. No contexto da guerra do reino de España e Francia organizada polos Borbóns  en 1762 contra  o poder emerxente da Gran Bretaña e o seu aliado Portugal, tras a firma do terceiro Pacto de Familia, os ingleses representaran nun atlas  a ser difundido Portugaliza. Galiza e Portugal como un todo, un continuum que ultrapasa as fronteiras constituidas.

Diante do achado podemos facer calquera cousa, repararmos na abundante toponimia que identifica os portos naturais das rías e mesmo estañar na improdutiva interpretación de que foi o resultado das aspiracións territoriais do acaparador poder británico en Europa e América, sendo o seu principio inspirador a desconfianza diante do poder absolutista do outro imperio, mas podemos achar que non son resultado da arbitrariedade e, por tanto, non deberían ser ignorados.

Cultivemos a imaxinación política. O atlas inglés e a compra-venda  nordestina compartillan algo en canto “pensamentos do espazo”; fan do “medio” a “mensaxe” no sentido de “destruír” o marco de referencia tradicional  que alén do reverso  de vaidade, reflectiren  dende diferentes  contextos lexitimadores e modelos de acontecemento, unha mesma angueira de representar e de representarse, diverxente das coordenadas ao uso. Unha teatralidade que se torna deriva dos signos, un limiar entre a vida e a representación, unha metaficción: ao cabo, toda historia é literatura que nos fala máis do presente do que do pasado.

Asimetrías e cultivos divididos que “exclúen” aos “outros”, entanto outras formas de comunitarismo de rango superior (parroquial, mancomún) poderían unilos en solidariedades elementais que se evocan na evocación performativa dos “outros”, nunha lonxanía ausente na que o “mar por medio” constitúe unha res extensa propia. Quen non habita- dí Sloterdijk- non se conduce coa súa contorna como un cartógrafo ou agrimensor.  De aí que unha vez medido o monte, a escritura  achegue esta inclusión creadora nunha unidade de maior alcance rexional definida coa fórmula limita ao norte con Inglaterra mar mediante.

Reterritorialízase o mar, o que de seu é  metáfora de desterritorizalización. É a realización dunha vontade encarnada no seu lugar logo de terse solucionado os pareceres encontrados na tirapuxa de compra-venda ou na partilla do herdo. Puro espírito local-civil que, fronte a simples semántica do interese propio, acha un equilibrante límitador no horizonte semántico de crecemento do mundo dende as leiras creativas. Así, o horizonte escorre até tornar Inglaterra  unha leira máis na fronteira imaxinaria, en tanto o mapa inglés que espreme os matices que outros non souberan ver opera como recoñecemento (imaxinario) de si mesmo tendendo pontes entre o simbólico e o real. Tamén o mapa inglés  nos ofrece a singularidade dunha imaxe especular de noso que opera como crenza;  é unha ilusión ou fantasía estruturante -en sentido lacanián-, mas temos que acreditar nela (as estimulantes  linhas força de Joám Lopes Facal exploran, ao meu ver, ese soño). O mapa e a escritura representan un desafío fronte a orde ríxida dos marcos invisíbeis e ofrecen, ao seu xeito, a relativa desorde da excepción. Desafíannos a transformar as concepcións previas e ampliar a capacidade de imaxinación; ao cabo, singularidade é o que non pode xustificarse por ningunha norma ou acordo anterior, pola contra, é a propia norma a que ten de ser mudada para facerlle sitio á singularidade.

A fronteira impensada que imaxinara Rimbaud refería unha cultura política, un xeito de facer

Formas de representarse a realidade que guindan unha pregunta, trazan lindeiros, albiscan pasos,  establecen unha problemática que apunta a unha necesidade de utopía. Velaí o europeísmo que se está a perder co culto á relixión do Capital. Tomemos ao pé da letra aos creativos. O mar mediante dunha Europa reducida a mercado ou a Maastricht, a uns tratados. A fronteira impensada que imaxinara Rimbaud refería unha cultura política, un xeito de facer. As fronteiras norteafricanas do estado español ou a nova lei do aborto non son por acaso fronteiras lexislativas entre o que pode e o que non pode ser representado – non para transcender a representación-, mas para expor o sistema de poder que autoriza determinadas representacións encanto bloquea, prohíbe e invalida outras que ben poderían servir mediación de ida e volta entre as diversas rexións da vida social? O ámbito da política e súa práctica actual piden a berros unha revisión que as formas extremas do individualismo globalizado  por unha banda, e a narración única da metafísica constitucional por outra, obturan dificultando así a elaboración dunha narración que atinxa ese oco no que corpo social teña o enteiro mar mediante por guía.

Debe ser porque  quen isto escribe considera que reinventarmos Galiza non é imposíbel

Debe ser porque  quen isto escribe considera que reinventarmos Galiza non é imposíbel. E porque se pode cultivar a crítica social radical contra as desigualdades sen precisarmos a roteiro onto-epistemolóxico da metafísica constitucional.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.