Marea Atlántica: balance e desafíos

As eleccións municipais do ano pasado déronlle o goberno ás opcións municipalistas nas tres cidades das Rías Altas, aínda que en minoría. Marea Atlántica, na Coruña, foi a que desatou o proceso. A súa forma era a máis afín á idea dun partido-movemento, e o seu discurso e posicionamento político quizais o máis innovador.

A cidade é unha anomalía. A pesar do seu tamaño, aloxa na súa zona metropolitana á máis importante das multinacionais do sector téxtil. O seu fundador, hoxe en día o home máis rico do mundo, vive nun dos enclaves da conurbación, gobernado desde a Transición por un partido xurdido do movemento veciñal dos anos 70. Cada vez que regresa desde os seus headquarters a unha das súas mansións, ten que percorrer a Avenida Che Guevara e pasar por diante da estatua dedicada ao guerrilleiro. Nun extremo da cidade, as altas chemineas da refinería dominan o horizonte. No outro punto, os enormes transatlánticos corren un veo que esconde á vista as edificacións costeiras. Entremedias amontóase unha masa inxente de desempregados e precarios dedicados ás distintas industrias dos servizos, a loxística, a hostalería, o comercio, as artes gráficas, a comunicación e o audiovisual.

Como en tantos outros lugares, a cultura cívica réndese ao fálico e smart. Nos anos 20 una das súas sedes bancarias foi durante anos o edificio máis alto do país. Nas décadas seguintes o cidadán quedou sen máis falo que acariñar. Ao final de século chegou o paseo marítimo que as oficiñas de turismo reivindican como o máis longo de Europa. E pouco despois un centro comercial do tamaño dos máis grandes do continente, o único que subsiste dignamente da media ducia construídos ultimamente. Sen máis do que alardear, dise que a cervecería central de Estrella Galicia rivaliza en consumo coas súas homólogas alemás. Ten á súa vez o dubidoso mérito de condensar o maior complexo financeiro do Noroeste. Pero, tras o desfalco, pouco queda para o orgullo. Rescatada a antiga Caixa Galicia con 9.000 millóns de euros públicos, pouco despois o PP vendeulla ao capital venezolano privado pola novena parte. Durante a pasada campaña electoral os buses urbanos transitaban as rúas carreteando a propaganda institucional dos populares: “Como non podiamos facela máis bonita, fixémola máis intelixente”. O emprego dos 11,5 millóns recibidos para o proxecto da smart city confirman que hai máis intelixencia no nome que nos seus xestores.

Estes días o pleno do Concello acadaba aprobar ao fin os orzamentos. A Marea quéixase dunha oposición desleal que nin se atreve a impoñer unha moción de censura, nin a deixa gobernar. Aínda por riba, a reforma de Montoro maniata a todos os gobernos municipais, minguando a xa exigua autonomía municipal. No Estado Español os municipios xestionan un 14% do gasto público, a terceira parte que nos países escandinavos. Un pode apostar sen risco a que, así deixada a economía en mans dos promotores e construtores, este dato ten que ver cos altos niveis de corrupción municipal vividos durante a época da bonanza especulativa.

Coa crise ningunha outra cousa parece posible senón xestionar a austeridade e limpar de podremia os despachos políticos. A Marea conseguiu reducir a débeda municipal e cadrar as contas, aumentando a transparencia. Campións da austeridade, bótase á poboación na súa contra ao recortar en festas. Non hai diñeiro para proxectos estrela, ou iso parece. O goberno tenta “humanizar a cidade” con pequenas intervencións que pasan desapercibidas, e en contrarrestar os ataques amosando que aínda sen experiencia eles tamén poden ser bos e grises xestores do gasto ordinario. Que outra cousa pódese facer?

O máis próximo a un proxecto emblemático é a “Renda Social Municipal”, da cal non se beneficiará máis que unha minúscula parte da poboación, entre o 0,85% e o 1,65% máis pobre. O programa de participación avanza lento e consome as enerxías do grupo de goberno, que cada mes visita os barrios para escoitar as súas reivindicacións e render contas. Co primeiro preténdese unha intervención económica, o segundo apunta cara á democratización. Ambas medidas, mal encamiñadas, evidencian a escasez de ideas ao respecto.

No económico, certo que está conxelada a posibilidade de crear “empresas públicas”, pero o que se proscribe non é máis que unha figura xurídica. A prohibición pode converterse en bendición se lle leva ao goberno a pensar noutras formas de empresarialidade social de índole cooperativa que fuxa das lóxicas propietarias e patronais da empresa pública. Este cooperativismo ben podería conectarse virtuosamente cos programas de “Rendas Sociais”, e contentar ao pequeno comercio se se articula a través de “moedas municipais”, como as que existen en tantas outras cidades, grandes ou pequenas, mesmo en barrios como Brixton, para crear emprego e recuperar fluxos de capital.

No democrático, resulta difícil crear unha “cultura participativa” ao modo previsto. Ou é agonal, ou os futuros orzamentos participativos fican abocados ao fracaso. Ou se goberna a golpe de plebiscitos ou consultas vinculantes desde xa, resucitando o entusiasmo popular e os seus movementos, ou o pleno no que están en minoría impoñerase para dar por morta a lexislatura. A escasez de competencias municipais e o proceso centralizador dos últimos anos tan só poden ser combatidos deste xeito, apostando por unha vía tan valente como arriscada, pero sen a cal nada é posible.

A democracia participativa e agonal, e a vigorización da economía desde o público e o común, poden ir da man e resultar politicamente efectivas se son ensambladas en arquitecturas estratéxicas que non necesiten do fálico para erguerse como emblemas do cambio. “Ágoras cidadás”, en honra do 15M, espazos polivalentes, produtivo-deliberativos, que congreguen á masa que malvive entre as chemineas e os cruceiros oceánicos. Ágoras conectadas nas plataformas que poñan ao seu servizo as posibilidades do emerxente Internet das Cousas, e do big data que ata agora o público non soubo explotar en termos produtivos, para darlle así unha volta tamén á desencamiñada idea da smart city. A ofensiva paralizante da oposición non pode máis que ser contestada ao ataque, co movemento e a intelixencia colectiva. Non queda xa moito tempo para emprender este xiro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.