Marea galega: de veras unidade, de veras popular

Os tempos son chegados. A onda do cambio que abaneou os concellos está tomando impulso para chegar aos parlamentos do estado e galego. Palabras que semellaban esquecidas, igualdade, xustiza, participación, esperanza, ben común, retornan, ábrense camiño a través de lousas que intentaban soterralas, lousas de corrupción e desleixo, de palabras intratables como desafiuzamento, paro.

Que os tempos cheguen depende de sermos quen de articularen candidaturas de unidade popular para as eleccións xerais e autonómicas

A onda do cambio está tomando impulso para converterse nunha marea galega, mais esta marea non é, non será un fenómeno natural: precisa do esforzo solidario das mulleres e homes galegos. Digo das mulleres pois unha auténtica mudanza ten que levar a equidade, a participación das mulleres, na súa cerne. Que os tempos cheguen depende desas vontades compartidas. Que os tempos cheguen depende de sermos quen de articularen candidaturas de unidade popular para as eleccións xerais e autonómicas.

Aínda sen seren idénticas, nacen do protagonismo cidadán, do activismo de base, unindo persoas e colectivos que estaban dando as batallas a favor da escola e da sanidade públicas, contra os desafiuzamentos, as privatizacións, a violencia machista

Que deberían ter estas candidaturas para ser de veras de unidade, de veras populares? Para entender os seus trazos cómpre mirar ás mareas das municipais do 24M, Marea Atlántica, Compostela Aberta, Ferrol en Común, e outras de vilas e pequenos concellos que sumaron esforzos en condicións moi difíciles. Aínda sen seren idénticas, nacen do protagonismo cidadán, do activismo de base, unindo persoas e colectivos que estaban dando as batallas a favor da escola e da sanidade públicas, contra os desafiuzamentos, as privatizacións, a violencia machista. Despois, nun segundo plano, partidos como Anova, Espazo Ecosocialista, Equo, Esquerda Unida ou Podemos, e nalgúns casos outros como Compromiso por Galicia, apoian as mareas, intégranse nelas, aceptando o liderado cidadán, os procesos de primarias para as listas, o compromiso coas decisións das asembleas.

Hai moitas formas de candidaturas populares, porén entendo que as máis xenuínas son as que teñen raíces na iniciativa cidadá, das persoas –sen afiliación partidaria ou con ela– comprometidas co cambio

Hai moitas formas de candidaturas populares, porén entendo que as máis xenuínas son as que teñen raíces na iniciativa cidadá, das persoas –sen afiliación partidaria ou con ela– comprometidas co cambio. É un exercicio interesante mirar os programas, propaganda e listas das mareas de A Coruña, Compostela ou Ferrol, e comprobar a case total ausencia de referencias aos partidos que as apoiaban, até o punto de que o 24M houbo moitos casos de votantes que se achegaron ás mesas para preguntar en que candidaturas se integraban uns ou outros destes partidos. Cómpre facer explícito que atribuír un rol secundario aos partidos non significa menosprezar o seu papel, nin as súas traxectorias de resistencia, senón constatar que neste momento histórico o protagonismo corresponde á cidadanía. Por descontado que as persoas que teñen ou tivemos militancia nos partidos formamos parte desa cidadanía.

En Galicia a unidade consiste na colaboración entre a cidadanía, os partidos nacionalistas, de ámbito galego e mais os partidos da esquerda estatal

Que significa unidade? Mirando de novo ás mareas, eu sosteño que en Galicia a unidade consiste na colaboración entre a cidadanía, os partidos nacionalistas como Anova ou Compromiso por Galicia, e de ámbito galego como Espazo Ecosocialista, e mais os partidos da esquerda estatal como Esquerda Unida, Equo ou Podemos. Isto require que os partidos de ámbito estatal acepten cuestións como o dereito a decidir, e o estado plurinacional. No horizonte das eleccións xerais un obxectivo debe ser a constitución dun grupo parlamentario galego. Aínda que o Bloque Nacionalista Galego non participou nas mareas municipais, eu teño a esperanza de que si participe nas mareas galegas para as eleccións xerais e autonómicas. O camiño non é fácil, mais cómpre xenerosidade e imaxinación.

En Toba, en Fisterra, onde mergullei no galego, chaman ás ondas tombos. Eu espero que a onda do cambio sexa un tombo que envíe a dereita a rebolos a un pasado que non debería repetirse. Necesitamos esas mareas galegas. Que os tempos cheguen depende de todas e todos nós.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.