No século XX, unha parte da esquerda –a marxista-leninista–, alén de levar a cabo un labor de vulgarización e dogmatización do legado marxiano, pretendeu superar o capitalismo mediante a instauración de réximes despóticos e acabou varada nunha vía morta. Outra parte da esquerda, pola contra, elixiu a democracia, abandonou o marxismo como núcleo ideolóxico e adoptou un programa híbrido que, partindo da constatación de que o capitalismo non está na súa derradeira fase, optou por un enfoque socialista de regulación do mercado e de xustiza social. En 1959, no congreso extraordinario de Bad Godesberg, o SPD afastouse do marxismo e decidiu non cuestionar a economía social de mercado como fundamento do progreso económico e da democracia. Non é de estrañar que o PSOE, apoiado polo seu gran valedor, precisamente o SPD de Willy Brandt –e, en xeral, os partidos socialdemócratas europeos–, se dotase inicialmente dun ideario marxistizante –irrenunciábel no contexto da loita antifranquista– que abandonaría xa en setembro de 1979, nun congreso extraordinario, para asumir un discurso de corte socialdemócrata e social-liberal.
Hai achegas do marxismo, convenientemente reelaboradas e actualizadas, que lle convén retomar hoxe á esquerda socialdemócrata? Hainas, e non son poucas. Miremos tres exemplos. (a) O internacionalismo, que se volve decisivo fronte ao potente pensamento único da gobernanza neoliberal do capitalismo globalizado. Ou (b) a posibilidade de mitigar coa acción política a contradición entre o capital e o traballo, cuxas consecuencias non son unha sorte de fado. Certamente, o traballo é unha fonte do valor na economía capitalista, e isto é o que explica o afán de controlar os empregados. Pero a explotación laboral, cuxa finalidade é a maximización dos beneficios, non é unha fatalidade histórica, senón unicamente unha decisión política. Finalmente (c), a loita de clases, que segue a existir, aínda que transformada nunha agresión estrutural do capital aos sectores dominados e desarticulados –afectados por unha desigualdade que se volveu endémica–, reducidos á impotencia, á indiferenza e á pasividade por unha maquinaria propagandística brutal que implantou nas nosas cabezas a idea de que as cousas son inevitábeis e non van cambiar.
O capitalismo segue a causar problemas gravísimos, e se algo nos aprendeu Marx é que a única maneira de forzar o sistema é a acción intelixente e organizada dos dominados
Historicamente, a socialdemocracia rexeitou tanto o determinismo marxiano como o laissez-faire liberal, e elixiu a acción política democrática para maximizar os aspectos positivos do capitalismo e minimizar os negativos. Esta empresa está hoxe en perigo en Europa. Aínda está por ver que a socialdemocracia, que avogou por un socialismo que xestiona o capitalismo para desenvolver nada menos que o Estado do benestar, se revele, igual que o marxismo-leninismo, como un experimento fracasado. Debe daquela a socialdemocracia abxurar do marxismo en bloque? Ou debe, pola contra, recuperar criticamente aqueles aspectos do marxismo que teñen un alto valor analítico e permiten, xunto co (pos)keynesianismo, o decrecentismo ou a economía feminista, por exemplo, reconectar a economía cos problemas sociais e ecolóxicos e servir como alternativa ao neoliberalismo? Porque o capitalismo segue a causar problemas gravísimos, e se algo nos aprendeu Marx é que a única maneira de forzar o sistema é a acción intelixente e organizada dos dominados.
Publicidade