Masa crítica para a República dos Concellos

Se non me engano, que son de letras, a masa crítica vén a ser algo así como a cantidade mínima de material necesaria para que se manteña unha reacción nuclear en cadea. Socialmente, a imaxe suscita en nós certa idea de revolución sen pausa e posúe unha gran potencia metafórica. Talvez por esa razón, Rafa Sisto acudiu a ela na Conferencia Nacional sobre as eleccións municipais que Anova celebrou na Casa Común de Rarís (Teo) o pasado 30 de novembro. A masa crítica como condición para os gobernos populares que xurdan das próximas municipais.

Na idea de masa crítica conforme a formulaba Rafa Sisto —e tamén Beiras xa hai dúas décadas— como garantía de continuidade e progresión dun exercicio do poder municipal que vaia máis alá da xestión da miseria en favor dunha minoría, hai tamén unha conexión coa idea de partido movemento que, coma a olorosa pantera de Dante, persegue Anova desde o momento mesmo da súa fundación. O partido movemento como ferramenta construtora de redes de cooperación popular. Ou sexa, construción de comunidade e de institucións alternativas. Porque alá onde empeza a agromar a dualidade institucional, onde a iniciativa popular emerxe para cubrir os espazos que as institucións do réxime abandonan ou eluden, un novo poder aspira a reconfigurar o mundo e reordenar a súa base material. Neses instantes históricos, o pobo impón novas formas de goberno, practica a democracia radical, absoluta, fai das súas institucións embrionarias ferramentas contra o réxime que está en declive, organízase como Cidadanía Republicana Constituínte. É Novo Poder Constituínte.

O momento de caos sistémico, de crise orgánica do capital e de apodrecemento do réxime posfranquista instala a excepcionalidade. As vellas organizacións clásicas perderon toda lexitimidade para manter a súa exclusiva sobre a acción política, a mediación e a representación. Ao quedar disolta a delimitación entre o regular e o extraordinario, ábrense todas as portas a posibilidades que van moito máis alá do permitido polo réxime, máis alá mesmo do que o vello sentido común sistémico é xa capaz de concibir. A famosa hexemonía, outra olorosa pantera para a esquerda, anda aos tombos, e iso quere dicir que se albisca lugar para un sentido común alternativo. Aí está; a famosa contrahexemonía.

A crise da representación, unha fiel proxección da crise dun modelo económico que enriquece desesperadamente unha porcentaxe ínfima da sociedade por conta do traballo sobreexplotado da inmensa maioría, esixe un compromiso ético e político: limitación de mandatos, moderación nas percepcións económicas e, sobre todo, revogabilidade e fórmulas de participación e poder popular para un xeito radicalmente novo de entender a democracia. Ao seu lado, un programa de accións que dea prioridade á propiedade pública e aos intereses da maioría sobre o negocio e os intereses privados dunha minoría selecta. A construción dun espazo político do común. Xa non abonda con acceder ás institucións para xestionalas mellor e máis limpamente, para deter os golpes deste capital que se reestrutura desestruturando o traballo. Sen renunciar a unha xestión xusta, democrática e eficaz do ben común, cómpre ir máis alá. As institucións do réxime xa non saben conter as necesidades populares e entran en contradición coas novas formas —e esixencias— de entender a política e a xestión democrática do ben común e do espazo público. O proceso de cambio, pois, non poden protagonizalo as organizacións, ao vello estilo; iso sería recaer na mesma fractura que caracteriza o réxime. O suxeito da ruptura democrática desborda necesariamente as organizacións. A esquerda que saiba comprender a natureza, a dimensión e a necesidade do proceso confluirá no ámbito da unidade popular. Sen medo sequera a diluírse nel.

E para que a unidade popular sexa efectiva, real, e non un simple reclamo, iso que se deu en chamar  significante flotante —ou baleiro— a súa dimensión política non pode ser secundaria, ten que facerse recoñecible. Ben mediante unha referencia común, unha denominación única para todas as candidaturas populares que se desenvolvan por Galicia adiante, ben como unha constelación de candidaturas que, alén das súas especificidades, fan parte identificada do mesmo proceso de creba democrática. Nese sentido, xa non é suficiente unha simple suma de siglas. A unidade popular é un proceso expansivo incompatible co fetichismo da organización. O fenómeno político das mareas dinos aquilo que xa o 15M —e antes o movemento Nunca Máis, esnaquizado por unha redución instrumental— foi capaz de pronunciar: o pobo soberano é irrepresentable e toma nas súas mans, sen mediación, os ramais da política. Falamos das mareas non como marca, senón como ámbito de participación de persoas que militan en organizacións sociais, culturais e políticas, canda individuos sen militancia, en pé de igualdade, todas e todos sometidos ás decisións democráticas da xente. Isto non esixe que sexan necesariamente as persoas sen militancia as que propicien estas zonas de construción da unidade popular. As organizacións da esquerda de ruptura, nomeadamente Anova e aquelas que fan parte dun espazo AGE en expansión, terían que asumir esta tarefa política de forma prioritaria. Non se trata de ningunha caste de impulso vertical nin de control da expresión popular. Todo o contrario. Simplemente se trata de abrir o espazo para que eses procesos, necesariamente autónomos, se poidan producir.

Na historia e no terreo social nada hai irreversible, aínda que todo o pareza. Tampouco o proceso de unidade popular, mediante o que a multitude se constitúe en suxeito autónomo que desborda as organizacións, as súas marcas, as súas tácticas de mercado, os seus marcos. Por iso é importante, creo, acumular forzas diferentes na mesma dirección. Que ninguén pense que ningunha transformación será posible sen procesos de confluencia e de unidade. Que ninguén se arrogue en exclusiva a representación dese suxeito autónomo que xorde precisamente contra a representación e contra a expropiación —diferimento— da súa capacidade política colectiva. Que ninguén ouse suplantala, por moi embebido de euforia demoscópica que se sinta, porque cando só serve gañar, a derrota e o abandono de posicións ocasiona frustración masiva e efectos altamente reaccionarios.

O proceso de unidade popular comezou en 2012 co nacemento de AGE, pero sería suicida dalo xa por concluído. AGE é terreo conquistado, e por tanto non se abandona, pero enfrontalo ou opoñelo ás mareas ou a calquera expresión expansiva da unidade popular sería todo o contrario do que o espírito dese primeiro chanzo de acumulación de forzas esixe. Tampouco en AGE é a sigla o que importa; importa a idea e a práctica unitaria, unha práctica que necesariamente superará os límites das organizacións coligadas, todas elas imprescindibles pero non suficientes. Enfrontar AGE ás mareas sería confundir o instrumento co proceso e cos obxectivos, inutilizalo. Outravolta, o fetichismo da mercadoría, ou sexa, da organización.

Non se trata de apañar un nicho de mercado electoral estable (e por tanto sempre minoritario), xa só nos serve gañar. A cuestión non é, pois, preservar o código de barras da marca AGE, senón desenvolver a idea que dá orixe a ese espazo e que debe continuar expandíndose. Ou sexa, AGE máis alá de AGE.

E o que vale para AGE tamén vale para Podemos ou outras marcas. Quen se sente suxeito exclusivo deste proceso de unidade popular en realidade está a sucumbir aos efectos narcisistas dun simple reflexo de si no espello cóncavo do réxime.

As próximas eleccións municipais serán diferentes. Extraordinarias, nese sentido en que xa os tempos políticos non saben deixar de vivir na excepcionalidade. Esa excepción da normalidade, lonxe de abocarnos ao abismo, por moito que sempre haxa afectados de terror ante a vertixe, abre inmensas oportunidades. Non só dunha xestión diferente, xusta, democrática, ética e popular das cousas do común, que tamén, senón de camiñarmos coa ollada e a determinación postas en novos procesos constituíntes, na nosa articulación como pobo soberano que non pide permiso para configurarse como cidadanía republicana constituínte.

Porque a nosa República da Multitude, que será galega,  terá que nacer na República dos Concellos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.