Máster en educación

Bendita e maldita palabra: educación… Porque pode ser o mellor camiño para achegármonos a unha utópica liberdade. Ai… Pero tamén pode ser empregada perversamente e converterse na mellor ferramenta para a alienación. En realidade, nos nosos tempos, a carga semántica da palabra educación foi derivando cara a unha acepción máis próxima á idea de información ca a de formación. Neste paraíso do materialismo-liberalismo ao que chegamos, a formación cotiza moi pouco en bolsa…

Pero eu tentarei ser educado. E respectuoso co significado das palabras, e das expresións. Por iso quería felicitar como ben merecen aos ministros de Educación anterior e presente e á presidenta da Comunidade Autónoma de Madrid polo insuperable máster en educación que a señora Cifuentes acadou de maneira tan brillante. Xa saben… Os meus máis sinceros parabéns para eles; pero, tamén, para todas as persoas implicadas nesa fervenza de responsabilidades, en maior e menor altura, que facilitaron o tal recoñecemento. Un máster que supera en calidade, de longo, ao mellor Premio Nobel á verdade, á integridade, á dignidade… á xustiza e á ética. Valores que propoñía a Educación para a cidadanía, valores  que tanto lles gustan aos dirixentes e votantes do PP, homes e mulleres, que aboliron a tal materia do “sistema educativo”. Xa se sabe: o importante é a fe…

Ai… Pobre educación! Ai… Pobre “sistema educativo”! Hai tempo que defendo que, na sociedade actual, o sistema educativo ten moi pouca capacidade para mellorar conflitos e problemáticas, cando lle toca facelo á contra; é dicir, en contra dos valores polos que se rexe a sociedade. Violencia,  de xénero ou de calquera tipo, machismo, drogas, prostitución, saúde alimentaria, ecoloxismo, solidariedade, tolerancia, paz… Todo o mundo lle esixe ao sistema educativo que faga algo; que faga milagres, en realidade. Xa ora, difícil encomenda…  Nos tempos do analfabetismo e da preuniversalización do ensino, a persoa que se dedicaba a ensinar era un referente, un faro; e, como consecuencia, tiña un poder e unha autoridade na sociedade que hoxe perdeu. Hoxe, a sociedade mudou. Hoxe, na sociedade da sobreinformación, os valores que o sistema educativo transmite, perderon moita eficacia. A literatura educativa está percorrida de arriba a abaixo, e de esquerda a dereita, por valores positivos e transversais: respecto, tolerancia, comprensión, solidariedade, xenerosidade, xustiza, paz, integridade, dignidade… E a maioría das e dos profesionais do ensino tentamos transmitilos, con maior ou menor acerto, con maior ou menor coherencia… Isto da coherencia é outra palabra clave. Interna e externa. Ás veces, o sistema educativo cae en incoherencias.  Por riba, en moitas casuísticas, a incoherencia entre os valores que transmite o sistema educativo e aqueles que imperan na sociedade é manifesta. Ai… Impotencia…

Si, si… impotencia. Mentres son pequenos, os nenos e as nenas aínda reciben as mensaxes que espallamos nas aulas con certa receptividade; sempre e cando non se contradigan moito coas mensaxes familiares, claro; porque, no caso de contradición, van prevalecer sempre as mensaxes afectivas da familia. Lóxico. Pero, a medida que van deixando de seren nenos e nenas, os estímulos e os valores educativos dilúense diante da tendencia que marcan a sociedade e os seus modelos.  Aínda así, a nosa obriga é insistir e insistir; xa que, por outra parte, para iso nos paga a sociedade. E aquí aparece outra palabra clave: a hipocrisía. Dunha maneira algo simplista, son consciente, sería algo así como: “Ensinádelles aos nenos e ás nenas a que non fagan o que nós facemos”. E, ollo, aquí non se salva nin o apuntador! Os profesores e as profesoras tamén somos sociedade! Ai… Non insultes, non pegues, non abuses, non discrimines, non te aproveites do próximo…

Parabéns, señora Cifuentes, señor ministro… Señora Sociedade… Se hai algo que me alporice de maneira notoria e me provoque úlcera duodenal (si que o hai, moitas cousas), iso é a perversión da linguaxe. A clase política e a clase dirixente da nosa sociedade xogan coas palabras e coas expresións ao seu antollo. E crean tendencia, claro… Sempre defendín que a mentira é a porta pola que se entra nas peores manifestacións do comportamento humano. E, que as medias verdades, cando son mal intencionadas, son as peores mentiras. Ai…

Quería ser educado. E respectuoso coa lingua. E coas persoas. A ver se o consigo…

Señora Cifuentes, é vostede unha mentireira. E unha cínica. E unha hipócrita. E unha persoa prepotente que usa o seu cargo en beneficio propio coa crenza de que o poder a volve invulnerable. Mais… ademais, é inxusta. E indigna. Inxusta porque atenta dunha maneira suprema contra o principio da igualdade de oportunidades. E porque lle fai cargar co morto a quen obedeceu ordes. E indigna porque non asume que é mentireira, hipócrita…. e inxusta. E, por extensión, son todo iso os responsables do seu partido que a xustifican e vomitan indecencia cada vez que abren a boca para facelo. E, por unha extensión máis diluída, pero tamén, considero que teñen certa cota de responsabilidade os seus e as súas votantes, por poñela onde está. Porque, vostede, que ía de exemplo de persoa íntegra, hai moito tempo que participa das indecencias do seu partido e dos poderosos que se serven del. Deixémonos de eufemismos bondadosos, cómplices. O seu partido leva remexéndose no lamazal dos instintos máis baixos do comportamento humano hai moito tempo. Chegou ate tal punto a dexeneración, que moitas persoas do mesmo están no cárcere. Dubido que todas as que o merecen e as máis responsables. En todo caso, a min impórtame pouco o cárcere. A min impórtame moito máis que devolvan o importe económico do defraudado. Ou do conseguido polos atallos. Despois non hai para pensións, nin para reformas educativas serias e verdadeiras, nin para manter un sistema sanitario solidario, xusto… Nin para a dependencia, investigación… Pero, curiosamente, si que hai para salvar bancos, empresas que constrúen autovías e obras civís fantasmas, co único obxectivo de engordar e de financiar campañas políticas… Ou para gasto militar… E para manter privilexios insoportables. Ai… Máis alá dos labirintos legais, deixémonos de andrómenas, e falemos en claves de xustiza e de ética, en clave de verdade. Vostedes son os actores principais dunha sociedade podre. Vostedes son os que poñen nos papeis educativos o contrario do que logo son as súas actuacións privadas e públicas. Pobre educación!

Canto deixo por dicir! Pero creo que teño que ir pensando en rematar este exercicio de libre expresión. De liberación. Que nos queda aos impotentes, aos perdedores? Berrar. Para desabafar. Con respecto e educación. Pero, tamén, coa verdade verdadeira por diante. Na era da parvada esa da postverdade, reivindico a VERDADE dende o significado lexítimo e real das palabras e dos comportamentos humanos. Si, isto dá noxo…! Para que querería vostede ese máster? É que a ambición e a vaidade non teñen límites? Teña agora dignidade e asuma o que fixo. E váiase para a súa casa co rabo entre as pernas, por favor. E deixe de lixar e de contaminar a política, a educación, a universidade… A sociedade. Asuma responsabilidades mirando de fronte. Se un amo lle manda ao seu obreiro pillarlle as peras ao veciño, quen é o máximo responsable? Pero… a que xogamos? A quen pretenden convencer? Señores dirixentes do PP, deixen de xustificar e de defender o inxustificable e indefendible. Pero, outramente, señora oposición, deixe de criticar polo baixiño. Faga un discurso potente e directo, que vimbios para iso hainos a feixes. Ou é que ten medo de afogar no mar da verdade? Ai… Basta xa!

Pero, tamén, señora sociedade, esperte, por favor. Somos paifocos? Porque, que estes comportamentos se perpetúen elección tras elección di moi pouco de nós. Moi pouco… Rexeneración ética integral, por favor! Se non… Pobre educación!

Publicidade

{C}{C}{C}{C}

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.