Resulta complicado tratar de escribir un artigo de balance sobre violencia machista mentres non cesan de chegar noticias de casos e máis casos de agresións contra mulleres. O machismo, por desgraza, non dá treguas nin entende de procesos electorais, vacacións de Nadal e festividades varias e, así, a poucos días de comezar un novo ano, a estatística do Ministerio de Igualdade correspondente a 2016 empeza a tinguirse de vermello ante varios brutais asasinatos.
En Galicia a realidade é dramática. Péchase un ano, 2015, terrible en canto a número de vítimas. Nove. Sete mulleres asasinadas a mans das súas parellas ou ex parellas e dúas nenas cuxo pai decidiu quitarlles brutalmente a vida co cruel obxectivo de vingarse da súa ex muller.
Máis aló do que os datos revelan, como que Galicia foi a terceira comunidade autónoma -unicamente por detrás de Andalucía e Comunidade Valenciana- en número de mulleres asasinadas por violencia machista ou que 2015 pechouse con máis vítimas que 2014 -unha muller máis que o ano anterior-, debemos afondar nas causas e a orixe deste repunte de violencia contra as mulleres.
Evidentemente, os recortes do PP, tanto por parte do Goberno de España como da Xunta de Galicia, teñen moito que ver neste incremento porque a ninguén se lle escapa que a maiores recursos, maiores ferramentas para combater o machismo desde todos os ámbitos. Pero estes recortes non podemos entendelos como cifras sen máis, senón que as partidas deben ser a consecuencia dunhas políticas definidas, transversais e contundentes contra o machismo e a violencia que este xera.
E aí, na orixe, é onde, baixo o meu punto de vista, o Partido Popular ten cometido os maiores erros; uns erros que cualifico como tales porque entendo que ningún partido pode compartir, avalar ou mesmo entender as agresións contra as mulleres, pero que se sustentan nunha ideoloxía conservadora e en ocasións claramente machista. E esta ideoloxía é a que levou ao PP nestes anos para recortar en todo aquilo que soaba a igualdade, o elemento principal sobre o que hai que traballar se realmente queremos acabar con esta lacra.
Retirar do sistema educativo a materia de Educación para a Cidadanía e reducir competencias de forma drástica, a través da Lei de Bases de Réxime Local, aos Concellos, foron demoledores nesta tarefa integral de loita contra a violencia machista. Unha educación en igualdade en todos os niveis escolares e unha prevención, protección e asistencia próximas e personalizadas resultan fundamentais para afrontar o problema serio de machismo que padecemos.
Nos últimos anos, está a percibirse un incremento de condutas machistas na poboación adolescente e xuvenil. Eles, que controlan, someten e, en ocasións, agreden ás súas parellas física ou psicoloxicamente, e elas que, en niveis preocupantes, non só consenten estes comportamentos, senón que os entenden e mesmo consideran sinais de amor. Mateina porque era miña, esa frase levada ao cinema e ao mundo da música, convértese nunha realidade cada vez máis interiorizada e asumida.
Non será o momento de, unha vez por todas, afrontar de forma seria o problema? Non debemos apostar por unha educación afectivo-sexual e en igualdade? Non debemos devolver aos Concellos esas competencias que, en materia de atención ás mulleres, permitíalles ofrecer unha atención directa ás vítimas? Non debemos deixar de escatimar recursos e repoñer todo o que se reduciu en anos anteriores? Non debemos desenvolver na súa totalidade e revisar a Lei Integral de 2004, adaptándoa aos novos tempos e realidades, ampliando a súa cobertura a toda a violencia estrutural de xénero, con independencia do tipo de relación da vítima co agresor? A resposta a todas estas preguntas é obvia: debemos e temos que facelo de forma urxente se queremos empezar a poñer freo a esta terrible realidade. Por iso, resulta agora necesario máis que nunca impulsar un Pacto de Estado contra a violencia machista. Este era un dos compromisos de Pedro Sánchez e unha das principais tarefas que debe afrontar o próximo Goberno, agardemos que progresista. O Goberno de España e, sen dúbida, o da Xunta de Galicia.